Vostede está aquí

Navea na metade do século XVIII

Como diciamos hai uns cantos días localizamos un documento con interesante información sobre Navea. Dese documento sacamos uns poucos datos sobre o noso pobo, os que consideramos máis relevantes, que pensamos axudan a  coñecer como era Navea a mediados do século XVIII.

Podedes acceder ao documento completo desde aquí.

Fonte
Datos obtidos do documento que reflicte o interrogatorio realizado, na Alenza (Río),  o vintetrés de novembro de 1752 que forma parte do chamado
Catastro do Marqués de Ensenada.

En dito documento figuran conxuntamente os datos dos coutos (territorio con xurisdición propia) de Navea, Peites, Figueiredo, As Cabanas e Xunquedo.

Territorio
O couto de Navea estaba limitado polo este e polo norte cos coutos de Peites e As Cabanas respectivamente, cuns lindes moi semellantes aos actuais. Polo sur o límite sería o río Navea que o separaba da xurisdición de Trives. Ao oeste tampouco tería o límite actual se non que este estaría no Regueiro (chamado no documento “dos muíños”) que faría de separación co couto do Xunquedo.

Existía unha ponte de madeira no río que servía para a comunicación coa xurisdición de Trives.

Administración relixiosa
A parroquia de Navea, que contaba cun cura e un clérigo mercenario, abranguería o territorio do couto de Navea e a metade do couto do Xunquedo. Isto significa que case coincidiría coa división actual.

Vivendas
No documento do catastro non figura o número de habitantes, pero si algúns datos interesantes:
-Vivían 46 veciños.
-Existían 46 casas habitábeis, 12 adegas, 30 currais, 12 casas e currais arruinados, 40 chozas e currais vellos e que ameazaban ruína.

Destes datos dedúcese que Navea  estaba habitada desde moitos anos atrás.

Oficios
Cítanse os seguintes oficios: tres tecedeiras,  dous muiñeiros, dous carpinteiros, dous xastres, un soldado miliciano e un taberneiro.

Non hai xornaleiros de oficio que non cultiven a súa propia facenda, pero si diferentes veciños que se empregan algúns días ao ano en traballar facendas alleas, no couto  de Navea e fóra del.

Comercio
Existía unha taberna.

Non había nin tenda nin carnicería.

Árbores e cultivos
Só se citan estas árbores: oliveiras, castiñeiros e figueiras, algunhas plantadas en orde e outras dispersas, plantadas en viñas, cortiñas e lameiros.

Hai parras en carrúas, camiños e outras propiedades.

Uceiras, serven ao pasto do gando e para facer esterco das súas ramas.

Os produtos que se mencionan: centeo, herba, castañas, viño, aceite, liño, liñaza, nabos, trigo e hortaliza (coles, cebolas e cabazas e outras hortalizas). Non hai comercio destes produtos.

Di o documento que o viño de Navea é de máis calidade que o dos outros coutos.

Animais
Aparecen mencionados: ovellas, carneiros, cabras, vacas, bois de labor, leitóns, porcas de cría, galiñas, capós, polos, porcos e colmeas.

Impostos
Gabela Lutuosa: 15 ferrados ou tegas de centeo ao ano cada veciño. (Ao señor)

Décimo de todos os froitos, hortalizas e legumes a excepción da herba (cóbraos o cura). Décimo de cada vaca parida dúas libras de manteiga e medio real de vellón, e dos outros gandos menores tanto de la como de crías.

Primicia: cada veciño un ferrado de centeo, as viúvas medio e os pobres o que se lles reparte segundo os seus bens. (Navea contribúe con trinta e cinco ferrados de centeo e real e medio de vellón).

Voto do Apóstolo Santiago: cada veciño que labra cunha parella un almude de centeo, os que labran con media medio almude. (Navea contribúe con sete almudes e medio de centeo).

Gastos do común: sobre douscentos reais ao ano (de utensilios, vereas e ordes que veñen da cidade de Ourense, do salario do deputado do reino, de gastos de milicias e cuarteis).

Páganlle ao escribán Juan Cayetano Melo dez ferrados de castañas secas ao ano para que faga dilixencias como dar fe para o expediente de varias ordes e testamentos que piden da cabeza da provincia.

Rendas provinciais: (o que contribúe o couto a S.M.)

Por razón de sisa, centos, alcabala e fiel medidor: 1213 reais e 14 marabedís de vellón.

Por razón de carnes: 75 reais e 25 marabedís e medio.

Por servizo ordinario e extraordinario: 90 reais e 25 marabedís e medio de vellón.

Persoas
As persoas que aparecen co seu nome no documento son as seguintes:

Leva e goza o couto de Navea: don Juan Francisco Losada y Quiroga, veciño do Hospital de Quiroga (elixe ao rexedor e ao xuíz).

Cura: don Martín del Palacio.

Xuíz con xurisdición ordinaria: don Juan Cifuentes (veciño de Cabanas). Elixido por tres anos ou máis. Tamén veredero de tabaco e arrendatario de votos do señor Santiago.

Rexedor: Pedro Pérez Quiroga.

Peritos: Miguel Álvarez e Manuel Álvarez.

Clerigo mercenario: Antonio Pérez Quiroga.

Escribano: Juan Cayetano Mela (veciño de Trives) .

Muiñeiros: Joseph de Noboa e Juan Pérez.

Taberneiro: Francisco López.

Tecedeiras: Rosa Pérez (muller de Manuel Álvarez), Ana Álvarez (filla de Ana Vázquez) , Manuela Domínguez (muller de Phelipe de Lossada).

Xastres: Antonio Fernández (veciño do Campo) e Joseph Lopez Pérez (veciño da Eirexa).

Carpinteiros: Francisco Rodríguez (do Campo) e Manuel Pérez ( de Vilaboa).

Pobres de solemnidade: Sebastiana Delgado, Phelipe de Lossada, Josepha Fernández e María Álvarez. Viven de limosna, que piden públicamente.

Soldado miliciano: Joachin Fernández (alistado nas milicias desta provincia, non agregado a outro corpo).

 

Datos de Navea: 

Comentarios

Ola !!

De momento soio lle din unha ollada rapida a información histórica...

IMPRESIONANTE !!!

Moitas, moitas grazas polo esforzo que fixestes e por compartir !!

Unha aperta. Pepe

Moitas grazas polo voso esforzo!! Xa vexo que había Alvarez no século XVIII...

¡Qué documento mais interesante e qué bo traballo! 

¿Xastres, soldados ou pobres de solemnidade? Os Fernández temos onde escoller.

¿Onde andarían os Núñez,  e os Nogueira, e os Mondelo, e os...? 

Unha aperta.

Luis

(¡Ánimo, Pepe! Que acabe ben e axiña o asunto da tua filla.)

 

Magnífico traballo de investigación histórica!!

Grazas.

Elvira

 

     Moitas grazas por este estupendo descubrimento que nos permite  coñecer algo do noso pasado non recente.

      Quero dicirlle ao Luís que os nogueiras, núñez e mondelos nolos traerá o Malolo proximamente.

      Un saúdo para o xefe e para todos os membros que colaboran nesta páxina.