Vostede está aquí

Navea quere separarse de Trives (ano 1930)

O catorce de agosto de mil novecentos trinta, veciñas e veciños de Navea asinan un documento no que solicitan a segregación do concello de Trives, coa intención de incorporarse ao concello de San Xoán de Río. O territorio do que se pide as separación é o situado á marxe dereita do río Navea.

Documento orixinal
O documento foi entregado no concello de Trives e como sabemos a solicitude non foi aceptada, o que descoñecemos totalmente é o proceso: se foi discutido no pleno, se había algunha persoa na corporación que o defendera, ...

Lendo os argumentos que expoñen as persoas asinantes, o cambio de concello estaba máis que xustificado:

"O río Navea que serve de límite de separación entre os dous concellos, deixa de selo na mencionada parroquia, que está enclavada dentro do perímetro de San Xoán de Río, polo que aumenta a distancia entre dita parroquia e a capital do Concello de Trives, xa que é necesario bordear o río por un sendeiro de a pé, único, ata chegar a unha ponte en estado ruinoso sobre o mencionado río, para seguir despois por un mal camiño de ferradura a costa chamada da Carballeira. Esta dificultade, grande de por sí para os veciños da capitalidade da parroquia de Navea, áchase considerabelmente aumentada para os lugares denominados Seixo e Lameiros, os cales pode dicirse que están enclavados no municipio de San Xoán de Río, mellor aínda que na propia parroquia de Navea."

"Esta circunstancia fai que haxa que empregar dobre de tempo e con máis risco para salvar a distancia que existe entre Navea e Trives, que de Navea a Río, xa que para este último punto pode facerse a viaxe a cabalo, non soamente para a capitalidade do Concello senón para os pobos situados na parte Este do mesmo, por existir entre os mencionados pobos e o de Navea tres camiños susceptíbeis do tránsito de carros, como demostra no plano que se adxunta."

-"A riqueza principal da parroquia de Navea é o viño e a froita, estes produtos véndense case exclusivamente no termo municipal de Río, non soamente por ser máis accesíbel o transporte dos mesmos a dito pobo senón polo intercambio de relacións comerciais que existen entre os veciños de Navea e os do referido municipio de Río. É dicir, que para Río poden ser transportados os produtos en cabalarías e carros do país, e en cambio para Trives soamente poden transportarse ás costas; e as relacións comerciais con Río existen pola razón de que a maioría de veciños de Navea posúen terras destinadas ao cultivo de pataca, centeo e pradería no termo de Cabanas do municipio de Río, e os de este municipio teñen propiedades de viñedo e terreos filoserados de castiñeiros na parroquia de Navea, ou sexa que existe o intercambio de produtos propios de ribeira e montaña. En cambio ningún veciño do resto do municipio de Trives, posúe propiedades en Navea."

-"Aínda máis, a mesma natureza encargouse de colocarnos dentro do Concello de Río, separándonos do de Trives polo río Navea, como se sabe de canle profundo e bastante caudaloso."

As persoas asinantes do escrito comprométense a satisfacer as posíbeis débedas que tiveran co Concello de Trives,  solicitan que sexa levado ao pleno e insisten en que a segregación non supón ningún prexuízo para este Concello.

Se observamos de quen son as primeiras sinaturas que aparecen no documento, semella bastante claro de onde partiu a iniciativa de solicitar a separación.

Documento orixinal
É máis que probábel que a incorporación de Navea ao Concello de Río houbera sido beneficiosa para ambos. Do que non cabe ningunha dúbida é que para Navea non sería peor do que foi seguir dependendo do Concello de Trives.

 

Datos de Navea: 

Comentarios

“A PARROQUIA DE NAVEA SOLICITA A SEPARACIÓN DO CONCELLO DA POBRA DE TRIVES” (25)

(Visións positivas dun fracaso)

Boa tarde a tod@s:

Xa van aló uns meses dende a saída na web desta nova, disculpádeme por recuar ao pasado, pero é agora que desexo engadir un comentario (que lle vou facer, é teima de vello).

Teño que dicir que nunca tal ouvira, e coido que era un tema ben importante para que houbese comentarios, por exemplo, nos tradicionais faladoiros que polo inverno arriba se facían a diario nas cociñas arredor do lume, onde xurdían temas de todo tipo; poida que, como o intento foi un fracaso, ninguén tiña desexos de abordalo e botáronlle terra.

Aínda así, eu penso que aparte de non acadar o desexado, houbo outros beneficios moi importantes; podería ser que algún fose feito a mantenta, como contrapartida, para axudar a deter a deriva separatista e outros viñeron engadidos. Dise no escrito que, “a comunicación coa Pobra se realiza atravesando o río Navea por unha ponte ruinosa, e que as mercadorías se teñen que transportar ás costas, xa que a ponte no é axeitada para cabalerías”. Ben, pois era certo, como tamén foi certo que pouco tempo despois o concello, co liderado, bo facer e influentes amizades coas que contaba un dos concelleiros (veciño de Navea), acadaron para a parroquia grandes melloras:

1)- construción dunha nova ponte (é a que se pode ver cando baixa uns metros o nivel do encoro) con axeitados accesos; esta si era utilizábel polas cabalarías e, dende entón, o comercio incrementouse moito.

2)- estrada ata Barrio (proxecto tamén avalado polo noso concelleiro). Estas dúas obras acurtaban o tempo empregado no camiño e, xa que logo, melloraban as condicións das viaxes.

3)- construción do pontixolo, para cruzar o regueiro, na carrúa que vai para Río (en colaboración coa veciñanza).

4)- a derradeira pero moi importante, xa que, o “Ministerio de Educación” (a prego do noso veciño) adxudicoulle a Navea a segunda escola, pasando de só unha “mixta” a ter centros separados por sexos (non pola separación), senón polo feito de ter dous “mestres” no lugar e, xa que logo, mellor atención docente (abofé que o notarían os alumnos/as).

Supoñemos que estas melloras axudaron a aquietar os desexos de marchar para Río. Hai que ter en conta ademáis que, daquela, A Pobra era o lugar de veraneo dunha parte da alta sociedade galega: da residente na Galiza e mesmo en Madrid. Era no verán cando chegaba a maior parte dos “turistas”, iso facía crecer a demanda de comestíbeis ao tempo que tiraba para riba dos prezos; conexión perfecta, xa que, era neses meses precisamente, cando se producía máis en Navea: hortalizas, froitas, viño, galiñas, ovos, polos, coellos, cabritos, años, peixe... e, xa que logo, a rendibilidade que se podía acadar nas transacións comerciais era moi superior á que se tiraba indo ao troco, de porta en porta, polas aldeas e lugares das chairas de caldelas.

(Vaia este sinxelo recoñecemento en lembranza daquelas persoas que detectaron a necesidade de facer algo, aínda que non o acadasen. Tamén, como non, para aquelas outras que loitando, precisamente dende dentro do poder municipal, si acadaron solucións “moi importantes” para aquel intre. Mágoa que, por causas da “barbarie” que ao pouco tempo se instalou no país, tivesen que fuxir da súa casa, deixando familia con nenos de corta idade, e buscar refuxio noutros paises).

 

Saúde e boa viaxe.