Vostede está aquí

Tempo de rega. "A Sentenza"

Alá polo ano 1898 elaborouse un documento no que se recolle o reparto da auga do Regueiro e da fonte da Quinta. Este documento coñecido en Navea como "A Sentenza", publicouse o 17 de abril de 1898.
Imaxe do libro
O seu promotor foi Domingo Núñez Álvarez ("O tío Coxo") que con data do 8 do outubro de 1895 presentou no xulgado de Trives a solicitude do reparto das augas.
Imaxe do libro

Domingo Núñez mandou realizar unha copia da Sentenza para el e outra copia debería estar no Xulgado ou no Concello de Trives. Á copia, que na actualidade conserva Gregorio Núñez, fáltanlle as primeiras follas nas que aparece a primeira persoa con dereito á rega.

Imaxe do libro
Imaxe do libro
Na Sentenza están detallados os eidos de cada persoa e o tempo que lle corresponde por cada un.
Imaxe do libro

Para o reparto da auga distínguense catro zonas:

-Zona 1: Rega coa auga do Regueiro que  recolle nas presa do Real e da Ponticela. Correspóndelle a auga desde o luns ás 03:00 ata o mércores ás 15:14. Abarca as terras que están ao norte da carrúa que  vai aos Lameiros (O Real, A Ponticela, O Cereixedo, Vilaboa, O Picouto, A Canella, O Campairo, Casenando, ...). Regan 113 persoas.

-Zona 2: Rega coa auga do Regueiro, que  recolle nas presas do Pontón, Portovello e A Molariña. Correspóndelle a auga desde o mércores ás 15:14 ata o domingo ás 11:36. Abarca as terras que están ao sur da carrúa que vai aos Lameiros, agás as que tamén regan coa fonte da Quinta. Regan 114 persoas.

-Zona 3: Rega coa auga do Regueiro que  recolle na presa do Pontón e coa auga da fonte da Quinta. Correspóndelle a auga desde o domingo ás 11:36 ata o luns ás 03:00. Abarca as terras que regan coa fonte da Quinta. Regan 58 persoas.

-Zona 4: Rega só coa auga da fonte da Quinta. Correspóndelle a auga desde o luns ás 03:00 ata o domingo 11:36. Abarca as terras que regan coa fonte da Quinta. Regan 58 persoas.

O número de persoas con dereito á rega ascende a 150 (podería ser algunha máis se das sete persoas das que non hai datos, algunha tivera dereito á rega só na primeira zona). Destas persoas 105 son veciñas de Navea e o resto son de distintos lugares de Caldelas.

Os datos que se expoñen a continuación só se refiren á auga do Regueiro:

Ás persoas de fóra de Navea correspóndenlle 28 horas 23 minutos. De isto dedúcese, se o reparto foi equitativo, que o 17% das terras de regadío de Navea pertencían a xente de Caldelas. O resto do tempo repártese entre as persoas de Navea con terras.

O tempo asignado vai desde algunhas persoas que só dispoñen dun minuto ata quen ten máis de oito horas. Hai máis de corenta persoas que teñen asignado menos de dez minutos!

O horario da auga rexíase por o reloxo situado na fachada sur da Abadía.
Imaxe do libro
Listado de persoas por lugar onde viven e zona onde regan
Listado por tempo de rega en cada zona
Listado simple de persoas con dereito a regar
Listado de persoas nas distintas zonas
Listado de persoas que regan na zona 1
Listado de persoas que regan na zona 2
Listado de persoas que regan na zona 3
Listado de persoas que regan na zona 4
Listado de persoas veciñas de Navea por zona de rega
Listado de persoas de fóra de Navea por zona de rega
Listado simple de persoas veciñas de Navea con dereito a regar
Listado simple de persoas de fóra de Navea con dereito a regar
 

 

Datos de Navea: 

Comentarios

           Sen dúbida  que este "resume"  foi un traballo e de moitas horas, días  e semanas de adicación. Agora temos aí, de forma fácil e accesíbel, un sitio para consultar ou "ver" o que nos interese sobre as nosas augas.

               Parabéns polo esforzo e a eficacia!

Parabén polo magnífico traballo

Grazas por presentarnos ao Tio Coxo, a partir do testemuño oral de Lola+Pedro e dos diarios galegos. Aínda que isto poida parecer estraño, eu non sabía nada sobre este personaxe. 

Sí sabía da existencia d'un libro que regulaba o uso das augas e que se conservaba na casa de Gregoiro. Algunha vez me preguntei por qué se guardaba alí.

Grazas por presentarnos, de forma tan clara e ordenada, o contido do libro. Cantas horas de treballlo!!!!

Unha aperta.

Elvira

O Regueiro que baixa entre penelas  e leva a vida ás terras sedentas. As fontes que, esparexidas por aquí e por alá (Vilaboa, Palacio, Casenando, Cima de Vila, A Barronca, A Ferraia, A Quinta...), calman a sede e lavan a roupa das xentes de Navea.

¡A auga! Non houbo nunca nin haberá ningún ben máis vital, mais prezado cá auga.

¡Qué importante tivo que ser este documento! ¡Cantas discusións, rabechas, enemistades, preitos, cantos “sachazos” aforraria a Sentenza! Tódolos que algunha vez fomos á rega sabemos que –coa sentenza e todo- eran habituais as disputas por un minuto de mais ou de menos, por o que habia que abonar cando se tornaba a auga, por... Non é difícil imaxinar as pelexas que habería sen ela.

 

¡Teño tantos recordos ligados á rega, á auga que baixaba polas caldeiras ou polo medio da carreira, diante da nosa casa! Non había outro xogo mellor que ir diante da auga correndo ata mollarse, facer carreiras con cachos de paus ou de gancias, sentarse nunha pedra e mollar os pes, larapexar...

 

Grazas por facilitar o coñecemento de tan importante documento. ¡Bo traballo, Manolo! ¡Parabéns!

(Confeso que é raro o dia que eu non me asome á páxina a ver si hai novidades, e que me poño contento cando atopo algunha.)

 

Unha aperta.