Vostede está aquí

Navea na Idade Media

Nome de Navea
No ano 1989 na universidade de Granada presentouse a tese “El monasterio de San Salvador de Sobrado de Trives: estudio histórico y diplomático” realizada por Antonio Martínez Sáez. Na tese aparece información sobre os foros feitos polo mosteiro de Sobrado de Trives en Navea. Expoñemos a continuación os datos que extraemos desta publicación e que nos parecen máis relevantes.
Navea idade media

Na tese dinos que, nos pergamiños orixinais, aparece Navea escrito de distintas formas: Nabioa, Noveda, Nabeoa, Nebeoa, Noval e Navea. E o río Navea aparece como Naboyoaa.

O mosteiro de San Salvador de Sobrado, de monxas bieitas, posuía propiedades e fixo foros ata o século XVI, no que se integrou no mosteiro de San Paio de Antealtares de Santiago de Compostela. Entre estes foros, aparecen varios de propiedades situadas na parroquia de San Miguel de Navea. En concreto aparece información de dez foros realizados en Navea (nove resumos e un íntegro):

CABANA DO ASNO

  • 22 de novembro de 1341. Dona Elvira Fernández, abadesa de Trives, afora a Vasco Rodríguez (sobriño da abadesa) unha cabana chamada do Asno que o mosteiro posúe na vila de Noveda, parroquia de San Miguel. Aforase a cabana con casas, terras, árbores e con todas as pertenzas. Deberá aboar cada ano dúas tegas de centeo no mes de agosto, dous cabritos e cinco pares de “dineiros brancos” pola festa da Pascua.

CASAL DO CAMPO E LEIRA OU LUGAR DE CASENANDO

  • 8 de decembro 1417. Foro feito por dona María Vázquez, abadesa de Trives, a Juan Alfonso e a María Fernández do casal chamado do Campo, na aldea de Navea, parroquia de San Miguel de Navea; ademais afóralles unha leira chamada de Casenando. A pensión designada é da quinta parte do viño e do grao para o casal e de catro marabedís pola leira.
  • 26 de abril de 1448.  Foro feito por dona María Sánchez, abadesa de Trives, a Gonzalo de San Miguel e a Costanza González, a súa muller, dun lugar na aldea de Navea chamado de Cassenando; unha leira no lugar chamado do Carballo, outra “su adebeza do Seixo” e outra en Rubiais; a casa do campo no lugar chamado O Campo. A renda anual será do quinto do froito producido polas terras, mais dous marabedís viexos, mais dez por luctuosa.
  • 23 de febreiro de 1466. Foro feito por dona María Sánchez, abadesa de Trives, a Gonzalo Pérez e a María González, a súa muller, dun casal na aldea de Navea chamado do Campo, mais a leira do Casenando e dez casas, todo elo na parroquia de San Miguel de Navea.

CASAL DO CANEIRO

  • Ano 1460. Foro do casal do Caneyro, sito en Navea, a Juan Domínguez.

CABANA DO MOREDO

  • 28 de maio de 1466. Foro feito por dona María Sánchez, abadesa de Trives, a Pedro González da cabana do Moredo, ademais dunhas herdades de viña, leiras e cortiñas que o mosteiro posúe en diversos lugares, por pensión do quinto do pan e do viño, seis marabedís e outros quince por luctuosa.
  • 28 de decembro de 1468. Foro feito por dona María Sanchez, abadesa de Trives, a Costanza Alfonso, dunha cabana na aldea de Navea, chamada do Moredo, ademais doutras leiras no mesmo lugar, por renda do quinto do pan e do viño e oito marabedís viexos e un presente á abadesa todos os anos.

FOROS MÁIS XERAIS

  • 27 de outubro de 1474. Foro feito por dona María Sánchez, abadesa de Trives, a dona María Álvarez de Lousada, de todas as herdades e propiedades que tiña o mosteiro na parroquia de Navea, por pensión de trinta marabedís, e as demais voces cincuenta, mais outros cincuenta de luctuosa.
  • 22 de outubro de 1482. Copia dun foro no que Inés García de Lousada afora a Alonso Gómez e a Leonor Fernández, a súa muller, e a Rodrigo Eanes e á súa muller María Álvarez, todas as herdades que o mosteiro ten desde a Ponte Navea ata Caldelas e Quiroga, por pensión de 430 pares de blancas.
  • 1483. Foro feito a Pedro Yanes e María Álvarez e dúas voces, a Domingo Gómez e á súa muller e catro voces, duns lugares en Navea, ante Roy González, escribán.

 

 

Datos de Navea: 

Comentarios

Parabens Manolo e Marta por esta nova aportación sobre a istoria de Navea.

Dende logo hai que recoñecer que Navea ten un longo pasado, a ver que nos depara o futuro.

Boa tarde a tod@s.

 (17)  Parabéns, Manolo:

Moi bo traballo de investigación, supoño que, con moitas horas de dedicación. Un busca/rebusca, coma o “achou”, e claro, recolledes a colleita.

O apelido Lousada, que figura nun dos foros do ano 1474 onde afora todas as herdades na parroquia de Navea, seguía vivo no século XIX. Na primeira metade dese século: Fernando Rodríguez Valdonedo(fillo da casa da Quinta) casou con: María Pérez Losada, (filla da casa do Campo, que ben poidera ser o chamado nalgún dos foros “Casal do Campo” e tamén “Casa do Campo”). No foro figura “Lousada”, supoño que ao longo dos séculos evolucionou castelanizándose en “Losada”.

Saúde e boa viaxe.