Vostede está aquí

A LINGUA DE NAVEA

                Vou iniciar unha nova sección á que, coma sempre, estades convidados a participar.   Tamén podedes engadir, matizar...(mesmo unha palabra podería ter diferentes acepcións dependendo do barrio do pobo).

        Ninguén dubida de que a lingua de Navea é o galego. Como ocorre con todas as linguas, existen termos que se empregan nunha zona do país e noutras non. Eu quero lembrar unha serie de plabras, moi significativas, pola súa enorme forza fónica e semántica. Espero que non esmorezan de todo.

           Debo deixar claro que eu "nunca as ecoitei fóra do ámbito naveán", pero iso non significa que non existan ou existisen. Ben sei que hai dicionarios de varios tomos que inclúen termos dende  o nacemento da lingua ate o momento actual. Tampouco se trata dun estudo filolóxico-lingüístico sesudo, para iso xa están os expertos da R.A.G e do I.L.G. así como outros investigadores do noso idioma.

         Este é un sinxelo traballo de recopilación de palabras de uso pouco habitual, fermosas,  e  que aínda seguen vivas, polo de agora, en Navea. Ata cando?

         Empezarei hoxe coas tres primeiras.

    

DEXOBAR(SE).   Fai alusión á limpeza esmerada que se fai un a si mesmo, a outra persoa ou a obxectos e animais.

-Onte dexobouse moi ben        -Estivo dexobando no cobeto ata que brillaba                                    -Antes de ir á feira, voume dexobar

   Lembro ter oído: en cabeza de carneiro negro non vale dexobar.  É evidente que non fai referencia ao físico senón ao feito da imposibilidade de facer cambiar de opinión a unha persoa que non dá o brazo a torcer.

ESPAXOAR.  Este verbo vén a significar o feito de proceder a alonxar algo(xeralmente animais) para que non fagan dano, estraguen os eidos...

-Espaxoou as perdices da viña. -Tiven que espaxoar os gatos da porta da casa. - Pegueille uns berros ao xabarín para espaxoalo.

       Tamén se pode empregar para os seres humanos. -Espaxoono da casa.  Refírese ao feito de que alguén faga  os medios necesarios para "botar" da casa a algún pesado.

ENVORQUILLARSE.   Empregábase moito coas cabalarías(en Navea, case exclusivamente burros). Consiste en dar voltas á esquerda e á  dereita, xirando 180º sobre as súas costas no chan. Coido que o facían para liberarse dos insectos.

-Envorquillouse no lameiro.    -A ver se se envorquilla.

Lembro á xente facendo este comentario: hoxe gañou a cebada.  Eu penso que facía referencia á capacidade de dar varias voltas, mais non estou moi seguro.

  Tamén os rapaces e rapazas nos envorquillabamos, dando varios rolos pola chan. 

                                         Saúdos e saúde.

 

Artigos: 

Comentarios

                       Nova xeira de palabras que eran de uso cotián en Navea, pero que están moribundas, ou case.

ANDOLEXAR.  Este verbo vén a significar o contrario de dexobar.  Se para dexobar había que esmerarse en facer ben o traballo, andolexar é lavar mal, rapidamente, mesmo sen xabrón. Meter a roupa na auga, remexela un chisco e sacala ás présas.

- Vou andolexar uns trapos.   -Teño que andolexar estas sabas antes de marchar á festa.

-Voume andolexar e imos...(lavarse de forma rápida e superficial).

                             Se algúen me di que andolexou as tripas do marrao, pensaríao antes de comer os chourizos. 

ENZORROBILLARSE.   Alude ao feito de que unha fita, unha corda, un fío, o cordón do zapato...den voltas e máis voltas, nós e máis nós ata que resulte case imposíbel estiralo novamente.

- Enzorrobillouse o nobelo de la.

- O fío está enzorrobillado, quen o desenzorrobille...

             Se de alguén se di que ten o cerebro enzorrobillado,non é moi bo sinal.

AMOLACHAR.    Este verbo era bastante habitual en Navea, inda que con tendencia a ir esmorecendo. Parece que segue moi vivo en terras portuguesas. Vén a significar algo que se aplasta, se engurra, ata, nalgúns casos, quedar reducido á mínima expresión.

-Amolachou a lata das sardiñas.

- Peguei un golpe e amolachei a porta do coche.

    Referido aos seres humanos ten un significado pexorativo.    - X  está bastante amolachado/a.

   Quere dicir que se aprecian claramente o paso dos anos e o conseguinte deterioro físico.

ZANGOLEXAR.   Alude ao feito  de remexer algo, fundamentalmente líquidos, pero non só.

Boteille auga ao cobeto para que inche e vouno zangolexar un pouco. 

- Como sigas zangolexando o café, valo verter.

   Tamén se pode zangolexar ás persoas, agarrándoas fortemente e provocándolles movementos bruscos. Non convén zangolexar moito a cabeza  por se ás neuronas lles dá por fuxir.

                           Saúdos e saúde.

,

            Imos coa terceira entrega de palabras moribundas, ou case. Ogallá volvesen a coller pulo porque iso sería un bo sinal para o futuro da nosa lingua.

DERRENGADO/A

         Vén a significar que alguén está moi ou bastante prexudicado, inda que, xeralmente non é definitivo, senón provisional. Por iso, normalmente,  esta palabra vai acompañada do verbo estar.

- Estou derrengada( apañou doce feixes de herba do Real).

Ando cunha dor nos cadrís que me ten derrengada.

- pegoulle unha paliza e deixouno derrengado.

ESMOLICRADO/A

             Quere dicir que unha persoa está moi cansa, sen folgos, extenuada, esgotada. Pode acompañarse de dores xeneralizadas ou que afectan a unha zona do corpo.

- Estou esmolicrado de todo.

- Que esmolicrado me vexo!

- A gripe deixoume esmolicrado.

LOSQUIÓN.

    Podería ter un significado moi parecido ao de "labazada". Consiste en darlle a alguén un golpe de "pouca intensidade". Normalmente non vai dirixiodo á cara, senón á parte de atrás, na caluga. Enténdese, máis ben, como un toque de atención, un aviso para que a persoa, xeralmente nova, cambie a súa actitude.

-Tiven que darlle un losquión para que calase.

- Vouche dar un losquión!

- Como o volvas facer, vas levar un losquión!

ESTRANSIDO/A

   Moi canso, esgotado, pero a un nivel máximo. Sen forzas, tanto no eido físico como no síquico.

- Estou estransida!

- Non tes boa cara, estás estransida!

- Estou tan estransido que non teño gañas de facer nada.

 

 

    COUQUIZO

      Esta é unha plabra que segue viva no galego. Fai referencia á parte traseira da cabeza. Vén a significar o mesmo que caluga, cocote, cogote...

-Quedou adoecida do golpe que levou no couquizo.

   Máis o relevante, en Navea,  é que alude ao remuíño que o pelo fai na parte alta e traseira da cabeza. 

Non dou nestes pelos do couquizo

-É moi listo, ten dous couquizos.  

GUIÑAR, GUIÑALAS, GUIÑOUNAS

    Guiñar é unha plabra moi común no español, pero que en galego significa "chiscar" e alude ao feito de pechar un ollo para enviar diferentes mensaxes(por exemplo, no xogo da brisca).

     Mais en Navea ten o significado de falecer.

- Xa as guiñou o marrao

- Está malo o burro, vainas guiñar.

           Non é común utilizala para os seres humanos, pero é coñecida a anécdota(real e triste) que sucedeu a mediados do século pasado e que paso a relatar. Unha nai tiña un fillo maliño. Cando un veciño(xordo) a viu, preguntoulle por el  e a nai respondeulle:

-Pois guiñounas esta noite.   O veciño(xordo) dixo: Pois alégrome de que vaia mellor.

 A pobre da nai, contrariada, insistiulle: - Que demo de home! Xa lle dixen que as guiñou!   Parece que a discusión durou bastante tempo ata que o home se dacatou da realidade.

ESPOLIÑAR

   Este verbo emprégase moito en Navea e aplícase tanto a seres humanos coma a outros seres vivos. Significa crecer, ter mellor aspecto, curar dunha doenza...Deste xeito, podemos dicir dun porquiño:

Agora parece que vai espoliñando.

   Tamén nos podemos referir a unha planta que "tiña mala pinta" e se recupera. 

-Mira esa cerdeira como espoliñou!

    Cando se refire as persoas, vén a significar que esa persoa tivo unha doenza  e logo mellorou.

Xa espoliñaches! Tes mellor cara!

   ESPERUCAR

                 Esta palabra ten variantes esparexidas por Galiza adiante. significa separar os graos de millo da mazaroca, extraer os chícharos da súa vaíña, debullar as castañas...

     Pero o significado máis relevante no noso pobo é separar á carne do óso, por exemplo, para facer os chourizos.

- Esperuca ben a soá(que non lle quede nada de carne)

        Principalmente asóciase ao feito de aproveitar toda a carne cando comemos, por exemplo, a costela dun cordeiro.

- Que ben esperucas.

A min dame un zanco, que non me gusta esperucar.

  É coñecido o caso dun señor que nas matanzas e noutras festas gastronómicas, collía un cacho de carne, quitáballe dúas febras e aparcábao no prato. Repetía o proceso varias veces e cando xa a fonte comunitaria estaba baleira, el empezaba a esperucar, dándolle a 2ª volta, mentres os demais, abraiados,  miraban para el.

 

 

  

          Vou cunha nova xeira de palabras, moi naveás, non sei se dalgún outro lugar. O certo é que están en serio risco de desaparecer. A ver se salvamos algunha.

ENCORVELLADO. 

      Aplícaselles aos seres humanos inda que tamén se pode empregar para os animais. Debido á idade ou a algunha doenza, as persoas empezan a encollerse, dobrarse...

Ao.........vino moi encorvellado.

-Á............cada vez se encorvella máis.

-Este cabrito encorvellouse de tal xeito que non vale pra nada.

    O encorvellamento pode ser non permanente cando o empregamos en frases como:

 Durmiu no sofá todo encorvellado e quedou adoecido dos cadrís.

ZARABASCO

   Esta palabra vén a significar o mesmo que "cachiño"ou "anaco". É unha porción pequena de algo, xeralmente comida.

-Non deixou nin un zarabasco. (comeuno todo)

-Dáme un zarabasco de chourizo.

    Pódese empregar tamén noutras situacións:

-Quédalle un zarabasco para rematar de cavar a viña.

PITARANCO

           Fai referencia a un eido pequeno, normalmente alonxado do núcleo de poboación e, case sempre, non se corresponde coas mellores terras.

- Teño un pitaranco na Broia.

- Trouxen un queipo de uvas do pitaranco que teño no Viso.

- Como non podía durmir estiven botando contas e teño máis de cincuenta pitarancos.

ESGARRUNCHAR

         Significa subir, sen o emprego de ferramentas, polo tronco dunha árbore, dun poste da luz...Esixe grande esforzo, moita forza e bastante habilidade.

-Hai que esgarrunchar, que non temos escada.

-A ver se esgarrunchar para ver aquel niño de milpéndora.

     Ás veces tamén se emprega para o feito de subir por unha parede ou laxe verticiais e que presentan gran dificultade.

- Estamos subindo polo río. Hai que esgarrunchar por esa laxe ou temos que dar a volta.

 

                        Vou cun novo grupo de palabras salientatábeis. 

ESCACILAR.

       Este verbo emprégase, ou empregábase, en Navea co significado de rematar "algo", que non quede "nada". Fundamentalmente utilízase para a comida.

-Escacilou ben o xamón(non quedou nin unha febra)

-Tes que escacilar, como é debido, a pota dos callos.

    Por extensión podía empregarse para rematar outro tipo de tarefas.

Imos escacilar aquela mota de carqueixa que hai no medio da Ladeira.

AZAFRANAR.

         Esta palabra é coñecida por case todos co seu significado clásico: usar este condimento para aderezar a comida. Mais, en Navea, ninguén diría  que azafranou o arroz senón que lle botou un chisco de azafrán ao arroz.  Sen embargo, podemos escoitar:

-Pero, que estás azafranando?

-Azafranaches, azafranaches e non fixeches nada!

        Vén a significar a realización dalgún tipo de actividade sen moito éxito, de xeito bastante trapalleiro.

-Andivo azafranando na televisión e quedou peor do que estaba.

ESLOIRAR(SE)

       Normalmente emprégase o reflexivo xa que non é habitual que ninguén te esloire, senón que cada un se esloira a si mesmo.  O seu significado vén a ser tumbarse, a calquera hora do día, na cama ou noutro lugar para descansar ou relaxarse. No Largo había, supoño que aínda haberá, unha laxe estupenda para esloirase ao sol. 

- Voume esloirar  un rato cama.

  Pode coincidir coa hora da sesta.

-Despois de xantar, heime esloirar unha miga que estou moi canso.

    Era unha gozada esloirarse, cando facía calor, e ías coa veceira pola Serra.

-Atende ti as cabras que eu vóucheme esloirar un rato.

ENXARNICAR 

    Vén sendo o mesmo que remexer en asuntos, actividades, eventos...sen elaborar axeitadamente o proxecto.

-Deixa de enxarnicar niso, que total...(está perdendo o tempo)

-Andivo enxarnicando na viña e non fixo nada.

     Normalmente, os resultados non son son moi bos dado que o proceso tampouco foi adecuado nin preciso.

-Este ano enxarnicou o Antón na zorza e non se tragan os chourizos. 

 

                                        Saúdos e saúde

               Imos cunha nova xeira de palabras moribundas, ou case. Esperemos que algunha, ou algunhas, se recuperen.

CAÑASTRA

                       As cañastras son, ou eran, utensilios feitos con vergas de salgueiro, vido, carballo...Diferenciábanse dos "cestos" en que o cu tiña forma rectangular e non, máis ou menos, cadrada. Nun dos lados facíaselle unha curvatura para que asentase ben na albarda da cabalaría. 

- Ponlle as cañastras ao burro que imos apañar o esterco para o Penediño.

- Trouxen unha cañastra de cereixas.

                  Ás veces tamén se empregaban para cargar ao lombo, pero non asentaban tan ben coma os cestos e , ademais, se se enchía, podía pesar setenta ou oitenta kg. 

Trouxen unha cañastra de uvas da Borrén que me   chegou ata vela e deixala.

QUEIPO

               Esta palabra segue viva no noso idioma e aínda se emprega en diferentes lugares, pero, en Navea, os queipos son algo diferentes.  Os de  outros lugares teñen "asa" para agarralos. Na nosa aldea existen os "cestos" cunha capacidade de 50 Kg de patacas; os "carreteros", cunha capacidade de 25 kg e os "queipos" que terían unha capacidade intermedia: 30 ou 35 Kg.  

Collín un queipo de pavías.

       Cando eramos novos, se alguén pretendía "ofender" a outro e, ao mesmo tempo, presumir, podía dicir:

-Levas un "queipiño", tenta o meu cesto!

 

LUDRIDO

      Poida que nalgures teña un significado bastante amplo: ter "bo aspecto", "ter boa cara"...

  En Navea emprégase ou empregábase para referirse a unha persoa que está "gorda", ou "gordiña", aínda que sen chegar á obesidade.

-O Xabier está ludrido.

   Antes era habitual oír expresións coma estas: 

Dá gusto ver ao Mariano que está ben ludrido.

    Había unha clara asociación entre estar ludrido e ter boa saúde.

 

FUNGUEIRAZO

          Fungueirazo, noutros lugares, significa dar un golpe cun "fungueiro" ou "estadullo" do carro. Mais, en Navea non había carros.

      Cando empezamos a xogar ao fútbol, necesitabamos unha palabra para expresar eses "golpes" fortes cun balón aos que tamén lles podemos chamar "balonazo". Adoptamos, xa que logo, a palabra fungueirazo para esta acción.

- Vouche meter un fungueirazo!

  No noso estadio do "Chelo" exercíase unha grande democracia e  os maiores, menores e medianos, xogabamos xuntos e revoltos. Ás veces, os maiores ameazaban aos máis pequenos con empregar o recurso dos fungueirazos. Noutras ocasións púñase coma norma obrigatoria:

- Non valen fungueirazos!

       Esta medida axudaba a preservar a saúde dos máis novos e tamén para que o balón non chegase á Barronca con moita frecuencia.

                                            Saúdos e saúde.

 

 

 

 

PALABRAS ESQUECIDAS. (38)

É unha ledicia ler os excelentes traballos do mestre (espero que siga alumeándonos o camiño), un decátase de que o “xardín” xa conta cun coidador ben experto e non é doado entrar.

Case que non me atrevo a compartir convosco esta humilde achega. Supoño que residir fóra do ámbito do galego e, ademáis, compartir espacios vitais con persoas alleas á nosa fala ven a ser un problema engadido para manter vivos eses termos antes utilizados coa normalidade que nos da o cotián da fala materna. Loxicamente o esquecemento daquelas palabras que non entran no día a día, para min, ten diferentes motivos: primeiro, e máis importante, o deixar o lugar de orixe; segundo, ó abandonar o agro tamén deixamos, sen dacatármonos, o “léxico rural” que envolta tódalas tarefas que se levan a termo nese ámbito, e xa que logo, as conversas que xiran ao seu rredor.

A maioría das naveás e naveáns, que cada día axudamos a engrandecer outros territorios do estado ou de fóra, (aínda que non nos teñan moito en conta) xa levamos varias décadas fóra, e xa que logo, non é doado manteren viva e actualizada a fala. Aínda así, e tendo por dada a vosa licenza, aquí deixo algunhas das palabras que lembro e, eu diría, que non se utilizan coma en tempos pasados.

 

1-ABOUXAR: Falar moi alto, prexudicando a outros para que poidan oír.

2-ACABALOTAR/SE: Ven a ser “montar” “subirse” a unha cabalaría, de aí o nome; pero tamén pode ser montar nunha motocicleta, nunha bicicleta...

3-AMOLAR/SE: Sufrir molestias de alguén, ou por algo.

4-ANICAR/SE: Ven a ser, abaixarse doblando as pernas.

5-AZANGALLAR/ACANGALLAR: Dise das persoas que non paran quedas, sempre dun lado paro outro. Que van a un lugar sen motivo...

6-BERRALLOU: Dise daquela persoa que fala moi alto, a berros.

7-ENTROIDAR: Refírese a celebrar o Entroido, aínda que tamén a: aledarse e celebrar calquera cousa importante para esa persoa que “entroida”.

8-ESTRAPUZAR/SE: Caer, normalmente cando se vai correndo.

9-LARAPEXAR: Xogar ca auga. Os cativos larapexan ca auga na fonte. Tamén se di: non para de larapexar na cociña.

10-LILO: (seguramente -dixéralle a súa aboa- lle habían de traer algún “LILO” ou algunha lambetada, os seus pais que ían regresar da emigración e xa endexamáis volverían marchar. “Un rabaño de ovellas brancas” pg.10. Xerardo Quintiá, Friol 1970. É esta a única vez que vin na escrita este termo.

A miña lembranza do termo ven de cando neno e viñan os reis magos e deixaban algún “lilo”; tamén cando os pais ían ás feiras e traían algunha cousa; os trebellos que me facían meus irmáns (verdadeiros artistas artesáns) eran “lilos”.

11-RESESO: Perdeu a frescura. O pan está reseso, seco, duro.

12-VITELA: Tempo atrás a “tenreira” era “vitela”.

13-ZARANGALLO: O dicionario da RAG recólleo con varios sinónimos, pero case sempre referido a “roupa”. A miña lembranza refírese a: unha persoa ou persoas que non paran quedas nun lugar. Van de aquí para alá, sen motivo aparente. ( ven a ser o mesmo que o nº 5)

Saúde e boa viaxe.