Vostede está aquí

ANÉCDOTAS, ACONTECEMENTOS, FEITOS, HISTORIAS, RELATOS, EVENTOS, CURIOSIDADES...

          Imos encetar un novo tema que pode ser do interese de moitas das persoas que acceden a esta páxina. Neste proceso sería vital a aportación e colaboración de moita xente; deste xeito, podería  chegar a ser unha especie de enciclopedia das nosas historias( ao mellor excedinme). Trátase de narrar esas historias qie ocorreron no pasado recente e que sempre acaban saíndo cando nos xuntamos(xuntabamos) para unha paparota, cea...Coido que tamén terían cabida aquelas que, aínda que xa non poidan ser narradas polos propios actores, si son coñecidas por habérllelas oído a aqueles; penso, por exemplo, en anécdotas dos nosos segadores en Castela...

            Espero que moitas persoas se animen a participar, ben sexa, como xa dixen, contando as que eles viviron en primeira persoa ou ben llas oíron contar a outros. Tamén poden puntualizar ou completar aquelas narradas por alguén. 

                Eu, para escomenzar, vou contar dúas que son coñecidas por case todos(podedes completalas con feitos e detalles que eu non lembre).

"A CARROCETA"

    Un "vehículo raro" chamado "carroceta" apareceu en Navea. Subía e baixaba pola Carreira e por outros camiños, polos que dificilmente pasaba un carro de bois.

       O caso foi que un día "a carroceta" estaba na Cova para cargar uns troncos de non recordo que tipo de árbore. Era para nós un espectáculo ver como a tronzaban  e cargaban os troncos. Non sei exactamente en que época do ano estabamos, aínda que debía ser primavera, tirando cara o verán porque se estaba moi ben fóra. Entón, despistámonos e chegamos bastante tarde á escola. Todos chegamos tarde menos un: o Xoán Luis. Cando iamos entrando pola porta da escola de Palacio, o mestre, D. Dositeo, íanos pegando un lostregazo no lombo cunha vara moi ben feitiña. Os máis habelenciosos facían un amago e pegaban un saltiño para que o impacto fose menos potente e os pillase de raspallón. Todos fomos pasando e recibindo  o correspondente vareazo. Todos, menos un: o Xoán Luis.  Este, mentres se producía a agresión, durmía placidamente enriba do pupitre.

                                A PISCINA DA LUCENZA   

                Había centos de anos que os habitantes de Navea se bañaban no río e no regueiro. A quen non lle soan os  pozos de Lama se Sando, Os Vieiros, A Charca, O Largo, O Redondo, Coído, A Ponte... e no regueiro: O pozo dos Choplos, do Inferno, do Cavaco, da Campá...Mais o que nunca se lle ocorrera a ninguén, ata os tempos modernos(anos 60) era facer na cavarca da Lucenza unha poza que puidese ser axeitada para bañarse, cando, ademais, só trae auga en momentos moi contados do ano.

      Pois sí, foi posíbel, pola incríbel fe a audacia dalgúns visionarios(non lembro como foron as orixes) que se puxeron a traballar en tan grande proxecto. Pero o que si lembro é unha anécdota impagábel: estabamos alí uns cantos, entre eles o Arturo e o Sindo. Logo, chegaron uns cantos máis e cando o Sindo os viu dille ao Arturo: -Agáchate, agáchate, para que pensen que cubre!!! 

 

                     Saúdos a todas e todos dende Navea

 

                            

 

 

 

 

Artigos: 

Comentarios

LEMBRANZAS DO “SAN MIGUEL” (19)

(Anos da nenez)

 

Acóllome á oportunidade que, coa nova fiestra aberta, pon Xoselois ao noso dispor (el mesmo encetouna e agasallounos con dúas fantásticas anécdotas) para saúdar e agradecerlles aos veciños da parroquia e a todos os convidados forasteiros, o compromiso que veñen demostrando, ano tras ano, celebrando o día do “San Miguel” para, entre todos, manteren viva a tradicional festa (ben inmaterial pertencente á historia da nosa tribo).

 

Non poido saber o significado que para outros nenos/as tería a festa do padrón da parroquia. Para min, era unha meta á que habia que chegar para todo; a data que dividía o trascorrer do ano; había que recibir e agasallar aos convidados, amigos ou parentes, doutras parroquias,isto era importante, xa que eles iban facer o mesmo, máis ou menos na súa festa á que, de antemán, xa estabamos convidados; todo xiraba arredor do San Miguel: a posible roupa nova... para San Miguel, o mellor viño, a mellor leña, o mellor cabrito ou o único, o mellor lacón e os chourizos para o cocido, os ovos había que ilos gardando, xa que se precisaban varias ducias para os roscóns (íanse facer ó obradoiro das “Perexilas”, baixo a súa dirección, aínda que a man de obra púñana as mesmas solicitantes da fábrica do tradicional doce), había que “branquear” (non pintar) a casa, darlle unha boa frega ó chan de madeira, limpar os móbeis …..... e non sei cantas tarefas máis.

As mozas, ían á peiteadora para que lles fixese unha “permanente”, contando que lles ía caer unha boa reprimenda dende o púlpito durante o novenario ao santo. Unha moi curiosa, e que foi tema de mofa durante moito tempo, fora cando o crego lles chamou”pitas chocosas” (non estou seguro pero diría que era D. Justo). O mesmo abade, non lembro se ese mesmo ano, denuncióu aos mozos organizadores da festa diante a garda civil.(ao final quedou en ren, xa que a maioría das persoas de idade do lugar, aconselláronlle que retirase a denuncia, e así o fixo)

Os mozos tiñan unha participación activa e preferente, xa que, ademáis da organización da “festa pagana”(así se nomeaba) tiñan outra tarefa importante e avaliada pola veciñanza e tradición: cada noite ao rematar a novena do santo, a mairoría deles e algún máis non tan mozo pero que gozaba da súa proximidade, formaban un coro e interpretaban a antiga “loa” ao santo dende a tribuna.

Era importante o dia da véspera, xa que, aló a mediodía e dende a penela do pino, tiraban as primeiras bombas que anunciaban a toda a parroquia e ás da contorna a chegada do San Miguel.

Aínda que o mellor era o “día”, agardado todo un ano, cando chegaban os músicos (daquela había leria entre “Os Trintas”, grupo tradicional de moita sona, ou “Os Fanguillas” unha orquestina moderna; as dúas formacións eran da Pobra. A canalla queriamos aos “Fanguillas”, non poido lembrar os motivos que nos levaban a loitar para acadar e gozar daquela modernidade).

Había que ilos buscar á Ponte, para axudarlles na carrexa dos instrumentos e demáis aparellos.

E, que dicir da “Alborada”! Comezaba no fondo do lugar e iba subindo, case de porta en porta, até chegar á Eirexa (Xogo da Bola), mentres soaban os estalos das bombas; todo era festa.

O problema tiñámolo cando o día aparecía chovendo (daquela case habitual) e había que acoller a troulada debaixo da galería do Souto. Ben, non era o desexado, pero tamén tiña o seu aquel.

Aínda que o peor era o espertar do seguinte día, cando un se decataba que rematara a festa; había que erguer o ánimo e acudir á escola; logo tiñamos unha derradeira gozada e loita por atopar ao chou no lugar da festa (A Coba) as concharelas das cervexas e gaseosas; coido que as máis prezadas eran as de “Estrella de Galicia” e “Cervezas El León”; era un pequeno tesouro cada peza atopada.

Con que pouco se contenta un neno.....!

Desexo que a festa poida continuar por moitos anos, sería un bo sinal de vida.

 

Saúde e boa biaxe.

Ola, eu son Laura. Os meus fillos, Luis e Elvira, sempre me din que escriba algo sobre a nosa querida Navea. Eu dígolles que xa estou moi vella pero eles insisten. Vouno intentar.

Como estamos en primavera venme a cabeza a festa das Misas. Era una festa moi bonita  que se celebraba en torno ao Corpus. Colaborabamos todos. A xente mais nova recollía flores (en Navea había tantas!) e con elas faciamos unhas alfombras preciosas  des do Xogo da Bola ata o final da Cova.  Alí faciamos, tamén entre todos, un altar. 

O dia das Misas viñan a Navea sacerdotes doutras parroquias. Ao longo da mañá facían diversas misas e despois asistían a misa solemne. Segundo me ten explicado o meu irmán, Navea é a única parroquia da zona onde a festa sacramental se chama “As Misas”,  e este nome ten relación coas diversas misas que se facían ao longo da mañá. Ao rematar a misa solemne saiamos en procesión ata o altar da Cova. Na procesión levabamos a custodia baixo palio.

O día das Misas vestiamos as nosas mellores galas. As  veces viña o retratista e aproveitabamos para facernos algunha foto. Como na festa do San Miguel, ese día era costume convidar parentes doutras aldeas a comer connosco.

Aínda que en Navea cada ano que pasa hai menos xente,  creo que nunca se deixou de celebrar a festa das Misas. Case todos os anos os meus primos Nieves e Luis me ensinan fotografías e vídeos das alfombras que se continúan a facer.  Xa non van ata Cova, quedan  no Xogo da Bola, arredor da igrexa …  Algún ano coido que o altar estaba no Chelo.

A primavera daba moito esplendor e color á festa. Lástima que vivamos tan lonxe e non  poidamos gozar dela. Levo xa 50 anos en Barcelona e só puiden ir unha vez.  Fomos ao aniversario da morte da miña cuñada Benita.  O motivo da viaxe era triste pero desde  Barcelona ata Navea fomos vendo infinidade de variedades de flores e postes de enerxía eléctrica cheos de cegoñas cos seus poliños.  Navea tamén estaba preciosa!!!

Manolo, José Luis … encántame o que estades facendo por Navea. Seguide así. Moitas graciñas por haber posto nesta fiestra ao mundo o meu querido Pepe. Mil grazas e  bicos para todos.

Laura Núñez

                                                             Quero manifestar a miña  admiración e recoñecemento pola última incorporación a este foro. Persoas como Laura  poden aínda aportar moitas cuestións. Son persoas cunha longa traxectoria de experiencias que poden enriquecer esta páxina. Eles e elas están en condicións de aportar multitude de anécdotas e sucesos que, co devir dos anos, pasan a  a formar parte do noso acervo colectivo. A ver se outras persoas se animan  para que  isto se vaia enchendo de contidos. 

    Unha aperta para Laura, Elvira, Luís e  familia.

POSDATA. A brdaquinta non fai falla felicitalo xa que é un asíduo colaborador e membro do consello de redacción.

              

                         Quero aclarar algo que é obvio: esta sección non pretende molestar ou facer que alguén se sinta incómodo. Por iso, en canto ao tratamento dos nomes, empréganse tres criterios:

-Nalgúns casos póñense os nomes porque a a historia é totalmente inocua e non parece  que ninguén se poida sentir ofendido.

-Noutros casos(cando sexa posíbel) pídese o permiso explícito do aludido.

-Finalmente, en certas ocasións, omítese o/os nome/s ante a posibilidade de que ningunha das opcións anteriores  sexan acaídas.

 

PUPITRES MÓBILES

         Os pupitres da escola de Navea(Palacio) eran de dous alumnos. Non tiñan rodas, pero si que tiñan facilidade para desprazarse. A que se debe semellante efecto paranormal?   A  explicación está en que algúns alumnos preparaban uns tacos redondos e moi ben feitiños; colocábanos debaixo dos pupitres polo que estes podían desprazarse cara adiante ou cara atrás  con relativa facilidade e suavidade.

   O feito era que cando D. Pedro se despistaba, os pupitres cambiaban de ubicación, incluso aproximándose tanto á mesa do mestre, que este exclamaba, non sen razón:

Caraino, caraino, que cerca vos vexo!

O PADRAIRO(pradairo)

A carón da escola de Navea, no camiño que ía cara O Campairo e cara Vilaboa, había e coido que aínda hai un padrairo que daquela cumpría diferentes funcións:

-Atar unha cabalaría

-Protexer do sol e da chuvia

-Mexar nunha foxanca que tiña o seu tronco.

- ...

    Vendo tal potencialidade, un alumno, moi forte por certo, decidiu pasar á historia de Navea cunha acción temeraria. Para iso díxolle aos compañeiros: "Prendédelle unha cadea a unha ferradura e espetádela no tronco do padrairo, logo atádesma á cintura e son capaz de botalo abaixo e arrastroo ata a igrexa"

-Non o conseguiu,   mais abalar, abalou

 

AS CABRAS DE D. PEDRO

  As persoas de Navea, maiores de 40 anos, sabemos que existiu un sistema comunitario de pastoreo das cabras que se denominaba " a veceira". Deste xeito, por rigurosa quenda, todas as faminlias ían levando as cabras, fundamentalmente á Serra, inda que tamén cara o Seixo, cara os Lameiros...Por cada dúas cabras, íase un día. Lembro que cando eu era novo, tocábache, máis ou menos, cada dous meses(na fase final, ías cada quince días e iso anunciaba a morte da mesma). Se unha familia tiña un número impar de animais, compartía un día con outra que estivese na mesma situación.

        D. pedro tamén tiña cabras, e debía levalas todos os días ata o cemiterio, que era o punto de encontro, antes de arrancar.  A hora de saída estaba entre as once e media e as doce. Nós estabamos na escola e desexabamos que soase "o corno" para que o mestre elixise a un que lle fose facer o servizo. Todos queriamos ir; unha, por saír da escola un rato e outra, porque D. Pedro nos daba algo: mazás, améndoas, repinaldas... O certo foi que un día soou a bucina e antes de que rematase a sinfonía e o mestre puidese mandar a alguén, O Magín arrancou a unha enorme velocidade, O mestre non foi capaz de reaccionar dada a pericia do Maxín. Todos quedamos abraiados.

Aínda hoxe, O Maxín está cunha enciclopedia enriba de cada brazo e un "perro" no nariz pegadiño á parede. 

 

                        Saúdos e saúde.

 

 

 

Agora fai 80 anos que os homes de Navea, como cada verán, marcharon as segas a Castela. Era costume ir a ganar uns cartiños segando trigo, cebada, …

Aquel verán de 1936 todo se torceu. Estalou a Guerra Civil e non puideron volver ata que acabou no 1939. Navea converteuse, durante tres anos, nunha aldea de mulleres, nenos e nenas.

Eu só tiña 6 anos. Polo tanto o que agora vou a escribir son as lembranzas dunha nena que non sabía o que era unha guerra pero sí sabía que faltaba o seu pai Juan luis, o seu avó Gabino, o seu tío Graciano e moitos outros homes da aldea. Tamén sabía que a súa nai Elvira e todas as nais da aldea estaban soas, con moitos nenos e nenas pequenos ao seu cargo e sen medios para tirar para diante.

Tamén recordo o que explicaron os homes cando volveron. Pero da Guerra Civil nunca se falou moito. Eran tempos de silencio. Igual alguén pode completar ou corrixir as miñas lembranzas. Animádevos!

Qué recordo?

  • Algúns homes inorporáronse ao fronte e outros, que se libraron,  tiveron que traballar duramente para os terratenentes. Tíñanos escondidos pero traballaban como escravos para eles, durmían nas cortes cos animais e, a pesar de traballar no agro, pasaron moita fame.
  • Non tivemos case noticias deles durante os tres anos que durou a Guerra. Excepto algunha vez que a Cruz Roxa mandaba unha especie de telegrama dicindo que estaban ben.
  • Non volveron todos os que marcharon. Dos que tiveron que ir ao fronte morreron cinco ou seis (tres fillos do Avelino do Seixo, un fillo do Benito da Borrén, un irmán da Angustias, un irmán da Olinda do Moredo,). Uns morreron por feridas de guerra e outros por enfermidades. Maldita Guerra! Non sei en que batallas ou en qué frontes morreron.
  • En Navea, as mulleres xuntábanse para traballar as terras. Un día na horta dunha, outro dia na doutra, … Os nenos e as nenas que tiñamos irmáns mais pequenos ca nos tiñamos que coidalos mentres elas ían a traballar. Creo que a pesar de todo isto, eu continuei indo a escola.
  • En Navea non houbo bombardeos terribles coma  noutros lugares de España, pero penas e necesidades moitas.
  • As ausencias é as adversidades non impedían que os nenos e as nenas tivésemos ganas de xogar, de rir, … A miña nai cando nos vía así recordábanos “vos tan contentos e o papa cómo estará”.
  • A volta dos homes, ao final de Guerra, foi una gran alegría. Fomos a esperalos a Trives, a Cabalar. Viñan nun coche que chamábamos de liña, apertados e no teito do coche. Qué emoción abrazalos! Cando chegamos a Navea, soaron as campás da igrexa. A felicidade non era completa porque faltaban algúns, os que desgraciadamente morreron.

Laura Núñez

Boa tarde a tod@s: Chégamne as tristes novas da desfeita: O Seixo, outra vez, e van...? Vese que os pirómanos criminais poden gozar das súas fazañas sen que ninguén lle poida botar a man.

O relato, que podedes ler de seguido, levaba xa ben tempo escrito e andaba polo fondo da neveira agardando o intre de saír. Coido que é chegado o momento de ceibalo.

(Dende Catalunya unha forte aperta, con moito agarimo, para os veciños do Seixo que perderon a casa).

(23)

“0 SEIXO”, AS TERRAS MÁIS ALTAS DA PARROQUIA .

(Esborrallamentos, lumes, pasamentos, e... maldicións?)

Hai sinals, dabondo, para pensarmos que algunha cousa se viña cocendo, cada certo tempo, no lugar do Seixo por causas alleas á casualidade? Houbo outras causalidades? Ou trátase só da teimuda e simple mala sorte, desidia, irresponsabilidade..?

As terras do lugar do Seixo axudaron a mellorar a economía, durante séculos, dos seus propios veciños, dos dos Lameiros, dun bo número dos de Navea, tamén doutras parroquias e lugares: Valdonedo, San Miguel, As Cabanas, San Xurxo... Daquelas terras tirábase moita produción: centeo, patacas, forraxes, nabos, castañas, leña, estrado, herba... Había un bo rabaño de ovelllas, que aproveitaba os pastos da zona, xestionado co sistema de veceira; as ovellas proporcionaban, ademáis do esterco para as leiras, bos “añiños” para vender e axudar á economía familiar ou, se se podía, para satisfacer os bos padares na celebración dalgunha festa familiar; tamén producían “boa la” para teceren prendas de abrigo: xerseis, chaquetas, calcetins, gorros... que axudaban a quecer os longos e xélidos invernos (eran tempos de economia de subsistencia).

Os propietarios de fóra do Seixo contaban, ademáis das parcelas para labor, cunha pequena casa/cachopa para refuxio, almacén dos produtos recolleitados e corte para o gando.

Como foi que, sendo tantos propietarios con intereses no Seixo, se deixou esborrallar unha hermida ( por certo disque se xuntaba unha multitude pola festa) tan pequena, que sería doado amañar con poucos cartos?

O primeiro lume, dos que eu me lembro (foi pola festa da Dolorosa na Pobra), queimou un bo número de chabolas, e as cabezas de gando que había nas cortes morreron abrasadas polo lume ou asfixiadas polo fume.

Aquela desfeita rematou coa “veceira” das ovellas e, para moitas das familias afectadas, o golpe económico foi tan forte que acordaron deixar as terras de labor. Coa perda das ovellas e da cachopa, perdíase tamén o esterco que producían nas cortes e, xa que logo, a labra das terras ía ser moito máis costosa e complicada.

O segundo lume de importancia, queimou case todas as construcións que quedaran en pé (entre elas a propiedade da familia dos Lameiros que lle mercaran aos herdeiros do Sr. Avelino.Unha casa grande e de sólida construción).

Xa logo houbo lumes a cada pouco, en diferentes lugares do territorio, co que iso significou de: perda de calidade dos terreos, “exemplares de castiñeiros centenarios que sucumbiron baixo a quenda continua de lumes”, erosión do chan... Unha desfeita medio ambiental.

E quédanos o máis doloroso: a perda de tres veciños en circunstáncias tráxicas.

Estivo a casualidade presente en tódolos casos?

Saúde e boa viaxe.

O CASO DOS SANTOS ÓLEOS

O ano en que aconteceu esta anécdota non o recordo ben. O que si lembro é que daquela era Don Evaristo o cura de Navea e que Fausto e mais eu, que fomos os protagonistas involuntarios do caso, teríamos trece ou catorce anos.

Era o día de Xoves Santo e ó devandito Don Evaristo, elixiunos a Fausto e mais a min para desprazarnos ata San Xoan de Rio, coa misión de recoller os Santos Óleos que o señor Bispo de Ourense lle enviaba a Don Ventura (cura de Rio e o encargado de repartilos ás parroquias da zona), no “coche de linea” que viña de Ourense, e que debían chegar para celebración dese día de Semana Santa.

Recibida a encoménda, alá marchamos camiño de Rio, con tempo mais que suficiente para chegar antes de que chegase “a linea” e estar de volta para celebración, que se non lembro mal, sería cara as sete ou sete e media da tarde. Por Rio estivemos facendo tempo ata que chegase “O Baloco”, que era quen facía o enlace en Cerdeira có autobús que viña de Ourense e iba ata o Barco. A hora prevista de chegada era sobre as cinco e media, asi que tiñamos tempo de sobra para volver a Navea, cumprindo coa misión encomendada, sobre todo porque daquela as nosas pernas ainda estaban lixeiras.

O que pasou foi que as previsions horarias virónse alteradas por unha avaría ou pinchazo do coche do Baloco, que levou consigo un atraso na chegada de mais dunha hora. O certo é que cando por fin chegou o liquido é espiritual elemento, faltaba unha media hora para a que Don Evaristo tiña fixada para o comenzo dos oficios do Xoves Santo.

Coa premura que requería a situación, recollemos o recipiente que nos entregou Don Ventura e botamos a correr pola Alenza adiante, enfíando o camiño de Navea polos Ganadoiros a toda velocidade. E foi precisamente na cavarca dos Ganadoiros onde aconteceu o feito que da lugar a esta historia.

Produto sen dúbida da nosa velocidadade e os baches do camiño, xusto un pouquiño antes da cavarca,“estrapuceime” (non sei se este verba está aceptada pola RAG, en Navea utilizábase normalmente para definir cando tropezabas e ibas dar de bruces no chan). As lesions producidas pola caída foron leves e ademais non reparei nelas, porque para nos o mais grave foi que como consecuencia do accidente, alá foi a parar tamén ao chan o recipiente dos Santos Óleos e a metade do seu contido. Como e de supoñer quedamos consternados, pero tendo en conta a premura de tempo era preciso tomar decisións rápidas. Non lembro de quen foi a idéa, pero a decisión tomada foi reencher o recipiente con auga dos Ganadoiros, co obxetivo de compensar o liquido verquido e esperar que Don Evaristo non se dese de conta.

Una vez feita a operación de “rellenado”, volvemos a enfiar o camiño, baixando polo Grail a toda velocidade co risco de que se producise outro accidente similar o dos Ganadoiros e ter que utilizar nesta ocasión a auga do Regueiro. Afortunadamente chegamos sen novidade O Muiño e facendo un último sprint polo camiño da Cova conseguimos chegar a Sacristía cando Don Evaristo estaba a prepararse para misa (sen dúbida aquel día batemos un record de tempo no percorrido entre Río e Navea). Tendo en conta as presas, entregámoslle a recipiente e fixemos un rápido resumo dos motivos do atraso, sen mencionar por suposto o incidente dos Ganadoiros. O señor cura mandounos sentar nos bancos dos rapaces e saiu a facer os oficios.

Non sabemos se Don Evaristo deuse conta da “adulteración”, o certo é que nunca dixo nada do tema. En calquera caso supoño que de saber as peripecias pasadas perdoaríanos (ou non). O que é seguro é que Deus xa nos ten perdoado e os Santos Óleos fixeron a súa función igual ca sempre.

Saude para todos/as.

Camilo

Notas a marxe:
Primeira: Perdón polas faltas de ortografía e sintaxe
Segunda: Fausto, non sei se falta algo por aportar ou que correxir desta historia, podes facelo con total liberdade. Unha aperta.

Parabéns Camilo: Unha gozada, ler e reler, a túa historia.

Xa ves, cousas de rapaces

                                           Empezarei esta aportación referíndome á  primeira palabra do título: PARABÉNS.  Verba que se está empregando  moito  nesta páxina e que, sen dúbida, é unha das máis fermosas do noso idioma. Pois, o dito, parabéns para as últimas persoas  que engadiron "cousas" a este cartafol: Laura, camilo e Bernardino. Estupendos traballos, tanto na forma como no fondo.  No fondo porque os temas tratados: os danos ocasionados en Navea pola Guerra Civil, a importancia do Seixo na economía de Navea e o dos Santos Óleos son de máximo interese. Mais quero salientar de maneira sobranceira o apecto formal, xa que constitúen verdadeiras pezas literarias. Por todo iso, Unha vez máis:parabéns.

            Despois deste preámbulo, vou engadir dúas pequenas anécdotas máis.

O CRAC DO BANCO 

              Estabamos na escola de abaixo(na Barronca).Non lembro o motivo e tampouco o nome da mestra pero o certo é que alí nos atopabamos os máis novos e tamén había veteranos. Sentabámonos nuns bancos longos(uns 3m) con só dous apoios nos extremos. Eran para seis ou sete rapaces e rapazas. Pronto nos demos conta que un deles tiña unha certa "elasticidade" que a nós nos viña moi ben para bambearnos cara arriba e cara abaixo. Despois de varios ensaios, o Sindo tomou o mando das operacións e dixo:

- Todos xuntos!

     O Banco pegou un primeiro estalido ao que a mestra respostou cunha pregunta: -Que pasa con esa pizarra?

   Fixemos unha pausa para que a situación se tranquilizase e   -Todos xuntos!

      O banco fixo crac-crac-crac... e todos ao chan.

    A mestra enfureceuse administrando diferentes castigos segundo a idade e a autoridade dos protagonistas.

-Aínda hoxe me doen os xeonllos e teño maniotas nos brazos e non precisamente do golpe.

A PORTA PECHADA

                 Isto aconteceu coa mestra da historia anterior. Debo confesar que nesta tiven bastante `protagonismo polo que, no seu momento, recibín a correspondente castigo.

     O certo foi que a mestra saíra fóra a facer non sei que cousa. Entón, tomei a iniciativa( daquela tiña sete ou oito anos) e dixen:

-Vamos!

   E alá me seguiron uns e unhas. Situámonos trala porta, empurrándoa cara a fóra. Deste xeito, cando ela quixo entrar, non puido abrir. A mestra bramaba, non sen razón, e estaba moi furiosa. Ademais empezou a ameazarnos con todo tipo de represalias, empezando por dicirllelo aos pais.  Cando xa as cousas se estaban poñendo mal, "ordeei retirada" e todos nos sentamos nos nosos asentos gardando un silencio total.   Fixo un novo intento para abrir  e esta abriuse bruscamente, estando a punto de caer de bruces. Logo fixo a pregunta de rigor:

- Quién ha sido? 

   Apareceu, non sei como, a primeira vítima, esta sinalou á segunda, esta á terceira e así sucesivamente. Xa había varios e varias axeonllados/as e eu estaba feliz porque me estaba librando. Pero no último momento, unha moza(de sete ou oito anos) revirouse cara min co dedo acusador.

- Tardei moito tempo en perdoarlle que acusase a un "inocente".

Querido Xosé Lois,

Mentres estaba lendo A porta pechada, entroume un calafrío. Tendo en conta os datos que aportas (sexo e idade) creo que formo parte do pequeno grupo de "presuntas culpables" do feito que relatas. Qué horror! Non recordo ise momento e confio non haber sido "unha repelente acusita". Pero se fun culpable, aínda que xa pasou medio século, PERDÓN.  Foi moi forte o castigo? Bicos.

Ola a tod@s, tal como acordamos na cea multitudinaria de Navea, o derradeiro 13 de agosto do ano en curso, imos organizar unha réplica en Barcelona.

Será un xantar, o día 12 de novembro, nun restaurante aínda por determinar pero seguro que estará ben comunicado, para que tod@s poidan chegar en transporte público se non queren facer uso do coche.

O encontro é aberto a tod@s @s veciñ@s de Navea que viven en Cataluña, pero tamén aos que habitan en calquera outra vila ou cidade da nosa xeografía (Ourense, Lugo, A Coruña, Pontevedra,  Madrid…). Tod@s serán ben acollid@s.

Pregamos a confirmación da vosa asistencia canto antes, coa finalidade de poder organizar a xuntanza.

Apertas para tod@s.

Para confirmar a vosa asistencia aquí van estes dous correos:

Elvira Fernandez (elvirafn@gmail.com) ou Celsa Nogueira (cnogueir@hotmail.com).

Lembranzas do “ SEIXO”   (26)

As imaxes dunhas mozas que saíron tempo atrás na web ( non farei referencia concreta a ningunha) , pero o título onde figuran, tróuxome á memoria lembranzas do Seixo e dos veciños do lugar, en concreto do Paulino (q.e.e), máís coñecido como “O Pinchiño”( por ser fillo e neto dos que eran coñecidos por ese alcume). Hai ben pouco tempo que, por casualidade, tiven novas do seu pasamento en circunstáncias tráxicas. Nos derradeiros anos, dende a miña saída da parroquia, non tivera relacións con el fóra dalgún saúdo nas esporádicas visitas pola festa do lugar.

O meu coñecemento do personaxe data de cando nenos, el uns anos máis novo. Aló cando chegaba o verán e iamos ás faenas de recolleita: seitura, carrexa, malla, limpa ...el sempre estaba alí agardando o intre para demostrarnos a súa sabedoría; coñecía ós malladores e sabía todo o relacionado coas máquinas de mallar e limpar (supoño que todo ou case tirado do maxín).

Os raparigos, eramos uns cantos, fillos das familias que contaban con terras de cultivo no Seixo, andabamos vaixo o guieiro “cultural” do Paco (viña de Toro con aires vilegos) e polo Pinchiño, como “mestre de cerimonias”, con grande coñececemento do medio por riba de tódolos demáis.

Coñecía os bichiños que saían polas airas dos medoucos: ratos, saltóns, grilos, volvoretas... cada un co seu nome, ben, o que el lles puña tirado da súa poderosa imaxinación. Facía carreiras de saltóns; ós grilos facíaos tirar de carros imaxinarios; as volvoretas voaban como el quería...

A soidade na que se movía alá no alto, cun horizonte amplo e aberto ao seu dispor, aprobeitábaa para tirar os máximos beneficios daquela marabilla natural que o rodeaba.

Bo Nadal e un mellor 2017

Saúde e boa viaxe.

( Grazas a Paco e á familia de Paulino pola súa licenza para a saída deste artigo. Unha aperta agarimosa, dende Catalunya).

Bo ano!

Bo día a tod@s: (27)

Hoxe, tendo en conta os vieiros que están a coller os que moven os fíos de todos nós, vou facer un pequeno comentario da historia “arredor da guerra” que nos achegou Laura, aló van xa uns cantos meses.

Parabéns Laura! Grazas por compartir connosco (toda a aldea global de Navea.Gal) esas, túas e intimas, lembranzas dunha época triste e longa, como é loxico que así fose tendo en conta as barbaridades que se fixeron no nome de descoñecidos (para o pobo en xeral) intereses e que, coma sempre, padeceron máis os máis febles. Este relato ten plena vixencia pois a historia, que nos contas, está a pasar hoxe en moitos lugares polo mundo adiante. Non debemos esquecer que esas situacións que semellan non ter remedio si que o teñen, pero sempre xurden “intereses espurios” polo medio para encirrar ao odio e non atallalas. Xa podemos ir albiscando o que nos pode achegar o “fenómeno Trump”.(Coido sería bo, alomenos, non deixar que nos fagan“comungar con rodas de muíño”).

Saúde e boa viaxe.

                    Permitídeme escomenzar esta ccrónica cunha lembranza persoal. Os meus primeiros pasos no fútbol foron no camiño que había por riba do cemiterio. O balón era unha botella de plástico, inda que daquela o plástico andaba escaso.

               Feito este preámbulo, direi que logo se construíu o glorioso estadio do Chelo, o que para nós era simxelamente "O Campo", expresión abreviada de o campo de fútbol. Os terreos non tiñan esa finalidade, senón que, naquel lugar, se ían contruír dúas escolas(daquela aínda había uns corenta rapazas e rapaces en Navea. A teimosía dos rapaces fixo que, unha vez fracasado o proxecto inical, aquel  se trocase  e se convertese nun polideportivo. O fútbol pasou a ser o divertimento principal da xente nova daquela época. Só había un pequeno problema: as demensións do estadio non eran as reglamentarias e tiñamos problemas nos partidos oficiais. Mais isto non foi impedimento para que grandes eventos futbolísticos  se denvolvesen. Fundamentalmente adicouse á competición interna, pero tamén houbo algúns enfrontamentos interparroquiais.

          Cando o sol ía pola estrada de abaixo  no "outro lado" era o intre de iniciar a peregrinxe cara o Chelo. Dende tódolos puntos do pobo, Santamariña, A Borren, Vilaboa... se producía unha xeira de xogadores. Chegada esa hora, entrábanos un formigo que nos facía correr cara o Campo; e, se vías as nubes de po, a ansiedade era moito maior.  Os primeiros en chegar "medían", método que se empregaba para elixir aos xogadores de ambos equipos. Segundo se chegaba, cada xogador íase incorporando a un dos equipos, inda que ás veces había que esperar un chisco a que houbese unha parella para repartila entre ambos.

          Grandes tardes de fútbol  se levaron a cabo. Os partidos non tiñan límite horario, senón que remataban cando un dos equipos marcaba 8 ou 10 goles. Nunha tarde podíanse xogar 4 ou 5 partidos, polo que era posíbel meter 60 ou 70 goles nun só día. É doado entender que no noso estadio se marcaron, nun ano, moitos milleros de goles; máis que en todas as ligas xuntas do mundo. Auténticos cracks pasaron polo noso estadio e non me resisto a nomear ao Gabino, Miguel, Manolo e Ernesto. Ningún deles lle tería nada que envexar a Pelé, Maradona aou aos actuais Ronaldo e Messi. Aquí quero facer fincapé no caso do Ernesto por único: era capaz de irse catro ou cinco contrincantes e presentarse só ante o porteiro, ou sen el, e botala fóra(e non era fácil, dado que  a portería abranquía, practicamente toda a liña de fondo). Coido que facía por empatía co rival!

            Vou rematar este primeiro traballo, explicando algunhas normas non escritas, que eran admitidas por todos.

-O Balón era aportado por calquera que o tivese, inda que houbo un momento que se mercou un e se gardaba nun caseto feito a carón do campo.

-O Balón marchaba, con frecuencia, "roullando" ata a Barronca ou...A solidariedade era grande xa que rapidamente un saía disparado, coa intención de pillalo canto antes,  xeralmente o que o tiraba.

-Ás veces púñase a regra "non valen funqueirazos", sobre todo para que os máis pequerrechos non sufrisen danos.

              Remato, manifestando o desastre que supuxo a desaparición do estadio. Dende aquela non temos un polideportivo. As futuras xeracións contruíran outro no seu momento.

                            Unha aperta dende Navea.

    

                                                    Empezarei esta segunda entrega falando dun aspecto que esquecín na primeira: a arbitraxe. O certo era que non había árbitro, excepto nos partidos interparroquiais. Naqueles, tiñamos ao Fausto, cando estaba(mais non pensedes que varría para a casa). Nos partidos habituais non había árbitro e incribelmente non houbo grandes conflitos. Cada un arbitrábase así mesmo. Cando un xogador cría que lle fixeran falta, berraba. falta! Agarraba o balón coa man e executábase a mesma. Como dixen antes, as discucións foron mínimas. En xeral, asumíase este procedemento.

         Vou agora co tema fundamental desta entrega.  Navea foi pioneira no acceso das mulleres á actividade futbolística. Así foi, nos anos 60, as rapazas de Navea xogaban ao fútbol, sen  ningún obstáculo, no estadio do Chelo. Certamente que non todas estaban interesadas, pero aquelas que si o estaban, puideron facelo sen trabas.  Cecais algúns estén pensando que había partidos de mulleres como nas ligas  de fútbol feminino actuais; pois non, rapazas e rapaces xogabamos mesturados. partidos mixtos. O nunca visto no mundo ata ese momento!

      Poderíase pensar que se utilizaban métodos humillantes como:

- Xogar dez rapazas contra cinco rapaces.

- Que os rapaces só puidesen chutar co pé esquerdo.

- Que os rapaces xogasen coa perna esquerda atada á dereita dun compañeiro...

          Nada diso. Coido que xa quedou claro que a súa participación se producía en condicións de igualdade. Eran elixidas na quenda correspondente, e, nalgúns casos, erano  como primeiras opcións; iso si, despois do tridente +1 formado por Gabino, Miguel, Manolo e Ernesto.  O seu nivel chegou a ser moi alto. Hoxe, algunhas, formarían na selección galega con Boquete e outras.

                      Non poido  ramatar esta crónica  sen manifestar a relevancia dunha xogadora: a Balbina,; non tanto polo seu nivel futbolístico, que tamén, senón porque inventou, moito antes de que os ingleses inventasen o  fair play,  o xogo limpo. Ela actuaba como árbitro oficioso e pitaba faltas con bastante frecuencia. Pero, o que chama a atención é que pitaba, fundamentalmente, as súas propias  faltas e as do seu equipo. Ás veces, os compañeiros regañábanlle e ela sempre respondía cunha frase que podería pasar á historia: a verdá sea dita!         Pois aí queda.

                 Unha segunda aperta dende Navea. 

 

Bo día a tod@s.

(28) Interesantísimo. E nada menos que partidos “mixtos”. Que adianto na cultura socia! Cantas lembranzas... Non era doado practicar o fútbol no noso lugar. Como ben di Xoselois, a “pelota” (digo pelota, xa que era o que había xeralmente, pois o “balón” alomenos nas épocas anteriores foi só coma “flor dun día”) a miúdo dáballe por saír de espantada polos terreos derredor así que o tempo de xogo “real e efectivo” era ben pouco. O esforzo físico para ir a buscala viña a ser máis grande có xogo en si.

Saúde e boa viaxe.

Boa tarde a tod@s:

(29) -No anterior escrito, arredor do Seixo, comentaba que o “ Pinchiño” era o experto coñecedor de todo o relacionado co medio natural dentro do fato de canalla que nos xuntabamos nos veráns; logo, no eido cultural, contabamos co Paco que nos transmitía o seu coñecemento do Seixo e tamén as estadas e vivencias en Toro cas seus tíos.

Un dos lugares preferidos para levar a termo os nosos xogos, ademáis das airas de mallar, era a esborrallada ermida a carón do “centenario carballo”, testimuña de ledos séculos de vida agarimando á multitude de romeiros que se xuntaba, ao seu redor, pola romaría do lugar. Ao longo da súa vida tocoulle e tócalle (segundo nos informaba Paco en datas recentes) aturar “raios e ciclóns“, coma o que lle arrincou un varelo no ano 1939, e mesmo lles facía de “facho, guía e sinal de ledicia” aos segadores cando tornaban de Castela. Hoxe, aínda que non conte co brío do mozo que foi, segue coa súa teima particular de darlle protección á pequena ermida, ao tempo que se mantén rexo no seu posto como vixía do lugar. Mágoa pois os romeiros, que antano enchían o lugar pola festa da “Virxe das Neves”padroa do Seixo, agora xa non acuden ao seu abeiro para facerlle compaña como era costume. Abofé que os bota de menos!

O noso “guieiro” á vista dos restos que alí se atopaban: estructura do altar, madeiras pintadas, cristais, ferros... dicíanos que o máis valioso el sabía onde atopalo e, cun chisco de misterio, que algún día nos levaría a velo.Daquela, ninguén da cuadrilla coñecía ren dos santos da capela; era un tema descoñecido para nós; o caso foi que, un bo día, cumpriu a promesa acompañándonos cas seus avós; con moito misterio e ás agachadas, co medo se se decataba alguén da casa, guiounos polo corredor ata un cuarto totalmente escuro (xa que as fiestras estaban pechadas) e alí mostrounos as imaxes postas en ringleira encima dunhas arcas; o intre era de misterio, respeto e medo, pois as sombras que propiciaba a escuridade achegábannos á memoria lembranzas dos contos de inverno nos que, a miúdo, saía a procesión da “Santa Compaña”. Nunca máis se atreveu a deixarnos entrar ao cuarto escuro.

Logo, anos máis tarde, disque houbo alguén que non se sabe ben o “como nin o porqué” procurou e conseguiu que os guardiáns lles abrisen a porta da “cadea”. Non tiveron dúbidas, aproveitaron aquela obra de humanidade e ca súa “antigüidade chea de valor” ás costas, saíron a coñecer mundo. Nunca máis volveron. E, onde andarán?

Coitadas, tantos anos pechadas na escuridade que, unha vez acadada a liberdade, non dubidaron e acordaron quedar por aí adiante. Non, non sabemos se o troco lles foi favorábel... pois puidera ser que coa semellanza de “liberdade” acadasen unha cadea, aínda máis crúa, nunha terra allea.

Ben, como podedes supoñer, son só cavilacións, ou non?

Saúde e boa viaxe.

( Agradecementos a Paco Fernández e José Portea pola súa licenza).  

               Parabéns polo excelente traballo realizado por brdaquinta  en col da " misteriosa desaparición " ocorrida no Seixo. Só dicir que, desgrazadamente, en Galiza o expolio e aproveitamento, por parte dalgunhas persoas, dunha parte importante do noso patrimonio cultural foi, e é, unha constante en Galiza.

                         Saúdos para todos e todas. 

“O LOMBO DO GATO” (30)

Bo día a tod@s:

Dos moitos (eu diría que centos) topónimos con que conta a nosa parroquia“O Lombo do Gato” é un dos que lle teño máis apego. No sei de onde me ven este namoramento, pero é así. Si lembro oír falar dese lugar dende moi neno, aló cando andaban coas obras da estrada para levar a cabo os proxectos das centrais eléctricas (Pontenovo/ Montefurado). Travesaron o lugar, facendo un corte na rocha, orixe do nome de “trinchera”. No estremo do moutallón fixeron, a golpe de barreno, a chaira para instalar alí os complementos da central. Soaban os barrenos e víamos, dende a nosa casa, subir unha grande polvareda. Entón oíalles comentar aos meus maiores o relativo a toda aquela obra.

Poida que o teñamos aí, diante dos ollos, para lembrarnos que “lombo” é o nome acaído e axeitado para referírmonos a esa parte dos amimais, entre eles os que máis valoramos: cabritos, porcos, vitelas ... coa que gozan os nosos padares e que, no día a día, demos en mudalo e apropiármonos do castelán “lomo”.

Se un se para a ollar para o lugar dende unha certa distancia, aínda tendo en conta as mutilacións que lle tocou soportar, verá que é un retrato fidel dun gato durmido en calquera porta ao sol dunha tarde fría de inverno.

Sempre que me ven á memoria (e é unha lembranza moi repetitiva) non deixo de pensar... e el, quen sería a cabeza lúcida que un bo día decidiu batear aquela penela co fermoso nome de “O Lombo do Gato”?

(Vaia este sinxelo recoñecemento para o descoñecido e sabio ancestro).

Saúde e boa viaxe.

“O MAGOSTO” (lembranzas) (33)

Boa tarde a tod@s:

No noso lugar “O Magosto” celebrábase o día un de novembro,(ou sexa maña) coido que segue a ser igual (dígoo xa que teño entendido que noutros territorios, da mesma Galiza, “O Magosto” ven a ser: o consumo de castañas acompañadas de viño calquera día de novembro. Aínda que tamén se converteu, sobre todo nas vilas, nun acontecemento cultural ancestral e festivo). Era un daqueles días que tódolos nenos/as agardabamos con moita ilusión. A festa organizabámola entre todolos cativos en boa harmonía. Á saída da misa, no “Xogo da Bola”, era o punto de xuntanza e partida para irmos, de porta en porta, á procura dalgún produto que nos servise para facermos o xantar: un chourizo, ovos, un anaco de xamón, touciño, pan, aceite, doces …

Logo as rapazas maiores eran as que, por propia inicitativa, se encargaban de facer o guiso unha vez analizada a recolleita. Gostában daquela situación de “nais” por un día. Organizaban todo: mesa, sentadoiros, vaixela, comida e mantiñan a orde de toda aquela canalla.

No noso “Magosto” as castañas ou “bullotes”, que é como se dicía (supoño que continúa a ser así), non formaban parte do menú do día, xa que era un produto habitual e diario na dieta de tódolos fogares da bisbarra durante o tempo de outono/inverno.

Á ledicia propia da festa engadíase a situación de sentírmonos ceibos xa que case tódolos maiores ían á “Feira de Santos” á Pobra (dicían que era a máis grande e importante do ano). Aproveitaban ese día para a venda daquilo que lles sobraba e para a merca do que lles era máis necesario (auténtica economía sostíbel). Un dos produtos “estrela” eran as “parrochas” que logo se comían á cea no entorno familiar.

Xa logo a festa foi mudando ao tempo que se ían contando anos. As lembranzas bulen vivas na memoria, aínda que un chisco borrosas. Van aló tantos anos...

Desexo que poida continuar a tradición.

Saúde e boa biaxe.

                    Despois dun prolongado silencio debido unhas veces ao desleixo, outras ao cansazo e, nalgúns casos, á falta de ideas,  vou retomar a actividade para narrar algunhas historias, anécdotas ou acontecementos que forman parte do noso pobo e das nosas xentes.

   Neste caso, omitirei o nome do protagonista principal, inda que deste xeito a historia "perda forza".  Ben certo é que as historias contadas son tan inocuas que case é imposíbel que alguén se sinta ofendido. Valorarei en cada caso se dar os nomes reais ou non.

                 Ben , pois o certo é que alá polas anos 60 aínda había moita xente en Navea e o "bun" do fútbol era impresionante. Navea necesitaba un estadio coas dimensiós axeitadas e en consoanacia coa exquisita calidade futbolística dos naveáns(xenios futbolísticos com o Gabino, o Miguel, o Manolo e o Ernesto necesitaban onde expresarse).  Despois dunha búsqueda infrutuosa, alguén tivo unha extraordinaria idea: lembrouse de que nun lugar bastante alonxado había unha zona chaira chamada "o Modanco"  A respeito do nome, debo dicir que teño as miñas dúbidas se empregar o masculino ou o feminino, ou, cecais son lugares próximos, pero non o mesmo? E posíbel que alguén nos poida sacar de dúbidas. Para situar á xente que non teña nin idea de por onde andamos, direi que o lugar está ubicado máis arriba da Borrén no camiño que ía cara O Pegureiro e cara A  Mallada, antes da cavarca.

               O lugar reunía tódalas condicións para se converter no futruro Estadio Nacional de Navea. Un visionario animou e reclutou un nutrido grupo duns vinte mozos e mozas, moi traballadores eles, que botaron un par de días loitando con entusiasmo e ledicia contra as uces, as xestas, os toxos e os fentos. Montóns de feixes de estrado foron rozados, que o noso protagonista de encargaba de xuntar  en gavelas moi ben feitiñas. Rematado este primeiro proceso quedaron en voltar provistos de aixadas, sachos, legóns..para deixar o chan sen pedras e apto para a práctica deportiva. Incluso se pensou en sementar herba facendo un desvío na auga da cavarca. Mais o certo foi que ese gran proxecto quedou niso xa que en xuño do 2018 aínda non se retomaron as obras.

             Parece,xa que logo, que o promotor tiña un obxectivo máis pragmático có do campo de fútbol: reclutar operarios para facer unha grande rozada para logo ir traendo o estrado pouco a pouco. 

   Dise que durante os dez anos seguintes estivo apañando estrado sen que a fouce sufrise desgaste algún.

                                             Saúdos e saúde

 

Oh, outra vez a cerdeira! Agora cargada do froito que xa nos auguraba na primavera cando se nos ofrecía chea de flores. Pois nada, só sana envexa, ou non? Non non, ademáis ...“están verdes”.

Lembranzas dos veráns. “A NADA” (36)

Bo día a tod@s:
Agora, que vai tempo de calor, lémbrome daquelas festexadas sesións de “nada” nas mañáns dos domingos. Poida que para moitos dos mozos e mozas, que frecuentan Navea, este termo teña un significado moi diferente do que eu presento aquí; ben, supoño que é normal que así sexa, xa que os “usos e costumes” dunha comunidade tan pechada, como daquela era o noso lugar, contando ademáis coa saída continua da xente nova á procura dun futuro mellor e tendo en conta, tamén, a propia evolución da fala fan que nunca se saiba que camiños van coller e, xa que logo, as palabras adoitan mudar e ficar en desuso sen decatármonos.
Ir á “nada” comezaba a escoitarse en Navea alá a finais do mes de maio e, logo xa arreo, ao longo do verán.
A “nada”, viña a ser un goce normalmente semanal; acordábase ao saír da misa do domingo, na parada obrigatoria no Xogo da Bola; os mozos (aquí as mozas, coma en moitas outras situacións, non tiñan oco) quedaban para iren xuntos ao río ( tamén nos engadiamos algúns raparigos sempre baixo a tutela dun maior de confianza): ó Largo, á Charca, ó Redondo...; os do cima do lugar ían vaixando e chamando polos que residiamos máis abaixo até chegaren á Quinta.
Para os raparigos, que iamos tutelados, a ledicia de ir á nada cos mozos adoitaba rematar case de contado e de xeito nada agradábel xa que era o tutor o primeiro que, sen moitos miramentos, agarraba o tutelado e guindábao ao medio do pozo... e veña a intentar saír nadando. A verdade creo que non era o mellor xeito … pero efectivo si que era. ( e dígoo con coñecimento de causa, xa que fun un dos “privilexiados”que puido gozar da arcaica experiéncia)
Logo pola semana arriba tamén se frecuentaban outros lugares, aínda que con moitas limitacións, no regueiro: a Campana, a Preseira do muíño, os Choplos...
Ben pois, que poidades aproveitar esas augas frescas e limpas, que aínda tedes ao voso dispor, para gozar da “nada”.

Saúde e boa Viaxe.

SOUTOS, CASTIÑEIROS, CASTAÑAS, SEQUEIROS...”GALIZA”. (43)

Bo día:

(O proxecto que me explicou o Luis, (do que deixei constancia nesta páxina hai uns meses) para recuperar o castiñeiro do Cuviallo, axudoume a procurar a recuperación de lembranzas moi lonxanas relacionadas co mundo dos “castiñeiros”; uns recordos que, medio acubillados na memoria polo tempo, veñen de: uns das propias vivencias, os outros escoitados nos faladoiros que cada día, daquelas longas noites de inverno, se organizaban na casa. Este relato é, pois iso, a recuperación de parte desa memoria. Xa que axiña comezará o castañal, ou poida que xa andemos nel, coido que é un bo intre para que saia do caixón este artigo; así pois, aquí volo deixo por se alguén quer dispor).

Ese mundo dos castiñeiros, ao que me refiro, e todo o que xira ao seu redor, é unha parte do “ser de nós” e entronca co “nós” máis galego. (só unha persoal opinión).

O caso é que se ollamos cara atrás, e furgamos na historia e vida dos galegos, sempre imos atopar referencias ao mundo dos castiñeiros:

1. Na economía: supuña (en moitos lugares segue igual) unha fonte de riqueza, xa que ademáis do consumo propio, a venda do sobrante: castañas, madeira, leña... axudaba a repoñer o nivel de aforros que había na caixa familiar para aquilo máis necesario e imprescindíbel: médicos, mediciñas, roupas, ferramentas...

2. No idioma: arredor dese mundo, o galego conta cunha enorme cantidade de voces que, aínda que nos doia, están a esquecerse pola negativa deriva do sector, da tradición e do rural. (1)

3. Na literatura: hai creación co tema que nos ocupa; lembro a Risco, recreando o mito do “lobishome” no fantástico relato “ O lobo da xente” co eixe central das castañas e os sequeiros; as andanzas da historia percorren as terras de Trives, tamén cita Navea. (expreso agasallo a unha comarca que coñecía moi ben).

4. No pasatempo: o sequeiro viña a ser, no período da “seca”, o lugar máis axeitado para converterse en centro e fiestra aberta a tódalas actividades sociais da parroquia (diría que moi semellante ó fiandón/fiadeiro): faladoiros, xogos, contos e troula en xeral; arredor do lume (fóra ía frío) era o intre acaído para catar o viño novo que viña a ser “angélica para as gorxas resecas pola manduca dos bullotes asados; grolo vai e grolo vén, conto vai e conto vén a xuntanza era máis leda, sen decatarse que a noite ía pasando e con ela os ánimos tamén ían á baixa; era normal rematar a troula acaroados, facéndolle compaña ao mantedor do lume para que non morrese.

Non sempre era o mesmo sequeiro o lugar da xuntanza, pois era tradición visitar a maioría dos que existían na parroquia, xa que, ademáis do lugar tamén había: na Airela, en Santa Mariña, nos Lameiros e no Seixo. Disque, tamén era habitual a visita dalgúns trouleiros aos situados nos Ganadoiros, xa fóra do noso territorio.

Arredor dunha semana era o tempo que precisaban os bullotes para secar, co lume aceso sen parar e vixiándoo día e noite; logo, unha vez secos, chegaba o día da pisa que viña a ser case unha festa veciñal; era habitual contar con algúns contratados para axudar, pero tamén sempre se engadían outros veciños que logo engrosaban o número de comensais á mesa, unha vez rematado o traballo.

Teño moi presentes aqueles días de outono, plomizos, pechos, tristeiros...nos que o sol andaba agochado todo o día tras dos nubeiros e, ía moito frío (non é o de agora), só se aledaba un chisco o ánimo ollando o fume saíndo polos lousados dos sequeiros que se albiscaban dende o lugar

5. Nas relacións veciñais e con diferentes poboacións: os caldelaos eran propietarios dunha parte moi importante dos soutos e das viñas da nosa parroquia e, xa que logo, había moita inter-relación coas parroquias caldelás; aumentaba moito no verán cando os naveáns percorrían as chairas de Caldelas, ofertando a froita e produtos hortícolas baixo o sistema tradicional do “troco”; deste xeito era máis doada a venda, xa que os cartos escaseaban e había que gardalos para necesidades máis perentorias.

6. No traballo: para manteren fortes os castiñeiros e cunha produción de froito importante, era preciso dedicarlles moitas horas de traballo: a demouca, a arada (cando o terreo o permitía) ou a cava, a monda do terreo, a rega...logo xa viña a colleita dos bullotes (uns días nos que os soutos acollían unha morea de xente para xuntar o preciado agasallo da natureza), a seca, a pisa...Unha vez rematada a colleita (facíanse varias voltas, coido que hata tres) había a tradición de que calquera persoa podía acudir a coller bullotes dos que quedaban agochados nos soutos; non lembro cómo e cando comezaba ese período (supoño que consultarían aos propietarios dos soutos antes de comezar); coñecíase coma ir “ao chou”; logo unha vez rematado este período era habitual escoitar comentarios do ben que lles fora a tempada do “chou”. (as malas linguas dicían que as persoas que máis sacas xuntaban eran as que foran contratadas, para a colleita normal, polos propietarios dos soutos onde logo ían ao chou).

Saúde e boa viaxe.

(1) Aquí entra de cheo a tarefa que está a facer Xoselois coa súa serie de traballos: “A lingua de Navea.

 

 

 

“O COMERCIO NAVEÁN” - (45)

Bo día:

(Segue o confinamento físico, pero só o físico, así que podemos seguir facendo outras actividades).

Eu diría que a economía da nosa parroquia, en xeral, era de “subsistencia”; aínda que cavilando un pouco arredor das antergas técnicas empregadas nas continuas transacións comerciais, transmitidas de xeración a xeración, coido que hai parte desa economía que presenta xeitos que saen fóra da subsistencia e, que sempre se levaron a termo por medio de dúas canles: comercio activo e comercio pasivo.

Teño para min, que unha parte moi importante das vendas non se pode considerar dentro da tradicional “economía de subsistencia” (venda do que sobra unha vez cobertas as necesidades familiares), sistema con forte implantación no rural dende épocas antergas, xa que no noso lugar producíase tendo en conta esa parte que ía ser destinada para a venda nos diferentes mercados.

O comercio activo: podémolo nomear tamén cunha palabra que nestes tempos modernos anda moi “atarefada”: sería o comercio “emprendedor”, que ven a ser aquel que toma a iniciativa de comerciar. A xente da nosa parroquia sempre mostrou, neste campo, un alto coñecemento das técnicas de venta, (eu diría que ben puidera ser materia a estudar polos actuais gurús do ensino nas escolas comerciais, e ata poderían tirar algunha lección que outra) .

Ao longo de todo o ano estaba presente este xeito de comercio: así era cando ían ás feiras, ás festas, a recorrer, de aldea en aldea, as chairas caldelás (neste caso case sempre co sistema do”troco”) para vender: as froitas da tempada, os produtos de horta, as plantas de sementeiro coa “remolacha” como reina (moitos cartos tirou Navea coa súa venda).

Tamén axudaba moito ao saldo anual da economía familiar, aquelas vendas que aínda sendo puntuais, algunhas aportaban moito valor: porquiños de cría, cabritos, años, polos, coellos, algún becerro, algún canado de viño, cstañas, madeira ...

O comercio pasivo: sería todo aquel que se levaba a termo porque os compradores viñan buscar os produtos á nosa parroquia: ben fose en camións (nos derradeiros anos), en cabalerías, ou tamén ás costas (xa que de todo houbo).

Este xeito, non hai dúbida, era o máis produtivo e levadeiro, aínda que os prezos non chegasen aos que se podían acadar fóra; o tempo que se precisaba era moito menor e, xa que logo, podíase dedicar o resto para traballar noutros mesteres ou, tamén, para preparar outros produtos que logo, coa cabalería, se ían vender noutros mercados da contorna.

Saúde e boa viaxe.

------------------------------------------------------

O COMERCIO NAVEÁN / “AS REVENDESINAS” (46)

Bo día:

Temos falado moito, tamén escrito algo, arredor do comercio de produtos que da parroquia

de Navea saían para os diferentes mercados:

O primeiro era A Pobra e toda a comarca trivesa, logo as parroquias e lugares de caldelas, tamén outras comarcas da nosa contorna: Valdeorras, Quiroga, O Bolo...

Daquela, a froita de Navea viaxaba sen parar a festas e feiras das parroquias dos arredores; lembro as festas do San Xoan en Río, o Sant Yago en Mouruás, o Cristo e a Dolorosa na Pobra...onde acudían unha morea de veciñas para vender: cereixas, claudias, peras, ameixas, uvas, mazás...

Nas festas da contorna, unha clientela fiel eran os mozos bailadores que tiñan a oportunidade, e así o facían, de agasallar ás súas parellas de baile coa froita que podían mercar a carón do campo da festa. As vendedoras non ían provistas de papeis, nen por suposto de plásticos (non era a época aínda do, hoxe, avasalador produto). Así que a fróita entregábanllela nos panos que os compradores ofrecían. (Que pasaría hoxe se tal cousa viramos!)

Un dos que comezou máis pronto e, xa que logo, máis negociou coa froita de Navea, foi un dos comerciantes de Montefurado; tiña a casa mesmo na entrada do lugar (coido que lle decían “O Pampas”). Había que levarlle a froita ao seu local, axudarlle no envasado en “xaulas” e tamén cargalas no carro; logo tocáballe ao sogro do comerciante, aportar o cabalo para ir facturalas á estación do tren coa destinación de Ponferrada.

Máis tarde comezaron a vir outros comerciantes con camións da Coruña, que só chegaban ata A Ponte.

Moi pronto comezou a negociar tamén o noso veciño Raul (q.e.e.), primeiro co Fausto (q.e.e.), logo asociouse cun veciño de Chantada, propietario dun camión grande “Barreiros”. ( moitas toneledas de froita sacaron!)

Logo, cando a estrada se foi achegando ao lugar ían aproveitando o avance: a primeira etapa foi no Regato, alí amañouse un lugar para, con moitas maniobras, que puidesen dar a volta; a segunda etapa, xa foi nos Vales avistando á fonte; a seguinte foi na cabarca dos Rousos, alí estivo o final por moito tempo, aínda que a estrada chegaba ata a Fonte (estas etapas e lugares para dar a volta refírense aos camións, xa que os turismos ían aproveitando mellor os metros de estrada pola facilidade para virar en pouco espazo).

Tamén o de Montefurado, cando se dacatou que perdera o negocio, comezou de novo esta vez xa achegándose ao lugar cun camíón propio.

Outro veciño, o Arsenio da familia do Campo, tamén comezou a negociar coa froita creo que para Ourense, onde rexentaba unha tenda, e logo para Vigo.

Poida que algún veciño máis se metese ao negocio pero non o teño claro.

Ben pois, coido que o relatado ata aquí historia do noso lugar, eu diría que somos moitos aínda os que a mantemos na memoria. Admito que pode conter erros e, xa que logo, se alguén atopa algo que considera que non é correcto que o comente na páxina, ou se mo di a min estou aberto a modificar o que sexa.

É agora que vou lembrar ás “mulleres comerciantas” que viñan á parroquia nunha época máis lonxana da descrita arriba; supuña unha saída para a froita non tan importante pero tamén axudou; é moi posíbel que haxa persoas de Navea que nunca tivesen coñecemento disto, ou tamén que o teñan esquecido polo tempo pasado; aquí contareivos o pouco que lembro máis o que outras persoas, ás que consultei, me relataron arredor das nomeadas e famosas:

“Revendesinas”.

Non atopei unanimidade en todo pero si que todos coinciden en que eran só mulleres que viñan da comarca do Bolo: de Lentellais, As Hermidas, As Escadas, Cambela... Tamén nalgunhas ocasións viñeron de Vilanuide.

Mercaban a froita que nos seus lugares non había e que en Navea abundaba, sobre todo ameixas e empreales, aínda que tamén levaban algo de claudias. O destino principal era a vila de Viana. Viñan en grupos de doce ou quince. Sempre eran benvindas, pola posibilidade que ofrecían de negocio e tamén porque a froita que buscaban non tiña moita saída e transacionábase cuns precios moi baixos.

Podemos dicir, sen medo a erro, que o comercio no noso lugar formou parte do “adn” das naveás/áns dende sempre, pero é preciso dicilo con maiúsculas: case sempre foron as “MULLERES” ( ao parecer coma no Bolo) as mantedoras do facho, ben vivo, ao longo da historia, alomenos da máis coñecida.

Saúde e boa viaxe.

---------------------------------------------------------------------------------

O COMERCIO NAVEÁN/ “O VIÑO” (47)

Boa tarde:

A parroquia de Navea, por moitos anos, foi a provedora de viño dos lugares da contorna. Como deixei escrito no artigo nº 45, a normalidade nas derradeiras décadas deste comercio era que viñesen os compradores a Navea. Podemos dicir que foi sempre así? Pois non, non sempre foi así; en tempos máis lonxanos, cando a produción era moito máis grande, alomenos os maiores produtores precisaban buscar mercados fóra. Así un dos comerciantes que mercaban o viño do noso lugar era do Pereiro (Sas de Trives). O problema, ademais da loita polo precio, era o transporte, xa que había que entregárllelo na súa adega. Daquela, como temos constancia, Navea estaba moi aislada do resto das terras de Trives; o camiño pola Ponte era o más curto para ir a Sas, pero o pontixolo para travesar o río non era adecuado para cabalarías, así que o camiño para o transporte do viño, cunha recua longa de cabalarías, non era outro que: coller a carrúa dirección para Río, logo achegarse ao Piago para seguir pola estrada ata O Pereiro. Esta longa viaxe deparaba moitas incidencias negativas que supuñan unha mingua relevante nos beneficios da transación.

Loxicamente, este trasfego non o temos documentado e, xa que logo, non podemos saber cando comezou nin cando rematou. Supoño que foi esmorecendo coma todo no rural; os cambios que pouco a pouco se foron dando, nuns lugares por mor dun feito e noutros por outros. Na nosa parroquia, coido que foi cando comezaron as construcións das centrais eléctricas que empregaron moita man de obra e cunhas condicións mellores para os traballadores: seguridade social, estabilidade, soldos máis altos... As viñas foron esmorecendo como era normal e lóxico.

Xa logo foron quedando só as necesarias para o gasto familiar, e se sobraba algo pois vendiase aos compradores que baixaban de caldelas.

Isto, máis ou menos, coido que foi a historia deste comercio, poderiamos dicir, “ao por maior”.

Ben, pois aquí vos deixo estes relatos escritos en pleno confinamento. Saen xuntos, aínda que foron redactados en diferentes datas. (hai tamén algúns contidos que se repiten)

Desexo que, se tedes a paciencia de lelos, sexan do voso agrado.

Ah, ollo cos bichiños!

Saúde e boa viaxe... non, mellor quedade na casa.

Boa tarde:

(Hoxe, primeiro de maio, sigo mantendo o confinamento. Despois de tantos días... pechado á forza: fago e desfago na casa, vou de fiestra en fiestra ollar o que xa sei que non mudou, escaleiras arriba escaleiras abaixo, pateando todos os recantos (non levo a conta de cantos “maratóns” terei feito xa), releo “Made in Galiza” de Sechu Sende (eu diría que este libriño debería ser de obrigada lectura nas escolas), escoito música (por certo, que maxia os de “Luar na lubre”), volvo remexer no fondo de artigos gardados e atópome cun, que xa leva ben tempo agochado, agardando polo intre de poder saír. Ben, pois vouno deixar voar para que, se vos parece, o poidades ler coa tranquilidade de saber que xa pasou unha longa corentena e vai ceibo de bichiños).

“O TOLO DO LUGAR” (48)

Coido que é coñecida por todos aquela lenda que di: en tódolos lugares hai un “tolo”, e tamén se di que acostuma a posicionarse nas entradas/saídas das poboacións.

Ben, pois eu diría que, moitas veces o “tolo” non é tal, mais ben é un “cordo” por riba da xeralidade.

Mantendo o dito, vou lembrar os “tolos” cos que eu tiven a oportunidade de relacionarme, cando era un neno, unhas veces obrigado polas circunstancias, outras no medio dunha (agora decátome da baixeza á que podemos chegar de nenos) xolda na que o pobre “tolo” non podía defenderse, ou non quería, pois vivía agochado no seu “reino” particular.

O primeiro, co que tiven a oportunidade de relacionar, era do noso lugar. Coñecino na nosa casa, xa que adoitaba vir pola moita querencia que lles mantiña aos meus irmáns máis vellos, pois deixábano compartir o traballo para artellar trebellos no seu obradoiro: (debo dicir, pois así o creo, que eran auténticos, artesáns), facían xoguetes/lilos para os irmáns máis novos, e outros trebellos máis enxeñosos para eles mesmos que compartían cos outros rapaces en xeral; para isto aproveitaban todo aquilo que tiñan á man, tamén o que algúns dos amigos colaboradores lles podían achegar: madeiras, latas, ferros, gomas, telas, pinturas..., case sempre eran materiais vellos que precisaban de rehabilitación, o que non supuña atranco algún xa que habilidade sobráballes e o tempo tirábano do de lecer: domingos, festivos, os días laborábeis cando saían da escola se non lles tiñan gardada algunha tarefa, tamén cando non se podía traballar fóra pola choiva; todo o traballo que xeraba esta afección era do agrado do noso personaxe e sempre estaba aberto para colaborar.

Entraba no patio, o lugar onde tiñan o obradoiro, coa confianza que sabía era acredor; sentíase involucrado no proceso de construción de tódolos modelos e logo tíñano en conta no intre de probalos. Lembro unha vez que argallaran unha “bicicleta” con pezas de madeira; coma sempre, apareceu o noso amigo e deseguida quixo montar nela, sen medo, nin dúbidas enfilou polo sendeiro que vai á cova do viño, con tan mala fortuna que foi dar nun silveiro que había a carón da porta.

Analizando o seu comportamento, sobre todo coas persoas máis vellas da casa ás que lles profesaba moito respeto, eu diría que de tolo tiña ben pouco, aínda que era o calificativo que había de soportar.

A relación co segundo, foi doutro xeito, viña a ser unha obriga. Este personaxe si que mantiña a norma da lenda. Atopábame con él en Barrio, nas miñas viaxes dende A Pobra a Navea, e logo outra vez á volta; estes encontros dábanme medo, aínda que non me facía nada mao, só se encaraba comigo enfurruñado e con palabras que eu non entendía. Sempre ía bébedo na compaña dun can moi ladrador. Estas situacións levábanme a cavilar en mudar de camiño. Case sempre para a viaxe de volta, aínda co medo no corpo, decidía coller polo Santo Amaro/A Freiría/ O Mato. Ai meus amigos! pero na Freiría había outro atranco: tiñan un can, aquelo si que era un can, grande, moi grande, moi agresivo, cuns ladridos fortes que estalaban nos oídos, e plantábase con ollos desafiadores no medio do camiño a carón do pazo. Supoño que estaba a facer a súa obriga de defensar a propiedade pero eu non sabía que facer e tiña que pasar por diante del...(aquí lembraba os consellos dados na casa) e quería falarlle, baixo pero sen medo, pero non, non me saía a fala, non podía dar a volta xa que seguro ía botarse tras de min... e decidía seguir para adiante sen deixar de camiñar, sen facer moito ruido, non ollaba para tras, só para diante, só de reollo procuraba adiviñar cando ía pasar o perigo e, sen decatarme, ía collendo velocidade, suando, sii, agora xa se podía ollar, xa estaba no Mato.

Xurábame a min mesmo, que non volvería coller aquel camiño pois o medo fora tan grande...

Pero na seguinte oportunidade había de elixir outra vez e así cada unha das viaxes, aínda que desexadas, moitas veces pensaba se non sería mellor deixalas para, só, cando tivese compaña.

O terceiro: coido que era para calificalo como “moi cordo”. Neste caso as relacións tiñan lugar nas Hermidas. O personaxe non seguía o padrón da lenda xa que ficaba pechado, ao parecer por vontade propia, dentro do seu “reino”. Tratábase dun fidalgo, vido a menos, que mantiña aceso o facho da súa fidalguía, en soidade, dentro da súa casona que se atopaba lindando co patio do santuario pola banda do río, cunha diferéncia de nivel, ben ben, duns cincuenta/sesenta metros, que viña a ser a distancia co muro de protección. Era alí onde transcurrían as “fazañas” que os cativos do Seminario procurabamos alentar dende o miradoiro, situado nun recanto do fondo do patio, desde o que se ollaban as traseiras da casona do “fidalgo”. Nós dende o miradoiro, ben protexidos, e el na súa cociña aberta ao noso ollar, xa que lle faltaba parte do lousado. Ás nosas chamadas de atención, non sempre moi delicadas, el sempre respondía do mesmo xeito: ergueito, ollando cara arriba, con porte altivo pero ao mesmo tempo educado, e con voz grave de “baixo” declamaba versos que ninguén coñecía. Nunha ocasión sorprendeunos o profesor de turno e, ademais da reprimenda e castigo polo acto, díxonos: -deberiades tomar exemplo deste home que en contas de revolverse irado, dedícavos todo un concerto de “poesía e boas formas”.

Coido que así son moitos daqueles aos que, os considerados “cordos”, calificamos como “tolos”.

 

Saúde e boa viaxe.

 

 

 

“XEITOS TRADICIONAIS DE PECHAR OS TRATOS COMERCIAIS, OU NON, NO RURAL”

Bo día:

( Outra vez podemos gozar coa imaxe dun conxunto harmónico: natureza, fermosa coma sempre, arredor dunha construción integrada; todo o conxunto ben vixiado e gardado, dende O Penedal, polos dous “misinos” como se mesmo fosen unha parella de “gardas protectores”.

En contraste coa beleza das imaxes primaverais, que nos amosa Manolo, eu vouvos dar a lata unha outra vez. Perdoade pero, é a miña persoal teima, un xa vai vello e aproveita as pequenas fiestras que atopa abertas para, coma din por estes lares, “dir la meva”.

Hoxe déixovos unhas anécdotas da miña época de labrego/gandeiro.Teñen que ver cos “xeitos e formas tradicionais” de formalizar e pechar certos tratos, sobre todo de compra/venda de gando e, xa que logo, de importe elevado. Ninguén, responsábel e serio, se atrevía a incumprilas aínda que non existise documento escrito. Había dabondo con só unha aperta de mans, aínda que tamén era usual que houbese persoas como testemuñas dun xeito pasivo, xa que eran feirantes presentes nese intre: vendedores, mercadores, simples espectadores, coñecidos ou non, que se achegaban para ollar o desenlace da transacción. Estas persoas espontáneas, que ninguén chamaba, eran aceptadas por todos como parte natural da feira. Ás veces, se os intervenientes non se daban posto de acordo, algunha desas persoas interviña para facer de “persoa xusta”: tratábase de axudar, e partía polo medio a diferenza. Case sempre coa súa intervención desatrancábase a negociación propiciando o trato con aperta de mans.

Ben, pois agora xa que chegastes ata aquí, final do limiar, só quero roubarvos uns minutos máis do voso tempo de lecer e que vos procuredes dun chisco de paciencia para rematar a lectura dos tres relatos. Desexo que sexan do voso agrado).

::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

 

1.- “A merca, dun xatiño, “selada cun bico” no toural do Castro”. (49)

Cando meu irmán Luis se trasladou a Barcelona, sen pretendelo por miña parte, houben de asumir unhas responsabilidades que ata a data levábaas el a termo. Nunha ocasión (meu pai non se atopaba ben) era preciso ir á feira do Castro mercar un xato (tradición que había desde que deixaran de ter os bois que sempre houbera na casa: mercábanse xatiños que logo se ían cebando para, aos seis ou sete meses, vendelos; eran operacións moi clucrativas). Pois, como eu non contaba con experiencia no asunto, recibiu o encargo de asesorarme o Sr. Justino dos Lameiros. Ben, pois alá fomos os dous (malia a choiva) coa vontade de facer feira, Tivemos a oportunidade de gozar do novo toural cuberto, de construción recente, e gardarnos da choiva que caía a chuzos. Despois de ollar a feira, en xeral, e tódolos becerros que habia expostos á venda, o meu instrutor preguntoume: -que che parecen os xatiños? Ollaches algún que che goste? A verdade que non esperaba que me fixese preguntas. Eu viña convencido que el era o responsábel e, xa que logo, tomaría a iniciativa sen contar comigo. A miña resposta foi que todos me parecían a xeito e non tiña preferencia por ningún. -El díxome-: -non, non é así, é preciso ollalos ben, derriba a baixo e de diante para tras; proba de facelo ti, seguro que lles has de atopar algunha diferenza. -Sr. Justino non insista, para min todos son ben feitos. -Ai rapaz, isto non vai ser o teu! Verás, fíxate, este vai coxo; ese é moi axeitado pero está xa moi gordo, seguro que mamou moito e, xa que logo, non nos serve porque non vai comer o outono; esoutro esta ben, pódelo anotar como posíbel merca; aqueloutro aínda é máis axeitado, anótao tamén, e xa non vexo máis que considere adecuados. Ves como si había diferenzas? Ben, pois agora que xa temos o obxectivo toca procurarmos os prezos: sen poñer moito interese, coma quen non quere a cousa. Fómonos achegando, ollando dun lado e doutro, de socate escoito o prezo que, a muller que vendía un dos xatos elixidos, lle pedía a un posibel comprador, achégome ao xefe para darlle a nova, e dime: -así, así, moi ben; agora imos pescudar o do outro, ti vai por aquela banda e eu vou por esta; deseguida escoito outra conversa a carón do outro xatiño, desta vez era en voz alta (o que daba o prezo, logo díxomo o mestre, era un dos moitos tratantes que viñan ás feiras), dinlle a nova do prezo, -moi, moi ben, ves que doado é?, só hai que poñer moita atención e aguzar o ouvído. (Foi daquela que me decatei da proba que me estaba facendo, pois a voz alta do tratante, seguro que a escoitara el o mesmo ca eu). Entón, -dixome (sempre con moi boas formas): -se teus pais che queren traspasar esta responsabilidade has de recibir algunhas ensinanzas que só se adquiren vindo á feira, achegándose ao toural para ollar o gando e, ao tempo, informarse dos prezos das vendas. Isto mesmo xa llo direi tamén aos teus pais.

-Agora ímoslle mandar nós: a ver señora, que vale o xato? -Ai meu señor! este xatiño elle a miña vida!, eu non o quería vender pero a desgraza veu á miña casa... -Si señora, xa... pero que vale o xatiño? -Mire, xa que vostede me parece unha persoa moi boa, ainda con toda a dor do meu corazón, por (dixo unha cantidade que non lembro) é para vostede. (ai demo de vella! xa lle estaba subindo ó precio dado antes). -Ai señora, gústame o seu xato, pero o prezo, o prezo non lle me gusta nada. -E logo, para vostede canto val? -Con todo o meu respecto señora, eu valóroo en tanto (unha cantidade inferior a que escoitaramos antes). -Ai que diaño de home! e, eu que pensara que era vostede unha persoa seria e formal... Deixamos alí a vella rosmando polo baixo...

-Imos ver o outro: a ver señor, que vale o xato? -Pois verá, xa me mandaron tanto (unha cantidade máis alta da que lle mandaran) e non o din; eu quero tanto (máis alta aínda), e de aí non baixo. So quere ben, e senón tan amigos, outra vez será. -Moi ben señor, vostede é o dono do xato, e ten todo o dereito a pedir, pero a min non me encaixa ese prezo.

Volvemos xunto da vella, e o Sr. Justino comezou valorando o xatiño: deu voltas arredor, facía acenos ca cabeza, como que era de xeito, e di: -ai señora! mire que me gusta o xato... e vostede que é unha señora tan axeitada, tan ben feita e guapa, vai permitir que non poidamos levar o xatiño connosco? -Ai que adulador é este home! -Mire vostede señora: vaille para a ribeira, non ha pasar ren de frío, vai estar coidado coma un rei, non lle vai faltar outoniño fresco, bo trato e un compañeiro que agarda por el na corte. -Cale, cale, labia non lle falta! non é así este mociño tan xeitosiño que aínda non abriu a boca. -Este mociño, como di vostede, non gosta de feiras, só de festas. -Ai pois logo, convídoos para que veñan á festa do noso padrón, que xa é axiña e eille presentar miña filla Alexandrina: elle moi xeitosiña, e sábelle facer de todo. Ai! pero perdoen, e vostedes de onde veñen sendo? -Sómos de Navea. -De Navea! dalí é o señor Eliseo. Que figos! que pavías! sempre nos trae moi boa froita. Señor, señor...,-Chámome Justino, Justino para servila. -Ai, loado sexa Deus! xa me parecía a min que algunha cousa tiña vostede que me lembraba meu home (que en paz estea), pois tamén se chamaba Justino.

Ben, esta conversa típica de feirantes, que estaba moi ben, era preciso deixala e pasar á ofensiva senón a labia daquela muller podería ir en contra da nosa misión, que seguía a ser: levar o xatiño por un bo prezo; -di o Sr. Justino. -Señora, señora..., -Celia, chámome Celia. -Pois señora Celia, axústenos o prezo, senón non vai haber trato. Ai que home este! ben, pois pola memoria de meu home, e tendo en conta o bo trato que o meu xatiño vai ter, deixaréillelo por tanto (era un pouco máis do que se lle mandara, pero o mestre viu nel un bo prezo), e non se fale máis. -Pois moi ben, señora Celia, aquí vai miña man. -Un bico home, mellor un bico, que xa case somos familia (alí se bicaron coma dous noivos).

Deste xeito, tan familiar e teatral, rematou a merca do, agora xa, noso xatiño (sen intervención de homes xustos; supoño que a “familiar” escena xa non daba razóns para entrar na operación).

Logo, unha vez rematado o obxectivo principal, deixamos o toural (o xato quedou vixiado pola señora Celia, que se ofreceu moi contenta) e fomos xantar un bo prato de pulpo como era obrigado pola tradición. E nesas, eu pido auga para beber (era o que bebia daquela) e o Sr.Justino todo alporizado dime, -Pero que dis! auga co pulpo! eu debo chegar a Navea cun bo xatiño e cun mozo san, non estragado polo mal que che vai facer o pulpo regado coa auga. -Non se preocupe Sr.Justino, eu xa vou acustamado a beber sempre auga, non repare niso, non me fará mal. -Ben, se ti o dis...

Cando cheguei co xatiño ao noso lugar (o Sr. Justino xa quedara nos Lameiros), atópome na Airexa cun veciño, que se gababa de moi entendido, e dime: -ooh! que becerro máis feo! vaiche reñer o pai. Eu só atinei a dicirlle, -pois xa verei o que di,.. agora xa é noso, non hai volta atrás.

Ao meu pai non lle pareceu feo, nin moito menos, pareceulle moi boa merca. Así que eu saín apoiado por quen era preciso. Isto animoume e, co tempo, funlle collendo cariño ao xatiño que, despois duns días maos que case non comía e non daba espoliñado, comezou a comer e eu a traerlle o mellor outono; traíao separado: unha parte para o xatiño e o demais para o outro xato, xa máis grande, e para a mula; axiña comezou a engordar e as serdas a brillarlle, víase medrar; os comentarios dos que o vían eran todos loadores. Un día, o veciño “entendido” preguntoume polo xatiño, díxenlle a verdade e algo máis; -si, xa me chegaron novas que vos vai moi ben; pois mira que a mín non me gustou nada cando o vin... pero claro, tampouco se vai atinar sempre. -Si é certo, pero ás veces tamén se pode calar. (“Cando fales procura que as túas palabras sexan mellores có silencio”; este proverbio houbérallo soltado se o coñecera pero, claro, daquela non o coñecía).

 

Saúde e boa viaxe.

::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

 

2,- “A venda do noso xatiño na feira de Río” (50)

Pasados seis ou sete meses, como era normal, o xato ganara moito peso, así pois, era o intre de vendelo.

Veu velo o Sr. Graciano (dos “Delfis” da Pobra) e mandou unha cantidade que aos meus pais xa lle parecía axeitada, pero a min non, e dixenlle que mellor levalo á feira. Ao final cederon, supoño que terían en conta a miña intervención na merca. Fomos ao vintetres a Río (daquela era unha feira de moito gando e viñan moitos tratantes); alí estaba o Sr. Justino que, ao ver o becerro, non daba crédito e dixo: -as novas que me chegaran xa me dician que medrara moito, pero eu non esperaba que fose tanto, que xato máis bonito! -E di-: -este ha de ir “para vivo, non para morto”.

Aquel home tiña un xeito de falar moi seu, moi baixiño e case ao ouvido, cando ía falar daquilo que consideraba importante; eu quedei medio parado e o pai, que o coñocía ben, aclaroume o que estaba a dicir: -si home, que alguén mercarao para telo na casa. -Ah, pois moito mellor me parece, a ver se sae así.

Foron pasando os tratantes, un tras outro, a todos lles gustaba e facían boas ofertas, pero nós ó noso: agardar polo comprador para a “vida”. E si, chegou, resultou ser un parente de San Miguel e viña

ver o “noso xato”... (logo explicounos o Sr. Justino que fora el quen os informara que pensabamos traelo á feira de Río). Non lle gustou o prezo e marchou un pouco enfurruñado. -O Sr. Justino di baixiño-, -tranquilos, xa volverá.

Non tardou moito; -a ver Fernando, canto val o xato? a verdade, non me andes con rodeos, -Xa cho dixen meu parente, o xato ten o valor que ten e ai que pagalo. -Non, eu non podo chegar a esa cantidade. -Facía acenos de marchar..., entón achégase o “home xusto”. -A ver, que lea tedes? iso hai que amañalo: o xato ben o vale, pero tamén vós podedes facerlle unha rebaixiña ao voso curmán; partímolo polo medio, veñan esas mans. -Meu que non, o outro que si; entón vai meu pai e dille-: -non pode ser rebaixa, convídote a xantar, que aínda me vai saír máis caro cá rebaixa. E así, pecharon o trato cunha forte aperta de mans.

Transacción redonda: bo prezo e o xato ía para a “vida”.

(Como supoño entenderedes, estes relatos non son, nin poden ser “fotografías exactas” daquelas experiencias, do aprendiz de gandeiro, que tiveron lugar hai moitos, moitos anos; aínda así, eu diría que si son “fotografías”, pero tiradas ao “lusco fusco”, onde todo se desdebuxa e, paseniño paseniño, as cores vanse diluíndo deixando paso ás tebras da noite. A memoria é iso: unha “fotografía desdebuxada” polo tempo).

Saúde e boa viaxe.

::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::.

 

3.- “ Viaxe a Seoane para mercar unha mula ” (51)

(Meu pai é o protagonista desta anécdota que tivo lugar aló polo ano 1964/65...).

Na nosa casa, daquela, tiñamos unha mula dende había xa bastantes anos. Fora, e aínda era, forte, pero dicían que xa ía cansada, que o trote que se lle dera aqueles anos coa rehabilitación da casa pois non lle fora moi ben. Vían que era o intre de intentar cambiala por outra máis nova.

Chegaran á casa novas de que en Seoane vendían unha que seguro encaixaba coas nosas necesidades. O informador aclaraba: -é unha mula nova, forte, con máis alzada ca vosa e “moi mansiña” (isto remarcouno, pois xa sabía o que se ía valorar).

Unha vez falado na casa, pensaron que se era como dicían, ía vir ao xeito, e xa que logo, era preciso ir vela.

Alá foi o pai, el só, na súa mula “negra” coma acibeche, acostumada ás súas ordes: pouco a pouco, sen présa, rouso vai, rouso ven e de lado a lado da carrúa para facer máis levadeira a costa, foron chegando a destino.

O propietario, deseguida o atendeu e levouno á corte onde se atopaba o animal. Meu pai (segundo seu relato cando regresou), non lle fixo moitas gabanzas, pero por dentro quedou cativado pola mula. Non precisaron de ningunha axuda, deseguida acordaron o prezo e que, ao día seguinte, volvería para entregarlle os cartos e recoller a súa mula; déronse as mans para selar a compra/venda (da falta de testemuñas, como axiña veremos, meu pai íase arrepentir).

Aos da casa pareceulle moi ben o trato (aínda que saíu o tema de non contaren con testemuñas, nunca se sabe por onde pode saír un vendedor). O pai comentaba que na longa experiencia que tiña en compra/venda de gando: bois, mulas e todo tipo de tratos que, acotío, se levan a termo no rural nunca ninguen se lle volvera dos tratos, así que non podía entender que o de Seoane o fixese. Ao día seguinte, cos cartos ben gardados e contento, montou na mula negra e para Seoane. (Tendo en conta o reflexivo que era, seguro que o camiño se lle fixo longo cavilando coa posibilidade de que o caldelao se volvese dos tratos).

Ao chegar a destino as dúbidas aumentaron pois o home non aparecía, algúns veciños vírano, pero ninguén daba razóns exactas. -Pois eu non me movo de aquí ata que veña, e se tarda moito achégome a Río buscar a Garda Civil (pensou en voz alta para que ouvisen todos os veciños cos que falara e que alí estaban).

Mentres, fórase xuntando unha morea de xente (daquela aínda as aldeas estaban cheas); nestas saíu de por alí atrás un velliño e falou así: -pero Fernando (meu pai era coñecido en caldelas), que dis! -Quedamos que estaría aquí, e non está. -Si, se foi así tes razón. -Claro que foi asi, que ten dúbidas vostede? -Non, ben sabes que coa túa palabra teño dabondo, pero puidera ser que se esquecese e ande a facer algunha tarefa por aí... -Ben, pois dalí a pouco apareceu e, moi fanfarrón el, di:- -Sr. Fermado, non hai trato. Se quere levar a mula para Navea ha de pagar máis. Ao velliño que falara antes non lle pareceu ben o comportamento do, ao parecer familiar seu, e díxolle que ese non era xeito de negociar un trato.

Vendo que a cousa no se amañaba, meu pai repetiu o que xa antes dixera: -moi ben, pois xa que non me queres entregar a “miña mula” vou ata Rio buscar a Garda Civil e poida que tamén veña da man de meu amigo Ramón do Seixo. Non ben acabou de falar e xa o mozo mudou, agora achégase calmo e di: -Sr. Fernando, non é para tanto home, non precisa ir a Río, isto ímolo amañar: que lle parece darme algo máis do tratado onte? a cantidade que vostede considere... -Non, non te empeñes, a mula “é miña desde onte”, prepárate para cando veña na compaña dos gardas.

-Ben, ben, imos á corte buscala que xa está preparada.

Foi así como, “o fantoche”, volveu ao rego para cumprir coa palabra selada o día anterior con aperta de mans.

(Daquela, o pai xa non era novo, coido que debía andar polos setenta e tres anos, aínda así non se apoucou diante daquel mozote fanfarrón que quedou diante de todos os veciños como “incumpridor” da palabra dada.

Unha vez rematado o relato co que eu lembraba, consultei con familiares para contar cunha visión máis ampla e, do que eles me contaron, engadín aquilo que complementaba o meu. Así que, máis ou menos, o escrito é como sucedeu. A historia amósanos o importante que era a “palabra dada”, pois viña a ser coma unha sinatura).

Saúde e boa viaxe.

(Disculpade pola utilización do guión nos diálogos, pero non podo utilizar a raia).

Hai tempo que quería dar as grazas as persoas que máis contribúen á vida da “nosa web”.

Grazas Xosé Lois. Por traer de novo verbas que, polo menos para min, xa quedan un pouco lonxe. Coas verbas veñen a mente situacións, persoas, lembranzas.

Grazas Bernardino. Por compartir esas moi traballadas historias e anécdotas de outros tempos. De outras maneiras de facer, de comportarse, que quedan lonxe pero aínda son parte de nós.  

Grazas Manolo e Marta. Pola loxística e por ser os nosos ollos. Por regalarnos a posibilidade de ver Navea.

Supoño que compartiran comigo estas verbas algunhas das persoas que, normalmente, non imos máis ala de “mirar” a web de Navea.  

Que tamén nos teríamos que esforzar en colaborar algo, non é?

Que o famoso virus nos deixe pasar un bo verán !!!

 
 
 

“A ZORRA DA MORGAZA”

(57)

Boa tarde. 

(Este relato, que vos deixo hoxe, ben podería ser unha das moitas historias estrañas que, a cada pouco (había moito tempo de lecer para darlle ao maxín), acontecían na  Galiza en épocas pasadas, ou tamén pode que sexa una lenda amañada de cercanía para darlle máis veracidade. Vós contades co poder de collela por unha banda ou pola outra. Xa que logo, tedes a responsabilidade lectora de mollarvos).

Disque, na nosa parroquia, houbo un tempo no que existía unha raposa á que, os veciños, batearon cun nome ben fermoso: “A  zorra da morgaza”. E que ten de particular que haxa unha raposa e que aos veciños do lugar lles de por batexala? Pois si que ten algunha cousa que, ata daquela, nunca as zorras ousaran facer.

Agora saberedes das súas fazañas: esta afamada zorra, gostaba de facer as falcatruadas que sempre fixeran tódalas da súa parentela e compañeiras da contorna: entrar aos galiñeiros para zamparse os seus habitantes, tamén se contaba que algunha corte fora visitada pola zorra do lugar para dar boa conta dos coellos…, pero parecer ser que esa vida tradicional de toda a especie non lle acababa de (coma din por estes lares “fer el pes”); para ela a comida preferida non eran as galiñas, coma si que era para as outras zorras veciñas da contorna, ela buscaba outros manxares máis saborosos: o “bo pan”, a “empanada”, ou aínda mellor: o “bo cabrito naveán”. Como! Unha zorra que quere pan, empanada e cabrito? Pois si meus amigos, a nosa zorra cheiraba os fornos do lugar para saber onde había fornada, pero só en tempo de inverno, cando o sol vai dormir axiña e permite que as tebras da noite se apoderen dos lugares moi cedo.

A zorra da morgaza gostaba da escuridade, non  tiña dabondo co luscofusco, agardaba pola noite, era entón cando ía á porta do forno elixido botando lume pola boca e berrando nunha lingua extraña pero que se facía entender: -teño fame!, quero o meu pan!, quero a miña empanada!, que veña ese cabrito! (dicia que quería a “súa”, xa que os veciños do lugar xa sabían o que a zorra quería e, quen máis quen menos, xa lle tíñan preparado o lote).

Cando o que lle daban non era do seu agrado, comezaba a botar lume pola boca e berrar que quería outra cousa.

Ao parecer todos os veciños do lugar andaban alporizados, tíñanlle medo. No se atrebían a deixala sen cea.

O seu forno preferido era o das Penas, aquel que se atopa/atopaba a carón das penas do Val, por detrás da antiga “Casa das Penas” (dos da Cruz).

Alí podía achegarse sen que ninguén se decatase da súa presenza. Pero pasado certo tempo…, meses, e tamén alguén dicia que anos, a xente comezou a pensar que aquilo non era moi normal. Así que os veciños coidaron que era preciso reunirse en “concello”. Despois de moito deliberar, a  decisión foi precisa: había que prantarlle cara á ladroa chantaxista. Por quendas, fixeron garda diante do forno, pero nada, non acudía a pedir a cea. Pero unha vez deixaban a garda, decatábanse que si  fora buscar a súa cea, pero a outro forno que tamén cocían aquela tardiña.

Aquilo xa era máis preocupante, a raposa adiviñaba onde se facían as gardas…Pois nada, farían garda en tódolos fornos que houbese fornada.

Agora si, daquela a raposa deixou de acudir a buscar a cea. 

Pero que demos pasa aquí! Que zorra máis zorra temos na parroquia! Haberá que poñelo en coñecemento da garda civil.

Logo duns cantos días, sen que a ladroa actuase, chegaron novas desde Casares que contaban un caso semellante aos de Navea. Dicían que nun forno do lugar, uns veciños que agardaban a saída do pan, aló ao luscofusco, comezaron a oír unhas voces que semellaban pedir que se lle entregase a cea. A porta tíñana pechada, cunha boa tranca, e ollaron a través dunha pequena bufarra. Quedaron abraiados coa visión: un extraño animal que, a berros e botando lume e fume pola boca, pedia a cea. Botáronlle o que tiñan, un pouco de pan e carne, pola bufarra. Pero quería máis..., e non o tiñan. O pan e a empanada aínda non saíran... Ao parecer, como non lle daban o que pedía, calou e desapareceu.

As novas non remataban aí, pois tamén contaban que ao día seguinte, pola mañanciña, un veciño madrugador atopou a carón do forno un aparello moi estraño semellante a un farol, pero cun oco case cheo de carbóns, como se fose para facer lume. Ninguén do lugar o recoñoceu como seu. 

Os veciños, xuntárone en concello para comentar o sucedido aquela noite e tamén o achado polo veciño do lugar. Un deles, despois de moito cavilar, de darlle voltas e máis voltas aos extraños sucesos, atreveuse a comentar: -meus veciños, e el non terá relación o achado deste aparello co intento de atraco no forno?

Supoño, que non fai falta dicir que o atraco ao forno de Casares foi o derradeiro da afamada “zorra da morgaza” Naveá.

A garda civil tampouco tivo moitos atrancos para dar coa “auténtica zorra”. Aquela taimada comezara a súas andanzas facendo unha broma de rapaces, pero foise empoderando da situación ao ver que o rendimento era moi bo. As bagatelas da xente moza da parroquia xa non lles costaban cartos...

Unha vez aclarado o asunto, como era lóxico, houbo que pagar todas e cada unha das entroidadas que fixera a zorra. Houbo familia que recibiu de valde varios feixes de estrado, outras de leña, outras tiveron días de traballo..., e todo se amañou  polas boas.

(Mágoa, xa non quedan zorras da morgaza…)

Saúde e boa viaxe.

JOSÉ AFONSO NO SEIXO?               (58)

Boa tarde:

(Este artigo é o número catro nos que o Seixo forma parte do relato. Vén a ser unha teima que, sen querer, me leva a revivir os tempos pasados no lugar).

Non, non pasou  polo Seixo o añorado e admirado José Afonso, ben, que eu saiba... A súa música e poesía, viva sempre, sí que viaxou e segue a súa viaxe sen parar ata alí onde for preciso: O Seixo, Navea, Sant Andreu… Alí onde haxa un coñecedor e admirador da súa obra, será presente o “Zeca”. E sí, veredes como o lembrado poeta pode ser presente no lugar máis alto da nosa parroquia.

 A tardiña vai caíndo no Seixo, o luscofusco agasállanos co zoar do vento nos castiñeiros de Sulugar, a súa música faranos compaña e non rematará ata ben entrada a noite.

Cantigas do maio” é o título dun disco do añorado poeta/ músico portugués, que contén dúas obras (para min mestras) que me poñen a pel de galiña: primeiro a nº 5, “Grándola vila morena”, o que di, como o di, os efectos especiais que reproducen o desfile dos militares, o servizo para a revolución...; logo a nº 4 que, a min, me leva ao Seixo que gardo na memoria selectiva (por suposto que non é a ruína que podemos atopar  hoxe) con moito agarimo, e que titulou: “Canto alentejano”, a música, que reproduce o pranto pola moza asasinada, concórdame coa que o vento xeraba co seu zoar nos castiñeiros dos arredores do lugar, nos luscofuscos dos veráns aló polo tempo da seitura e da malla.

No Seixo sempre ía frio cando comezaba a porse o sol, pero máis ao albiscar a noite. Cumpría abrigarse, pois a calor soportada polo día contrastaba coa friaxe que traía a tardiña.

Pola seitura, moitos dos que andaban na sega quedaban a dormir nalgunha das moitas chabolas que había; as condicións precarias do cocho entre a palla non eran moi adecuadas para o descanso pero, aínda así, compensaban pois baixar a Navea e voltar pola mañanciña era moi cansado e restaba azos para o longo día de traballo que quedaba por diante.

Non lembro ter quedado moitas noites, pero si dunha que foi moi soada pola broma que os mozos artellaron; mellor diría, os homes, xa que había de tódalas idades, non só mozos: alguén do grupo gardara cabezas de xirelos sen cociñar (supoño que xa pensando na xolda que ían montar), e que mellor destino que facelos servir para prepararlles unha soada broma ás mulleres?

Sabían que pasarían a noite na cachopa da Josefa Mondelo (q.e.e.), e alí foron os xoldeiros ciscar os restos dos xirelos arrredor e por riba da palla que lles faría de aveiro para intentar descansar, de xeito que ao abrir a porta e tendo en conta as tebras da noite se topasen coas luces que aqueles restos ían xerar.

Foi unha gran troula. Os mozos e canalla toda agochados, cada un onde puido, agardando a chegada e entrada das mulleres ao refuxio nocturno; non se vía ren, pero a algazara que montaron berrando e correndo cara a nosa chabola, onde aínda escintileaba o farol de gas, foi de campeonato. Non querían volver ao sitio, entón saímos do agocho. Os mozos mofábanse delas, mais as mulleres, enfurecidas, xuntáronse en roda e dixeron: -”xuramos que as ides pagar ben pagas”.

Para axudar a sosegar os ánimos “José Afonso” continuou coa súa música, mesturada co zoar do vento, ata ben entrada a madrugada, botando así  unha man para acadar o sono na precaria palloza.

(Non teño novas de que o xuramento se consumase. Fixen unha enquisa, na contorna familiar, pero non  puiden aclarar nada, así que só podo contar coas miñas lembranzas).

Saúde e boa viaxe.

AXUDAS NO SEIXO” (59)

( A teima segue, aquí vos deixo o que fai número cinco)

A altitude das montañas que lle dan abeiro ao noso lugar, e que en certos aspectos convérteno nun paraíso, ao mesmo tempo, en épocas pretéritas pechábano (hoxe non é así loxicamente) dentro da súa contorna máis próxima con poucas fiestras ao exterior; coido que iso repercutía no xeito de sermos e de comportármonos; faltábannos visións abertas e perspectivas ao lonxe.

Coido que para tódolos cativos era unha grande ledicia visitaren aquelas altas terras para, dende aquel amplo miradoiro, poder ollar, sen atrancos, as terras veciñas e lonxanas: as chairas trivesas coa imponente serra de Queixa de fondo, Quiroga, Valdeorras, O Bolo, Manzaneda, Caldelas... (teño moi presente como dende as leiras da Santa, das Cernadas, do Franxó..., no tempo da sega, aínda se vían grandres neveiros na serra de Queixa. Quen o diría vendo o que sucede na actualidade! E ter que escoitar voces negando a negra realidade do cambio climático que temos diante...).

Aqueles horizontes amplos e abertos diante dos ollos dun neno de poucos anos, ávidos de explorar territorios, supuñan unha grande liberación. A imaxinación quedaba ceiba de atrancos e voaba, tal gabián, alto e lonxe, lonxe... Era a única oportunidade de poder ollar o tren. Montefurado era unha das primeiras olladas que, sen querer, un facía. Dende as escaleiras da nosa chavola contabamos cunha visión perfecta e sen atrancos: da vila, de longos tramos da vía, antes e despois da estación ata A Rúa, os comboios de mercadorías parados nas vías secundarias xa que habian de deixar paso aos de pasaxeiros...

Só nos quedaba un desexo por cumpriren: poder, algún día, viaxar físicamente naquel convoio que, ata a data, só nos permitía viaxes imaxinarios.

“Traballos para os que, por tradición, eramos requiridos os rapaces.”

(Para os raparigos, non só eran xogos o transcorrer dos días no Seixo, xa que habiamos de botar a man nalgunhas tarefas adecuadas á idade. A maioría destes traballos eran do noso agrado, sobre todo cando ía toda a cuadrilla xunta).

“Na seitura”:

1,- Suministro de auga da fonte do Seixo (sempre no botixo de barro para gardala ben fresca).

2,-  Axuda para levar a “merenda” (estou a referirme á da tarde, xa que para o xantar íase á chabola, así gozábase dun merecido descanso en mellores condicións).

3,-Tamén volver buscar algunha cousa esquecida, ou por necesidades non previstas, por exemplo: mediciñas, cando algún segador se cortaba...).

4,- Outra era xuntar as espigas que caían ao chan no intre de segar e logo ó atar os mollos.

5,- Apañar mollos para facer os medoucos.

“Na carrexa”:

6,-Non lembro que estivese presente nunca. Poida que, como só era traballo dun día, non fose precisa a nosa axuda.

“Na malla”:

(Era unha gran festa para toda aquela canalla que nos xuntabamos; todos estabamos atentos para faceren aquilo que nos deixaban facer e non perderen quenda).

7,- Carrexa da palla ata os palleiros (había que subir co feixe  pola escada, ata o nivel que tivese nese intre a estructura do palleiro; cada ronda ía gañando alzada e, xa que logo, máis perigoso ( non, non era o traballo máis axeitado para nenos).

8,- Algún, dos de máis idade, tamén subía á meda para axudar ao que tiraba os mollos ata a zona da máquina de mallar; alí situábanse outras persoas para desatalos e poñérllelos a xeito ao mallador.

9,- Angazar a palla que quedaba pola carreira para estrar a corte do amo da malla.

10,- Barrer o gran na aira unha vez remataba a malla de cada propietario.

11,- Tamén axudabamos nos traslados das máquinas de mallar e limpar, cando remataban as mallas de cada aira (aínda que esta axuda era máis ben pequena).

Cómpre situármonos: non teño clara a idade no intre en que se desarrollaban estas historias que vos estou a relatar; si lembro, por exemplo, que cando ía ó agro de “Rubiás” levarlles auga fresca da fonte, atopaba certos atrancos pois non tiña claro o camiño que levaba ás nosas leiras (a tradición mantiña normas, supoño que non escritas, que era preciso gardar no intre da sementeira: non deixaban camiños entre parcelas, por isto non era nada doado de dar coas propiedades), ademais non contaba con alzada dabondo para poder ollar por riba das espigas, e había de atravesar moitas leiras ata chegar á nosa. Máis dunha vez me tiveron que guiar segadores que atopaba en leiras veciñas.

Como vedes eran pequenas axudas, pero necesarias para levar a termo cada determinada tarefa.

(Relacionada co que estades a ler, lembro unha anécdota que me chamou moito a atención. Hai xa ben anos (aínda traballaba), nunha xuntanza con compañeiros doutras comunidades do estado, nun intre de lecer, saíu o tema dos traballos do agro e como se levaban a termo: as sementeiras, a seitura, a malla, a limpa... Un daqueles compañeiros (orixinario da provincia de Salamanca), explicaba como recordaba el o xeito de levar a termo as tarefas da malla/trilla na súa vila; o seu pai levábao á aira e deixábao montar no trillo para facer máis peso e así máis efectivos os pases por riba das espigas.

Logo, o xeito da limpa era “ventear o gran” (poida que máis antigo aínda): collían o gran do montón cun plato e tirábano ao ar para que a súa forza fixese o traballo, separando os restos de palla e brozas.

Referíase aos derradeiros anos da década dos cincuenta e toda a década dos sesenta do século pasado.

Para min foi unha sorpresa o enterarme que nesas datas aínda facían servir uns sistemas tan antigos, e tendo en conta ademais que as leiras e colleitas eran, en teoría, moito máis grandes cas da nosa parroquia.

Cando lles explicaba que no noso lugar e parroquias veciñas, daquela e moito antes, xa se facían eses traballos coas máquinas, eles sorprendíanse o mesmo ca eu, ao contrario claro)..

Saúde e boa viaxe.

“FESTA DA MADALENA NOS ANGUIEIROS”

Boa tarde.

(O visionado dun video con imaxes da aldea dos Anguieiros (para min moi fermosas por certo), tróuxome ao maxín unha, coido, fermosa e divertida experiencia de cando era un rapacete. Aquí vola deixo por se alguén quer dispor).

Un domingo daqueles que non  tiñamos ren a facer, algún do grupo dos que nos xuntabamos para acudir ás festas, propuxo que habiamos de ir á Madalena aos Anguieiros. Eu nunca tivera a oportunidade de visitar aquel lugar, só o coñecía pola visión que se ten dende a estrada de Montefurado.

Xuntámonos catro ou cinco, non coñeciamos que había outro grupo dos de máis idade, que xa saíran tamén camiño dos Anguieiros.

Xa de camiño, ao chegarmos a Lama de Sobreira, alí onde a cavarca dos Folgueiros achega as súas augas ao encoro, atopámonos co grupo de adiantados que estaban a facer unha das actividades que, aínda que prohibidas, daquela eran habituais no río. Un dos “técnicos do cartucho de dinamita”, dos moitos que había no lugar, tiráralle un pequeno petardo naquel recanto do encoro. A superfice estaba chea de peixes que, entre todos, xuntaron en poucos minutos. Logo había que xuntar os que foran parar ao fondo... Para iso só dous ou tres do grupo se atreveron a mergullar, aínda así pouco a pouco fóronos xuntando ata que, segundo dixeron, non quedaba ningún. Ao parecer non pensaron que era preciso contar cunha cesta ou fardela para transportar o peixe. Deseguida un, moi afeito a isas situacións, devestiuse e tirou a camiseta que, cun nó ben feito, lles serviu para transportar o preciado tesouro.

O noso grupiño, non axudou a nada, só lles miramos dende a estrada como traballaban, tampouco nos dixeron de axudar.

Si que, xa logo, nos convidaron a iren con eles. Ao chegarmos en fronte da Balsada, estaba esperando cunha lancha un rapaz que non lembro o nome, era curmán dun do grupo, tiña casa e adega alí, coido que tamén en Casares e Bexe. Entón xa nos decatamos que o tiñan todo programado, posiblemente tendo en conta o asunto dos peixes, non contaron connosco pola idade.

Na adega da Balsada, foi a primeira etapa da festa, xa que houbo viño e algo máis. Logo collemos o antigo camiño (de cando non había estrada) que os de Navea facían servir para viaxar a toda a comarca de Valdeorras. Ao chegarmos a alzada dos Anguieiros collemos outra carrúa que baixaba ata o lugar.

Cando chegamos, a festa xa era redonda pois, daquela, o baile comezaba a media tarde. Lembro que o primeiro, coma era habitual e lóxico despois da camiñata, foi beber algo na cantina. Logo a primeira ollada a todo o que se movía, coma se foramos uns grandes expertos … Mentres, os que coñecían o lugar, foron buscar alguén para que nos preparara o peixe. Ao primeiro que lle preguntaron, xa sen dúbidas, dixo que a persoa máis axeitada era a “Alifonsa”. Pois á casa da tal señora foron e deseguida se prestou ao traballo. Quedaron que tivese a cea amañada para cando rematase a festa.

O tempo de baile rematou, supoño, sen pena nen gloria, pois non lembro ren a resaltar, coma en case tódalas festas. Xa que ninguén tivo ren a facer que merecese a pena, deseguida fomos en busca da nosa pousada.

Daquela, as aldeas non contaban con luzes nas rúas e, xa que logo, como era de noite pecha, fomos chegando ás apalpadelas. Dende fóra chamamos pola dona da casa e contestounos, dende moi adentro, que pasásemos. O primeiro que atopamos foi a cociña, cunha nutrida poboación de galiñas enriba da lareira (nunca tal viramos na nosa vida). Isto foi un motivo de coñas e xolda durante a cea e que sería contado, case sempre que se facía unha xuntanza, lembrando a “cociña/poleiro” da señora Alifonsa.

A casa da Alifonsa, lémbroa coma un caserón de dous andares, cunha gran soleira no segundo andar. Alí era onde nos tiña preparada a mesa.

Como convidados, ademais de nós, tiña un mozo que ao parecer era familiar, e co que tiña moita confianza. Cando lle trouxo un plato, según os entedidos do noso grupo era “cabra cocida”, díxolle que se non lle gustaba que o deixase… sen lle ofrecer nada máis.

A nós, supoño que como tiña previsto sacar un bo proveito, tratábanos mellor. Tróuxonos viño e unha fogaza de pan excelente, de “trigo do país” (daquela aínda se cosechaba moito polas adeas da zona).  

Co peixe xa non tivemos a mesma sorte, como era día de festa, ao parecer, non tiña ganas de moito traballo e botounos á sartén sen lles tirar as tripas. Cos que tiñan certo tamaño, non houbo gran problema, pero non así cos pequerrechos, xa que non era doado comelos sen levar todo por diante.

Pero todo nos pareceu  feito con agarimo, e dentro da pouca profesionalidade como hostaleira. Logo como a sobre mesa se alongou, o viño facía o seu traballo, a agradábel charla á que se sumou unha mociña, filla da casa, e como xa comezaba a soar a música que indicaba que comezaba a verbena, pois de seguida se formou un baile naquela solaina desde a que se ollaba o lugar da festa. A nosa mestresa, deixou o traballo da cociña e, sumouse ao folión no que xa estaba a súa filla. Todos tivemos ocasión de entrar no baile, uns máis e outros…non tanto, normal, cando hai patróns…

O que xa deixamos para outra ocasión foi visitar o campo da festa, pois ao decidirmos a retirada xa collemos o camiño de navea.

( Se algún dos trouleiros, que aínda quedamos, daquel día le este artigo, sería de agradecer que, dalgún xeito, nos dese a súa lembranza daquela festa).

Saúde e boa viaxe.

“O GAITEIRO NA GALIZA RURAL” (61)

Boa tarde.

(Esta lenda/conto, ven de lonxe. Na nosa cociña, arredor do lume, naquelas  noites do longo e xélido inverno, escoitávase a cotío. O narrador non era outro que o noso pai. Gostaba de agasallarnos con contos moi sinxelos pero que abranguían todo o acervo cultural da época, pero sobre todo de animais salvaxes, aínda que tamén os que convivián nas cortes e poleiros da casa, tiñan o seu oco.

O lobo estaba moi presente na cultura da ficción e na realidade. Quen non tivo visitas do lobo cando coidaba da “veceira” na serra?  Lembro a época na que a primeira pregunta aos pastores do día cando chegaban ao lugar era: vistes o lobo? Ben, pois a ver que vos parece).

Disque, en épocas pasadas, cando as parellas casaban, unha das prioridades para o día do casamento era contar cun gaiteiro para que axudase a luír a celebración. Non podía faltar a gaita, xa que que daba un plus de ledicia á festa. Era contratado para, como mínimo un día, e tamén había quen contrataba para máis xornadas. O gaiteiro desprazábase ata o lugar do casamento, case sempre en cabalaría, pois xa contaba que a ía necesitar para poder portear tódolos agasallos que, seguro lle ían facer, aínda que tamén había quen non dispuña de montura e había de ir a pé.

Compríalle chegar moi cediño para dar satisfacción á familia e a tódolos convidados, e tamén para gozar xa dun almorzo acorde coa importancia da festa.

O contrato podía ser de moitos xeitos, aínda que primaba o de pagar con sobras dos manxares que lles ofreceran aos convidados. No lote podía haber de todo tipo de compango: chourizos, ovos, cabrito, pero tamén moita dozaría; viña a ser un “plus alimenticio” á miseria coa que en xeral, daquela, se malvivía.

O conto que imos narrar tivo como actor un gaiteiro que era coñecido en toda a contorna, xa que acudía sempre ás festas padroais de cada lugar, sen que ninguén o contratase. Ía facer a súa tarefa e sempre era ben acollido, ao parecer saíalle rendibel, pois non fallaba a súa presenza. Era un complemento áo grupo de música que contrataban os veciños do lugar. O noso actor, era pai de familia con varios fillos de curta idade. Estes rapaciños o primeiro que lle pedián ao pai, cando saía ao seu traballo, era que lles trouxese doces.

Pois resulta que para acudir a cumplir co último contrato, o día do casorio ergueuse moi cediño, aló as catro da mañá, para así estar presente cando comezasen a chegar os convidados e recibilos coa súa música tradicional, tal coma acordara cos país da noiva. Era así como o gaiteiro comezaba a súa andaina musical que duraría ata rematar a festa. Aínda que en moitas ocasións, vendo o ben que o fixera, pois pregábanlle que quedase máis tempo.

Coma sempre facía, nesta ocasión o homiño foi aledando o día a toda a xente convidada, percorreu todo o seu repertorio musical…, tamén contou con intres de lecer para refolegar. Foi agasallado como se merecía pola súa mestría musical, e cada vez que retomaba a gaita era aclamado con vivas e aplausos, isto loxicamente era de seu agrado e axudábao a continuar con máis azos o seu relato musical.

Como todo remata, tamén chegou a hora da despedida; os país da noiva agasallárono como merecía polo bo facer  e enchéronlle as alforxas con comida de todo o que sobrara, incluíndo un bo lote de dozaría. O home consideraba que o estaban a agasallar moi ben e marchou moi ledo camiño do seu lugar.

A mañanciña fora pasando entre agasallos, longas despedidas como é habitual no rural cando a xente está satisfeita e leda. Agora decatábase que non daría chegado de día á súa aldea e comezaba a pensar no que podía pasar, ao atravesar a serra, se o cheiraban os lobos.

O homiño montado no seu borrico, case se dormía, pois non pechara ollo en toda a noite. O burro ía moi lento, coma sempre, xa que o gaiteiro en canto se montaba deseguida topeneaba co sono e cansazo que levaba. O animal xa coñecía a historia e ía pouco a pouco, semellaba que entendía o que estaba a pasar.

Ao chegar á zona onde xa sabía que podían aparecer os lobos, espertou e de socate o burro parou. Ergueu as orellas e moi nervioso ollaba para os lados. O noso amigo xa se decatou que, alí moi preto, estábano espreitando. Nervioso, pero sabendo o que tiña que facer, comezou a falarlle ao seu compañeiro e, pouco a pouco, o burro botou a andar de novo. Moi pronto comezou a escoitar ruidos entre a matogueira. Os lobos estábanos seguindo a certa distancia. Non se deixaban ver. Así foron ata que o lusco fusco deixou caer as tebras da noite, non se ollaba ren fóra de poucos metros a redonda. Entón a parexa de lobos, comezaron a achegarse máis. O burro quería comezar un trote, pero non podía coa carga que levaba. Cada vez máis cerca os lobos comezaban a ouvear, cousa que era moi perigosa porque podían acudir outros lobos que se encontrasen pola contorna.

Xa os lobos deixaron toda precaución e achegábanse ao burro para atácalo. Nesto o homiño desmontou para defendelo, o que os lobos interpretaron como que era mellor retirarse. Logo volveron, o home pensou que o seu instrumento de traballo podía axudalo e comezou a soplar con forza para inchar o fole deseguida, o soar da gaita na noite pecha case o fixo estremecer, ao tempo que os lobos marcharon despavoridos. A argucia do músico proporcionoulles un pequeno refolego, pero as feras non tardaron moito en inténtalo de novo, deseguida volveron e con máis forza. O noso amigo comprendeu que xa chegara o intre non desexado e, con moita pena, desmontou, os lobos xa nen se retiraron, para poder abrir as alforxas, logo volveu montar e xa comezou a tirarlles, pouco  a pouco, cachos de carne e do resto que lle deran como pago. Só gardou o lote de dozaría que era o que máis lles agradaba aos seus meniños. Os lobos parece que se contentaban co agasallo e foron quedando atrás, pero non tardaron moito en volver a situarse a carón do burro. O home pensaba que aquilo non podía durar moito tempo. Así  foron chegando a unha zona de castiñeiros no que había algunhas grandes cañotas. Ao ver aquelas árbores pensou que podía ser a súa salvación. Desmontou, colleu as alforxas e subiu a unha moi grande que case tapaba o camiño.Tivo moita sorte, xa que estaba valeira por dentro e deixouse caer ata o fondo. Co medo que pasara non tivo un derradeiro pensamento para o seu compañeiro de viaxes e fatigas. O animal non tivo moita sorte e deseguida foi devorado pola manada que os seguirá e polos que se achegaran ao sentir os ouveos na noite.

O homiño non tardou moito en quedar durmido e non espertou ata que o sol xa ía ben alto. Nestas sentiu coma un zurriagazo nas pernas, mirou e viu que era o rabo dunha fera que o metera por un dos buracos que tiña a cañota a ran do chan. Pensou que era a súa oportunidade: cuspiñou as mans e, sen pensalo moito, agarrou con forza o rabo do lobo. A fera ao  sentirse presa comezou a removerse e ouvear, pero o home non floxou. O lobo a ouvear e o home tieso e forte non o deixou marchar. Pouco a pouco os oubeos eran máis cortos e menos fortes. Nestas que o home decatouse que algunha cousa estaba a suceder, o lobo removiase máis forte, e el non floxou, de socate soou un disparo e o lobo a ouvear e a removerse, pero non, o noso amigo soportou a forza do moribundo ata que deixou de ouvear e moverse. Deseguida apareceron dous cazadores, que se achegaran ao sentir os ouveos do lobo. Axudaron ao músico a saír do agocho, pois estaba rendido e non podía saír. Logo explicándolles toda a historia foron chegando á súa parroquia. 

A chegada ao seu fogar foi moi leda para toda a familia e veciños do lugar que pensaran que lle pasara algo máis grave. Os fillos, desta vez, só tiveron de agasallo a dozaría, pero non se queixaron coma noutras ocasións. Era suficiente con telo de novo na casa.

Á noite, unha vez no leito, o noso amigo comezou a cavilar como faría para mercar outro burro, xa que só non podía acudir aos chamados que tivese para desempeñar o seu oficio. Non tiñan aforros… tampouco tiñan a quen pedirlle un préstamo… con estas cavilacións agarrou un sono reparador que durou ata ben entrada a mañá.

O día parece que lle traía boas novas, unha boa sorpresa esperábao na súa cociña, onde unha delegación dos veciños acompañaban súa dona. Chamoulle moito a atención que tantos veciños viñesen á súa casa… pode que a enterarse do pasado…

Deseguida que sentou a carón da súa muller, comezou o “pedáneo”, en nome de tódolos presentes, a explicarlle o motivo da súa visita. Non era outro que trasladarlle a decisión que acordaran, unha vez reunido o “concello parroquial”, aquela mesma mañá: os veciños achegarían os cartos para mercar un burro, para que puidese continuar o seu traballo coma sempre.

(Aquí trátase dun conto, pero no rural había unha longa tradición de axudar aos veciños que, por unha desgraza, quedasen moi tocados no seu patrimonio).

Saúde e boa viaxe.

 

 

 

 

Boa tarde.

(Andamos co tempo dos “Magostos”. Os días son máis curtos, xa vai frío, as cociñas son os mellores recantos das casas para gozar desas longas horas de lecer nas que, sen decatarse, xurden as lembranzas, os contos dos nosos devanceiros…, mentres, vaise dando boa conta dos saborosos bullotes asados no cacho e catando o “viño novo”. Pois, coa vosa licenza, vouvos roubar un anaquiño do voso lecer para que, se o tedes a ben, poidades ler este relato que, eu diría, é simples historia. Coido que o longo tempo pasado axuda a que os feitos se poidan xuzgar con máis visións e, xa que logo, pode ser un intre oportuno para saber das falcatruadas que facían as “nosas veciñas e sufridoras algarias”).

Hai xa ben anos que, durante unha boa tempada, se producíron na nosa parroquia unha serie de feitos que tiñan aos veciños en alerta e vixiantes diante dos galiñeiros e cortes onde se gardaban os animais.

Daquela, a parroquia Naveá era un fervedeiro de xente, había como era lóxico de tódalas idades; a mocidade contaba cunha boa representación e sempre moi activa en todo, supoño que era o que lle tocaba facer, aínda que ás veces poida que se pasasen un chisco nas actuacións de lecer. As súas actividades sempre as levaban a termo cun aquel de secreto, aínda que nalgunhas ocasións non faltaba o que se ía da língua (neste caso así sucedeu) e os feitos remataban no coñecemento de toda a parroquia; logo, viñan as acusacións, os desmentidos, tamén, pouco a pouco, a auga volvía ao seu rego e o asunto ía quedando fóra do día a día, aínda que non esquecido del todo.

Pois pasou que, certo día do xélido mes de novembro (nada a ver co tempo que temos na actualidade) comezou a circular polo lugar unha nova nada agradábel: un veciño dicía que aquela noite lle roubaran dúas pitas do seu galiñeiro. Aínda que non se acusaba a ninguén, si que se deixaba caer que a mocidade da parroquia andivera aquela noite de paparota nunha casa das Penas/Barronca. Os veciños, que escoitaban aquel relato, deseguida tiraban conclusións acusadoras para a xente nova. Vendo como a situación ía a peor, un dos mozos propuxo unha idea para rematar coas acusacións, e dixo: -esta noite imos ir deixar as plumas das pitas esparexidas pola zona do galiñeiro, un pouco apartadas e a medio acubillar (din que fan así estes animais).Pois iso fixeron algúns do grupo. Pasaron dous ou tres días e xa se comezou a escoitar un novo relato moi diferente e case que pedindo desculpas: un familiar dos donos do galiñeiro afectado atrapou unha algaria nunha trampa que tiña posta na zona.

Albirizas! Xa temos o suxeito do crime.

As linguas marmuradoras calaron, e, xa logo, todo foron boas palabras, en calquera grupo de conversa saía o tema e sempre había alguén que gababa a aptitude da mocidade xa que non o tomaran a mal.

Pois así ía pasando o tempo naquela comunidade, pechada, laboriosa…, e sempre con azos para idear fazañas novas nas que tamén colaboraban, como se demostra neste escrito, os “veciños animais salvaxes”,

Saúde e boa viaxe.

P.D. Os que tivestes a paciencia de ler “A zorra da morgaza”, relato que deixei neste mesmo medio hai uns meses, poida que atopedes algunha similitude co presente escrito; coido que sería o correcto. Só que, polo medio, pasaron moitos anos, máis dun século e, xa que logo, non podemos facer comparanzas, pois só contamos cos relatos dos nosos devanceiros que, no seu intre, o escoitaron tamén dos seus antepasados.

Bo día.

Olla a rúa agochado tralos vidros abafados da fiestra e, mentres, cantaruxa os versos da nosa grande, universal, eterna Rosalía: “Chove, chove, na casa do probe…”

─E non para, vaia día!

O naveán, atrapado na cadea da diáspora, lembra aqueles tempos lonxanos cando na súa parroquia podía tirar meses sen parar. Cavila, tamén, nos moitos anos que leva sen pisar o seu lugar de nacenza. Aínda que a casa patrucial permaneza pechada longas tempadas e non lle queden familiares no lugar, pensa que sería unha boa idea visitar aquelas terras. Sente a necesidade de vivir e gozar daquel silencio que abrigaba a toda a parroquia: coma aquela experiencia vivida unha mañá dun día de finais do verán, sendo aínda un neno de dez/once anos, acompañando a seu tío nunha visita ao Seixo; cando chegaron á fonte de Vilaboa pararon un anaquiño para ollaren as casas alí abaixo, non se oía ren, só se podía intuír a vida polo fume que saía dos lousados.

─Entón dille o tío.

–Escoita, a ver que oes.

 ─Eu ­­só oio eses paxaros que voan.                                              

 ─Non home, non, escoita ben.

 ─Pois non, fóra diso non oio nada.

 ─Ben, pois ese “nada” é o silencio que nos envolta.

Ao chegaren a Sulugar pararon outra vez para, desde o alto do Graíl, poder gozar da paisaxe que se abarca desde aquel miradoiro: unha enorme extensión de terras, chairas, vales e montañas da comarca e limítrofes. Agora, seu tío aconséllalle que aproveite a espectacular panorámica que lles proporciona a natureza.

─Olla ben e concéntrate, aspira/expira a fondo, pensa que isto é o mellor co que pode gozar unha persoa: vivir a natureza que nos penetra, coma o ar que estamos a respirar.

É ese silencio, que envolve rúas e vivendas do lugar, o que precisa recuperar o noso protagonista. Desexa ollar os fogares valeiros dos que ten lembranzas especiais, aqueles nos que, xa ten constancia, non queda ninguén para que poida contestar o petar na porta. Quere visitalos. Arela vivir de novo aquelas experiencias, coma cando era veciño da parroquia. Así pois, teno xa decidido, visitará o lugar onde naceu aló van xa, moitos, moitos anos.

─A ver rapaz, vai baixando dos nubeiros, que estamos moi lonxe da túa terra de nacenza.

─Arre demo! Quen é o que fala? Se aquí non hai ninguén…

O noso protagonista anda moi extraño estes días, semella ido, ata di que hai alguén no seu despacho: que fala, pero non se identifica, nen sae do seu agocho… Que cousas di este home. Ten conversas de tolo. Vouno deixar tranquilo, sen lle dicir nada, a ver se se vai recompondo.

Pois o noso naveán, malia as conversas de tolo, puido cumprir aquela arela que lle rondara pola cabeza durante moitos anos.

Unha vez na súa aldea, comezou o recorrido pola casa patrucial topando coa primeira sorpresa e desgarro emocional: silvas medrando ceibas arredor da casa, portas e fiestras pechadas, arañeiras polos recantos, vidros rotos… Claro que xa sabía o que lle agardaba, pero mantiña unha certa esperanza de atopar unha situación máis agradábel. Logo de abrir portas e fiestras para airear as estancias, deulle unha ollada a toda a casa e arredores, mentres, algunha lagrimiña esbaraba polas fazulas… Na adega agarrou unha botella de viño e botou uns groliños.  

─É bo, moi bo, este branco.

Recobrou azos e decidíu seguir co recorrido previsto que tanta nostalxia lle xerara nos últimos meses. Encamiñouse a unha das vivendas, pechada desde había anos, á que de moi novo en compaña duns cantos rapaces do lugar ían con moita asiduidade. Sempre eran agasallados cunha botelliña de “licor café” que atopaban enriba da mesiña redonda, “camilla” lle dicían. Copa vai e copa vén, mentres relataban as súas batalliñas xuvenís, sentíanse obrigados a remátalo para que na próxima visita volvese estar chea.

Petou na porta varias veces, por aquilo de: quen sabe, pode haber alguén de visita, algún veciño do lugar que atenda a casa…, pero non, só lle respondeu o silencio. Un silencio profundo que rodeado do ambiental transmitiulle un forte calafrío. Ao tempo, na semiconsciencia, pareceulle oír como que alguén o chamaba polo seu nome. Aquela voz lembroulle a dona da casa que tantas botelliñas de licor café lles puxera enriba daquela mesiña redonda e que desaparecían por obra e graza daqueles moziños con ansias de ser mozos de verdade.

Non lle deu máis relevancia e continuou o camino. Petou noutra vivenda da que tiña máis cercanía familiar, agardou un bo anaco de tempo admirando aquela antiga porta, pero a resposta foi a do mesmo silencio.

O pasexar devagar, só coa compaña dos suaves rechouchíos dos paxaros, percorrendo as rúas mentres ía lembrando as andanzas da nenez e xuventude, permitiulle gozar da moita beleza que atesouran as antigas construcións: grosos muros levantados por expertos artesáns da pedra, grosas madeiras en portas e fiestras, fermosas ferraxes artesás, as espartanas solainas (que no noso lugar coñecemos como “corredores”), as nosas, nunca ben avaliadas, “galerías”…

Foi chegando ás rúas da zona alta do lugar, gozando e deténdose alí onde a soidade o obrigaba a cazar para a súa memoria aquilo tan sinxelo e, ao tempo, tan fermoso.

Pasou diante da escola, mágoa de ver o deterioro daquela construción que lembraba moi diferente. Cantas horas pasadas alí dentro… A memoria deseguida lle presentou o primeiro mestre da súa época escolar (fora moi especial D. Pedro).

Logo, detivo o seu camiñar un anaquiño diante do reloxo pendurado debaixo da galería da reitoral. Cantas lembranzas daquelas tardes calorosas, dos mércores e xoves dos veráns, nas que era obrigado tomar a hora naquel reloxo para ir tornar a auga ao gateiro de Chenzas, ou, tamén algunhas veces, á Ponticela. Non sempre sinalaba unha boa hora, pero era a que marcaba o correr dos días no lugar, cun “protocolo” acatado por tódolos veciños desde que se partillaran as augas.

Os seus pasos, sen decatarse, levárono ao cemiterio. Como non, lugar de frío silencio, pareceulle que unha voz autoritaria obrigábao a penetrar naquel recinto (sempre que voltara por Navea, desde que faltaran seus devanceiros, pasara a visítalo), xa que logo era normal que a súa pasexada o levase ata alí. Non gostou da primeira ollada, pois a porta de entrada estaba espancada, se ve que o anterior visitante non tivera a precaución de pechala ben. Non foi o mesmo unha vez dentro, xa que atopou todo o recinto limpo, sen herbascallos, e decatouse do bo traballo que leva a termo a súa veciña. Aínda non ben acabara de penetrar no interior cando oíu outra voz, ben sonora, que saía do silencio.

 ─Veña, pasa home, pasa, aquí atoparás a tódolos que andabas a buscar nas súas anteriores moradas.

En efecto, lendo as inscricións das lápidas, a memoria presentáballe lembranzas daquelas persoas coas que convivira no lugar con máis ou menos cercanía. A sorpresa quedáballe para o final, logo de visitar as tumbas dos seus. Ao pasar diante dunha lápida medio acubillada, case non se podía ler o nome do sepultado, outra voz fixo que detivera o seu camiñar:

–Xa vexo que non queres parar a falar comigo, ou, non te lembras deste que xace nesta cova? Non recordas a trifulca que tivemos cando eras un raparigo? Non deches o brazo a torcer. Pois non, non tiñas razón.Ías errado, pero non tiveches a humildade e valentía de recoñecelo. Quero que saibas que nunca llelo dixen aos teus pais, pensei que non era o máis acaído, sabendo que che ía caer unha boa.

Rematou a visita acobardado, pois a voz que lle transmitía a súa conciencia lembráballe que non obrara ben coa persoa que xacía naquela tumba. Tamén sentía tristeza ao decatarse, máis outra vez, que case a totalidade da poboación da parroquia andaba fóra: uns en lonxanas terras nunha diáspora nunca desexada, os outros no cemiterio. Saíu do lugar, pechando a cancela de ferro con forza, ao tempo, pensaba no positivo da visita, pois alí dentro atopou un silencio vivo e falador.

Saúde e boa viaxe.

P.D.

Parabéns para a nosa veciña “Elvira” polo continuo traballo para manter adecentado o cemiterio. ”Traballa por todos nós”. Grazas.

Desexo, para todos os que estades na parroquia e os que andamos fóra, que poidamos pasar o que resta de festas con ledicía e coa esperanza dun pronto remate do becho. Que o ano novo veña mellor. Apertas.

 

“O LUME MORRÍA SÓ”  (65)

Boa tarde.

(Teño cavilado moito arredor dos lumes na Galiza e, podédesme crer: non atopo razóns lóxicas para tanto desleixo, deixamento…  Semella que non vai connosco. Ademais,  ao parecer, na práctica totalidade dos lumes non se dá cos responsábeis. Tamén, coido que os veciños dos lugares afectados, como acostuma pasar arreo, non sempre colaboran para facilitaren as tarefas dos efectivos policiais de turno. Así pasa que, uns polos outros, os pirómanos teñen o camiño sen atrancos para seguir coas súas barrabasadas incendiarias).

O lume sempre estivo presente no correr dos días na Galiza en xeral. No rural aínda máis, xa que logo, tamén na parroquia Naveá. Moitas tradicións e costumes baseábanse no lume. Era unha ferramenta máis para levar a termo moitas tarefas: controlar o rápido crecemento da matogueira, nas comunidades de montes facíano servir para xerar pasteiros que aproveitaba o gando (lembro, por exemplo, na serra de Queixa), nos traballos das matanzas era imprescindíbel, un dos divertimentos máis desexados dos raparigos eran os “fachóns” que comezaban a queimar ao lusco/fusco do día da matanza, a xente nova cando saiamos do rosario naquelas tardes invernais de domingo, sen ren a faceren e con moito frío, pois matabámolo prendendo lume na folla seca dos castiñeiros que atopabamos esparexida polo camiño da cova. Así, poderiamos seguir un bo anaco de tempora engadindo tarefas e situacións de lecer onde o lume era presente.

En tempos pasados, como di o título, os lumes morrían sós, ben, non todos, pero si unha gran maioría.

−I ara! Què diu aquest!

Pois si amigos, esta frase, nos derradeiros anos, téñoa pronunciado en moitas ocasións diante de oíntes con diferentes acentos: galego, castelán, catalán, e si, a sorpresa é xeral. Non se pode entender que o lume morrese só.

Para profundar na miña teoría débese lembrar e recoñecer que: as parcelas máis rústicas e, xa que logo, con máis posibilidades de queimaren estaban case todas limpas de matogueira; cada veciño coidaba moito estes eidos pois deles tiraba unha parte relevante de produto: castañas, leña, estrado, pasteiros para o gando…, que complementaba o máis das cortiñas. Onde non chegaban as mans dos propietarios alí comezaban os rabaños de cabras, ovellas, ata bois e vacas nalgúns casos, para non deixaren ren que o lume puidese queimar.

Supoño que non tódolos orixinarios de Navea que quedamos coñecemos a época que estou a relatar, pero coido que aínda somos uns cantos os que si a coñecemos e traballamos naquel tempo, así pois, podemos preguntármonos: quen non foi limpar os soutos para logo poder xuntar os bullotes? Quen non mondou os valados de silvas para manter as lindes dos prados ben limpas e poder segar a herba sen atrancos? Quen non foi rozar uns feixes de estrado para estrar as cortes ao tempo que axudaba a manter limpas as propiedades? Quen non deboucou os castiñeiros para fortalecer as árbores, aumentar a producción de castañas e contar con rima de leña para logo non ter problemas no longo inverno?

Pois todas estas tarefas axudaban a que o lume non tivese que queimar e así sucedía o que non semella normal: morría só o pobriño!

Pero que pasaba co outro lume, aquel provocado polos naveáns (1) ávidos de gozaren ollando como ardía o pequeno silveiro, aquel toxo seco, aqueles fentos…, sen decatárense que naquel intre podía estar comezando unha desfeita?

Supoño que os que aínda lembramos esas tarefas, daquela cotiáns no noso lugar, tamén manteremos no fardel da nosa memoria como era habitual que en calquera xuntanza de veciños, en periodos de lecer, ou incluso de traballo, por exemplo, cando aquelas xeiras regresaban co feixe de estrado de Lourido: nas “pousas”, moitas veces, aínda que non sempre a Deus grazas, saía o bromista que para amenizar o pequeno descanso prendía lume no toxo máis próximo, silveiro, ou calquera arbusto que houbese a man.

Poño como exemplo o camiño de Lourido xa que foi nunha desas pousas (no lugar onde os da Quinta nomeamos ”Pena da Porca”), van aló moitos anos, un deses bromistas prendeu lume nun pequeno silveiro. Entre gargalladas de troula, ollando como o lume collia forza, poida que pensando que se apagaría só…, pero non, desta vez o lume non morreu, e levou por diante un piñeiral con moitos exemplares xa ben grandes (coido que levaban plantados máis de vinte anos), e rematou con cinco ou seis castiñeiros situados na cima da parcela que sobreviviran a outros lumes de épocas anteriores. O terreo quedou baldío e a erosión rematou a desfeita. Ninguén foi quen de dala cara e dicir: síntoo. Coma este relato, que “é verídico”, poderiamos engadir moitos. Estou seguro que todos temos algún exemplo.

En Catalunya, coma na Galiza, hai moitos milleiros de hectáreas de monte abandonado. Mesmo os entes recadadores de impostos, ao parecer, veñen tendo uns problemas semellantes aos que teñen na nosa terra para identificaren aos propietarios. Pero, que casualidade! Xéranse poucos lumes…

E el, non terá a ver algo o noso ADN?

Saúde e boa viaxe.

(1) Fago servir só o masculino, á mantenta, xa que as mulleres, que eu saiba, non participaban nesas caralladas.

 

 

 

Boa tarde.

(Para comezar este novo ano, logo duns meses calado, vouvos relatar unha historia de rapaces, xa que iso eramos daquela).

Houbo unha época, van aló moitos anos, na que algúns veciños da nosa parroquia contaban cun aparello/trampa para pescar no río. Tratábase dun utensilio sinxelo, ao que alguén se lle ocorreu denominalo cun nome, coido, ben sonoro:  “galarito”. Compúñase dunha  armazón de arame de ferro cuberto por unha rede de fío. Tiña forma de cono con dous ou tres niveis, separados, nos que se lle puña o cebo, e só unha entrada pola base. O peixe  podía ollar a carnada desde calquera ángulo e tíñao moi doado para entrar pero non para saír.

Meu irmán Luis, mercara un cando andivera traballando unha tempada polos Coballos. Coido que llelo trouxera de Quiroga un compañeiro. Traía peixe tódolos días.

Máis tarde, xa cando meu irmán se trasladara a Catalunya, vendo como un do grupo,  de festas e fatigas, que tamén contaba cun deses aparellos e cada día nos daba regomela co peixe que traía, algúns da cuadrilla pensamos que habiamos de mercar o preciado aparello.

Daquela, os da miña casa decidiron que era o intre para arranxar unhas aixadas, pois acordamos co amigo e veciño Alfonso, iren  a San Clodio (ao parecer, daquela, non había ferreiros máis a man). Ben, pois cada un meteu as súas ferramentas dentro dun saco e marchamos camiño de Montefurado coller o “Jaimito” (nome coloquial co que se coñecía o tren que viña desde Ponferrada).

Pasámolo día no lugar. Tivemos tempo dabondo para deixar as aixadas no ferreiro, mercar o “galarito”, xantar nun restaurante/café (moi, moi grande para unha vila tan pequena),  visitar tódalas rúas do lugar, tamén unha propiedade enorme que sobresaía de entre tódalas da vila (dicían que era dun adiñeirado chamado Batanero). Dentro da finca destacaba unha construción central (supoño que era a vivenda dos propietarios), e logo un grande patio arrodeado doutras construcións: alpendres para servicios, cortes, galiñeiro, palleira, leñeiro… Xa logo, fóra do patio, un enorme xardín cunha piscina, que nos chamou moito a atención. Eu diría que aquela propiedade contaba con máis superficie có resto de toda a vila. Non tiña, alomenos daquela, vixiante nin cerramento para evitar intrusos (supoño que na actualidade non será así). (1)

O desexado galarito  permitiume pescar moito e, mentres durou a experiencia, foi moi produtivo. Uns días que, un fato de rapaces do noso lugar, andabamos na planta de piñeiros por riba da central da Ponte, cada día, ao rematar o traballo, era o intre de retirar a pesca dos galaritos que deixaramos o día anterior. Sempre tiñan algo: barbos, sardas, troitas.. .

Pero non durou moito a ledicia, xa que moi pronto, posibelmente polo meu curto coñecemento no manexo do aparello, sucedeu o que, segundo os que tiñan xa longa experiencia, era normal. Ben, pois a festa rematou un día cando fun retiralo, víase cheo de peixe, sen pensalo moito tirei da corda con tan má sorte que a rede do aparello enganchouse nunha pedra , e non souben sácalo. Acudiu un dos compañeiros, máis experimentado, pero non houbo sorte, rompeu a rede e os prisioneiros aproveitaron o furado para liscar do cárcere.

A fustración ao ver aquela carga de peixe como desaparecía diante dos nosos ollos, sen lle poder valer, axudoume a comprender que aquilo non era para min, e decidín non mercar máis galaritos.

(Que este ano sexa mellor para todos. Para que se poida cumprir o desexo, coido que é bo  continuar mantendo  precaucións para que  o becho,  que aínda anda solto na procura de humáns  incautos, non acade o seu obxectivo).

Saúde e boa viaxe

(1) Prégovos me disculpedes polo meu curto coñecemento dos lugares con historia que temos moi preto da nosa parroquia. Xa cando tiña escrito este relato pensei que sería lóxico intentar recoller información da casa do tal Batanero. Á vista do que sae nas referencias en internet vexo claro que as miñas lembranzas non son del todo exactas, aínda que si coinciden nalgunhas cousas.

 

 

.

 

 

“A FONTE DA QUINTA” (67)

Eu amo tudo o que foi.

Tudo o que já nâo é. (Versos do gran F.Pessoa).

Ben, pois non, a fonte da Quinta xa non é o que foi, aínda así, quero lembrar o que si foi, para así, poder gozala de novo.

Fiadeiro diurno?

(Poida que sexa un chisco atrevido o calificativo pero, aínda así, eu diría que algo había).

Temos a tocar o tempo de verán e, xa que logo, a calor chegará, coma sempre ou aínda máis, á nosa parroquia. O val profundo e fermoso, no que está ubicada, permítelle gozar dun microclima moi especial: temperado nos meses fríos, pero moita calor nos meses de verán. Para suavizalo un chisco e descansar un anaquiño, logo de xantar, había o costume de ir á fonte da Quinta. Eu diría que a maioría dos que fomos e os que aínda son, residentes na zona de influencia da fonte, lembramos e mantemos na memoria un aquel de “refuxio social” que tiña, ao parecer, dende tempos inmemoriais; viña a ser o “cuarto de estar” onde tiña cabida todo aquel que o desexaba para refolegar un chisco da calor e do cansazo. Nas horas que seguían ao xantar, mentres duraba o verán, o lugar era un fervedeiro de xente. As mulleres da Quinta, do Campo, do Souto, das Penas… aproveitaban esas horas para ir lavar; os homes tamén se achegaban ao lugar, tirando a tolemia que entra logo dunha pequena sesta, para participaren do calificado “fiadeiro”; mozos e mozas, nenos e nenas, todos e cada un ao seu traballo, ou, divertimento.

Arredor das pías, pendurados da alta parede que tiña conta do terreo do eido da Luisa (q.e.e), había uns louxóns para deixar as cántaras, os cestos coa roupa, ou calquera cousa das lavandeiras, pois tamén eran aproveitados como sentadoiros polos “fiandeiros”.

As conversas abranguían, coma en calquera xuntanza, todos os temas pero sobresaían as  transmisións de “novas” e “dixomedíxomes”,nos días soltos, xa que, nos domingos e festivos tiñan o seu oco no adro da igrexa e no Xogo da Bola. Tamén, no vule vule, había mensaxes que algúns mozos lles deixaban ir ás mociñas casadeiras que estaban a facer a súa faena. Alguén que viviu e gozou daquelas experiencias deixoume ir, hai xa algúns anos, que o deus “Cupido” fixera, dende sempre, unha tarefa moi interesante, mentres as aspirantes ó casorio facían o traballo que lles ordenaran súas nais.

Todos gozabamos do fresco ao aveiro da sombra que achegaban as moitas e diversas árbores que arrodeaban o lugar: negrillos, figueiras, concheiras, cerdeiras…, tamén, e sobre todo, a fresca auga que, cantareira, manaba polas calexas de ámbalas dúas fontes (hoxe da pena velas).

Os cativos iamos máis alá e aproveitabamos a laga para refrescarnos, aínda que o chan estaba cheo de lodos e o baño non era aló moi limpo. Comezabamos coa procura de coller unha mazá das moitas que caían dunha mazaira que existía no “Cortiñeiro”(propiedade do Sr. Anibal), baixaban roullando ata caír á poza, agreaban pero, ao tempo, tamén eran moi saborosas (coido que se perdeu aquela variedade). Logo, os máis atrevidos ían pasexándose pola laga sen lles facer caso ás mulleres lavandeiras que os chamaban á orde. Cando saían era de ver a roupa mollada e chea de lodos.

A xuntanza duraba ata que a calor comezaba a minguar e, uns tras outros, sen moita présa, ían marchando: primeiro os homes, as mulleres quedaban ata rematar a lava, logo os raparigos (se antes non viñera algún familiar lembrarlles aquilo que habían de facer e non fixeran) tamén ían marchando, aínda que, a regañadentes.

Estou a referirme a tempos nos que aínda non existía a estrada e, xa que logo, a fonte era un conxunto armonioso coa natureza dos arredores. Pasaba antes da reforma que se fixo aló no ano 1961 (coido que é a data que figura gravada no muro por riba dos dous canos; o gravador foi D. Dositeo, daquela, mestre na parroquia).

Agora, aínda que poida que sexa máis práctica, fáltalle un aquel de encanto romántico acompañado polos rechouchios dos paxaros, da auga e tamén polas gargalladas e xogos das veciñas/ños que alí acudían.

Saúde e boa viaxe.