“O MAGOSTO” (lembranzas) (33)
Boa tarde a tod@s:
No noso lugar “O Magosto” celebrábase o día un de novembro,(ou sexa maña) coido que segue a ser igual (dígoo xa que teño entendido que noutros territorios, da mesma Galiza, “O Magosto” ven a ser: o consumo de castañas acompañadas de viño calquera día de novembro. Aínda que tamén se converteu, sobre todo nas vilas, nun acontecemento cultural ancestral e festivo). Era un daqueles días que tódolos nenos/as agardabamos con moita ilusión. A festa organizabámola entre todolos cativos en boa harmonía. Á saída da misa, no “Xogo da Bola”, era o punto de xuntanza e partida para irmos, de porta en porta, á procura dalgún produto que nos servise para facermos o xantar: un chourizo, ovos, un anaco de xamón, touciño, pan, aceite, doces …
Logo as rapazas maiores eran as que, por propia inicitativa, se encargaban de facer o guiso unha vez analizada a recolleita. Gostában daquela situación de “nais” por un día. Organizaban todo: mesa, sentadoiros, vaixela, comida e mantiñan a orde de toda aquela canalla.
No noso “Magosto” as castañas ou “bullotes”, que é como se dicía (supoño que continúa a ser así), non formaban parte do menú do día, xa que era un produto habitual e diario na dieta de tódolos fogares da bisbarra durante o tempo de outono/inverno.
Á ledicia propia da festa engadíase a situación de sentírmonos ceibos xa que case tódolos maiores ían á “Feira de Santos” á Pobra (dicían que era a máis grande e importante do ano). Aproveitaban ese día para a venda daquilo que lles sobraba e para a merca do que lles era máis necesario (auténtica economía sostíbel). Un dos produtos “estrela” eran as “parrochas” que logo se comían á cea no entorno familiar.
Xa logo a festa foi mudando ao tempo que se ían contando anos. As lembranzas bulen vivas na memoria, aínda que un chisco borrosas. Van aló tantos anos...
Desexo que poida continuar a tradición.
Saúde e boa biaxe.
Comentarios
SAMAÍN
Interesante tema o iniciado por brdaquinta. Vou, logo, ententar aportar algunha cousiña. Certo é que teño poucas lembranzas de cando era un cativo, e son bastante difusas. Probabelmente que uns cantos anos antes se vivise con máis intensidade e paixón esta festa. O primeiro recordo lévame ao forno que está,ou estaba, por riba do Souto, preto do antigo transformador(non sei exactamente o nome do lugar). Naquela ocasión, as rapazas "maiores" fixeran o xantar( por certo, lembro o desgusto da miña nai ao ver a pota queimada polas labaradas). Tamén lembro outro no forno do Paulino da Quinta, o pai do Domingo. A partir deste momento, hai un longo período onde o magosto de Navea desaparece do meu maxín. Este trasládase a Ourense. Era(non sei se é) o magosto con maiúsculas. Era un espectáculo observar como na tarde-noite do San martiño todo Ourense parecía unha enorme cacharela(nada que ver cos incendios dos tempos modernos). Coido que non quedaba ninguén en Ourense sen participar; institucións públicas e privadas, familias, colexios, empresas...celebraban o magosto. Posteriormente, sendo xa mozos(e non tan mozos) viñeron os magostos na chabola do Miguel na Proba e logo na casa nova. Tamén se fixeron no alpendre de secar os chourizos do Fausto e na miña propia casa.
Non quero deixar pasar a ocasión de comentar un aspecto relacionado e do que só teño vagas referencias. Refírome ao feito de colocar nas paredes das casas ou nas encrucilladas dos camiños algún tipo de artiluxio luminoso(xeralmente cabazas), con aspecto aterrador e, relacionar, deste xeito, o magosto cos defuntos, as ánimas... (animo ás persoas que poidan aportar algo sobre o tema, o fagan). O que si poido dicir é que hoxe, en Galiza,estase producindo un renacemento desta festa, moi interesante desde o punto de vista antropolóxico e que estaba a punto de desaparecer. Recuperouse co nome de SAMAÍN. Quero resaltar, inda que soe a corporativismo, o traballo e esforzo que dende os colexios, fundamentalmente de infantil e primaria, fixeron para recuperala. Parece que a orixe desta celebración hai que levala ata os nosos antepasados celtas e que estaba relacionada do remate do ano e o comezo do ano novo. A lenda dinos que na noite do 31 de outubro ao 1 de novembro, as ánimas regresaban para visitar ás familias; por iso se lles deixaba o lume aceso, así como comida e bebida para que tivesen unha boa acollida. Mais, existe tamén a interpretación contraria, as ánimas eran inimigas e perigosas, polo que os habitantes dos castros se defendían colocando as caveiras dos inimigos nas paredes das casas con candeas dentro para asustalas. Obviamente, pasado o tempo xa non se empregaban as caveiras do inimigos senón que se baleiraban nabos grandes aos que se lle abrían boca e ollos, con candeas dentro, para darlles aunha expresión estarrededora. Moi posteriormente, seculo XIX, os nosos curmáns irlandeses levaron este costume aos EE.UU. Eles trocaron os nabos por cabazas e devolvéronnos(a todo o mundo) esta celebración co nome de halloween. Dado que estamos nunha época na que todo canto nos veña dos ianquis é asumido con entusiasmo, por case todos, pois aí está este evento de enorme repercusión social. Afortunadamente o noso Samaín resite. Resistirá?
Saúdos e saúde.