Vostede está aquí

ESTRADA A PONTE-NAVEA

       Imos escomenzar un novo tema que, espero, se converta nunha grande reportaxe, feita coas aportacións de todas as persoas que queiran e poidan participar.

     A devandita obra foi, coido, unha das máis importantes dentro da inxeniería civil dende a época das pirámides exipcias ou das calzadas e anfiteatros romanos(permítaseme a brincadeira).

      Desgraciadamente xa quedan poucas persoas que participasen activamente na súa construción. Mágoa que non fixeramos antes este traballo para que houbese máis protagonistas que nos puidesen aportar testemuñas directas dos sucesos que viviron e "sufriron". Por sorte, contamos con dúas persoas que poden lembrarnos as súas experiencias e vivencias. Son Pedro Mondelo e Luís Rodríguez.

       Aquí vai un resume dos comentarios feitos polos protagonistas.

         De quen xurdiu a idea? Quen deu a guía?  Como empezou todo?

PEDRO:  O Casto do Pérez, D. Dositeo, D. Evaristo animaron bastante. Logo D. Dositeo quería cobrar polas viaxes, polo que se apartou o foi apartado do proxecto. Falouse co Alemán para delineala. el quería levala polos Rousos e que chegase ao forno da Quinta. Non se puido facer porque a xente non cedía as terras.

Luís: Eu penso que o "xefe" naquel momento era o Leonato.

           Cando empezaron as obras?

LUÍS: Polo 56 ou 57. En 1964 xa estaba na Fonte. Empezouse na curva da Concheira. O Paco do Leonato e o Arsenio do Pérez eran os "topógrafos". O Raúl era o que levaba a listaxe dos participantes.

PEDRO: Non sei exactamente. O Paco do Leonato e o David botáronlle unha ollada e decidiuse empezar. Empezouse con moitar forza. Coido que foi nos Vales.

             Colaborou todo o mundo?

PEDRO:  O día sinalado para ir traballar era o luns, todos os lunsCase participaron todos, aínda que houbo unha minoría que se negou. Como consecuencia houbo algúns episodios puntuais de enfrontamento. Por exemplo, a un dos "contras" fixéronlle retroceder un camión cargado de mercadorías ata a Ponte. A outro que esperaba un taxi nos Vales fixéronllo ir coller ao mesmo lugar. Houbo unha persoa de certa relevancia no pobo que se negou a colaborar.

LUÍS: A maioría da xente colaborou, aínda que houbo algúns que non.

                   Como se financiou?

LUÍS: Houbo pequenas aportacións de xente de Navea que estaba fóra. Traballábase gratis, agás uns cantos xornais que cobraron os "especialistas". A dinamita donábaa a Deputación e tamén algunhas carretillas, pas, sachos...

                      Como se traballaba?

PEDRO:   Facíase todo á man, con barrenas, mazas, culleriñas, paus ferros, sachos, rastros...

LUÍS: A base de dinamita, mecha, pistóns...Os buracos facíanse á man con barrena e maza. A dinamita viña en caixas de 25 Kg. Ía buscala o Justo a Río e gardábase no sequeiro dos Mondelos.

                    Quero rematar esta primeira intervención dicindo algo que sempre oín e ocorre case sempre que se abre un novo proxecto. Parece que esistía un "núcleo duro"; un grupo de catro ou cinco persoas que tiraban do carro  cando as cousas non pintaban ben e a desmoralización se apoderaba da xente. Dificultades que podían vir polo desánimo, o cansazo pola dureza da empresa ou pola obstrución dalgún elemento, como aquel que fixo parar as obras nunha pedreguñeira que tiña cara a Pirisquisa. Tamén houbo momentos de ledicia: cóntame Pedro que cando o primeiro camión chegou ao revolvedeiro dos Vales, houbo unha especie de festa colectiva. Por fortuna, como nas películas, os bos gañaron. 

                            Saúdos a todos

 

Artigos: 

Comentarios

ESTRADA (13)

Parabéns, Xoselois, pola elección dun tema tan interesante:

Quero deixar constancia de que: Aínda “quedamos” máis veciños que, con máis ou menos continuidade, colaboramos nos traballos da estrada. Certo que non como ”primeiros actores”, daquela eramos moi novos, pero si de “repartimento”. Non vou dar nomes, pero somos uns cantos: da Quinta, de Casenando, da Eirexa, dos Paus.......

En canto poida, farei unha pequena achega da miña contribución e experiéncia na obra.

Saúde e boa viaxe.

 

 

v

ESTRADA (21 )

Boa tarde a tod@s.

Cando xoselois nos presentou este tema, aló polos primeiros días de xaneiro, pensei que era unha idea interesante e que podía xerar participación. Na benvinda ao proxecto comprometínme a facer unha aportación coas lembranzas da miña “pequena contribución” á obra. Ben pois, aínda que demorada, aquí vola deixo por se queredes dispor.

Cómpre ter en conta que, daquela, eramos moi novos todos os rapaces que, máis ou menos e con asiduidades distintas, axudamos á construción da obra. Nos primeiros meses era coma unha festa á que iamos pasar o día con certo aire de troula e, diría que, sen a implicación que tiñan outras persoas. Ningún contabamos con experiencia en traballos daquel tipo; era novo para nós ver como se facían os buracos para os barrenos, e mesmo a construción dos muros, aínda sendo unha tarefa máis próxima, tamén tiña o seu aquel de“oficio” que era unha gozada de ver e “ouvir”, xa que os canteiros contan con léxico de seu: sóavos aquilo de“búscarlle a cara á pedra”? Xa logo, co tempo e a aprendizaxe, a nosa aportación foi collendo “xeito”, aínda así, o noso era carrexar cascallo coas carretillas. Poderiamos afirmar, sen risco de erro, que a maior parte do entullo que se moveu, agás as grandes pedras, foi cousa de rapaces.

Tamén tivemos que aturar algunha que outra broma, poderiamos dicir, pesada. Lémbrome dun día de verán no que ía moita calor, alá na curva do redondo, tres ou catro pedímoslles ós “xefes” que nos puxesen “tarea”, para así traballarmos o máis de présa posíbel, coa idea de gozar dun rato de “nada” no río. Marcáronnos a carrexa dunha morea de cascallo que quedara despois de estalar uns barrenos. Estivemos de acordo e pouco a pouco foi desaparecendo o montón “coa vantaxe para nós” que non era tanto como semellaba. Isto non lles gustou aos superiores, dicíannos que, nada, o trato quedaba en suspenso e tiñamos que seguir traballando se queriamos que o “ listero” nos apuntase o día. A cousa púñase fea, xa que non nos deixaban marchar, e nós non tiñamos azos dabondo para facerlles fronte; solucionouse a lea coa achega ao noso favor dunha persoa, xa de certa idade, que sen facer moito ruido e con poucas palabras (como nel era costume) volveu ao rego a situación. Grazas ó seu bo facer puidemos gozar dun merecido baño, nas frescas augas do largo, que axudou a esquecermos o mal rato pasado.

As datas de comezo das obras non as teño presentes pero, aínda así, non concordo co exposto no relato de presentación do tema; ha de ser despois do sesenta, xa que, foi nese ano que chegou á parroquia D.Ebaristo, e quedou claro, que foi un dos que máis alentaron as xestións para o comezo; a data da chegada á fonte si que pode ser correcta.

Nos derradeiros tempos xa había algúns días, fóra dos fixados como de balde, nos que se cobraba un xornal aínda que non lembro a cantidade; o muro longo e alto das Parras, por exemplo, fíxose xa cobrando; a pedra carrexouse, dende as zonas dos Vales, coa carroceta contratada a un madeireiro da parte de Quiroga. Logo, unha vez tivo o camiño axeitado, aproveitouno para tirar moita madeira de varios propietarios; lembro unhas enormes toradas de piñeiro que lle mercou á familia “Ribera” nun eido de Paradela; sacáronas pola carrúa do monte: Lucenza, Penedal, O Chelo e carreira abaixo até A Quinta. (supoño que se trata do mesmo vehículo do que nos fala xoselois na fermosa anécdota que nos contaba hai uns días)

O núcleo duro do que se fala si existiu; os nomes supoño que permanecen na lembranza de todos, polo menos dos que vivimos o momento e dos que dalgún xeito tiveron novas do proceso; cómpre ter en conta ademáis que, en situacións semellantes, sempre hai opinións contradictorias sobre quen foi máis ou menos importante no desenrolo dunha obra “senlleira”. Si vou lembrar un veciño que poida que ninguén o situe no núcleo de “animación”, pero si no de traballo e, ao meu entender, foi moi importante, ademáis asumindo riscos altos cada día de traballo. Estou a referirme ao “Ajenor da Rosa”(da Carreira) que, como especialista en explosivos, foi o encargado de manipular, preparar, e facer estalar tódolos barrenos ao longo dos anos que durou a obra e, que eu saiba, sen contrapartidas.

Por sorte, para todos, non se produciu ningún accidente, de gravidade, durante a execución da obra; supoño que o “morral de coñecementos” adquiridos por moitos dos veciños nas grandes obras da comarca levadas a termo polas empresas: Saltos del Sil, Dragados, Cachafeiro... tivo moito que ver coa ausencia de desgrazas persoais.

Saúde e boa viaxe.