Vostede está aquí

Na vendima

Hai uns días estiven en Navea. Se podo, vou cada ano polo mes de agosto, aínda que só sexan catro ou cinco días. Sábeme a pouco pero procuro non deixar de facelo.

Esta vez foi diferente por moitas razóns. Acabo de xubilarme e fun alí coa intención de desconectar. Despois de corenta e cinco anos traballando, a maior parte deles no ensino, levaba uns días “descolocado”. Que mellor que ir a Navea?

Tamén fun ca intención de volver á vendima. Ofrecinlle os meus servizos a Xosé Lois e a Manolo. Eses dous heroes da resistencia naveana non precisaban da miña axuda. Era eu quen necesitaba deles. Ó Manolo sóbralle xente cada ano e, aínda que o Xosé Lois tamén ten bos profesionais como o Fausto ou o meu primo Xosé María, eran menos. Así que foi Xosé Lois o destinatario amable da miña pobre axuda.

Sentáronme tan ben eses días en Navea! Foi unha auténtica festa. O pobo cheo de xente (houbo día que eramos vinte e catro persoas vendimando ou facendo ver que vendimabamos); un sol que quentaba pero non queimaba; o cor amarelo verdoso das cepas; o sabor case esquecido da mencía, do godello, da treixadura, do xerez, da portuguesa…; o xantar xeneroso regado con viño tinto e branco e rematado con roscón e licor de herbas; a charla cos amigos; os paseos por Navea probando un concho por aquí, un figo ou unha breba por alá; o canto dos paxaros; a choiva e o cheiro a terra mollada; o ruído monótono e relaxante da caldeira que segue baixando pola Carreira; os tragos de auga na fonte da Quinta ou na Ferraia; as postas de sol; o ceo das noites e a néboa das mañás… esa Navea da que eu formo parte desde sempre.

A semaniña que alí estiven foi un bálsamo para min.

Non hei de tardar en volver. Chámame a terra.

(Iso si, cando volva, hei de levar a rozadoira nunha man e unha cerdeira na outra. Hai moito que facer.)

Vendima
Vendima
Vendima
Vendima
Vendima
Colaboracións: 

Comentarios

                           Evidentemente que se agradecen os comentarios eloxiosos. Cecais o de "heroes" sexa un pouco esaxerado, pero, moitas grazas!  Loxicamente quedas convidado para o ano que vén(esperemos que as forzas nos respecten para poder continuar con este labor e o mildeu nos de unha tregua). De paso queda convidada tamén a Elvira, por se tivese  "ciumes" do irmán. 

                   Debo dicir que es moi modesto cando falas da túa aportación que eu cualifico cun notábel alto, e con perspectivas de mellora...

                  Gústame a idea esa de que cando volvas, vas vir provisto de trebellos para funcionar e plantas para poder recoller no futuro. Estupenda idea!                        Unha aperta.

                                            Saúdos e saúde.

Grazas Xosé Lois pola túa invitación. A diferencia do meu irmán,  nunca me tirou moito o agro (son moi urbana) pero acepto encanda. Teño ganas de ir a Navea na primavera, no outono, ... 

Grazas, tamén, por a nova sección. Axúdame a lembrar palabras que tiña esquecidas.

Bon magosto. Bicos.

“O CASTIÑEIRO AGRACIADO COA SORTE” (39)

Recentemente, na xuntanza que tivo lugar no tanatorio de Sancho de Ávila en BCN polo pasamento da miña irmá Encarna (q.e.e.), tiven a oportunidade de manter unha pequena ( pero moi agradábel) conversa co Luis (fillo da Laura). Na teoría poderían parecer intres non axeitados para conversas que non traten do obxeto da xuntanza, pero os galegos sabemos que non é así, xa que, dentro do momento triste e de pena, pola perda dun familiar ou amigo, está a cercanía que nos achega, precisamente iso, falar de outros temas que son próximos a tódolos veciños, naveáns neste caso.

Comentábame o Luis (con ilusión e ganas) proxectos que tiña no fardel para levar a termo en Navea. Algo deixara caer nun artigo na web “Navea está no mundo” o pasado ano, despois da súa experiéncia na vendima axudando aos amigos do lugar. Un dos seus proxectos primeiros sería: intentar recuperar o castiñeiro que teñen, nunha parcela propiedad da familia, no Coviallo. Coido que unha das desfeitas máis grandes que se produciron na Galiza foi, precisamente, a perda dunha parte moi importante de exemplares destas árbores senlleiras para a economía da nosa terra. Achegaban moito á economía familiar: unha aportación imprescindíbel na dieta diaria para as persoas e para os animais; madeira nobre para móbeis e para a construción de vivendas, alpendres... e tamén, como non, a leña para cociñar e manteren quentes as cociñas no inverno.

Teño plena seguridade que ese castiñeiro ten a sorte de lado e, como din por estes lares, tocoulle a “grossa” na lotaría. Vai saír con máis forza, pois atopou a man amiga para axudalo a recuperar a louzania que mantiña no pasado.

Adiante amigo! O castiñeiro do Coviallo agarda por ti.

Saúde e boa viaxe.