“SOS” PARA O NOSO TREN “NAVEA ESTÁ NO MUNDO”.
Boa tarde para tod@s:
Ben, non podo crer que o noso “AVE” parroquial (agasallo duns veciños emprendedores) non poida ter sostibilidade. Somos moitos os que aínda quedamos e contamos con Navea no noso ADN. Xa que logo, cómo non vai ter posibilidades de reconducír a situación de esquecemento na que se atopa?
Cómpre reparalo e botalo a andar de novo.
(Disculpádeme polo título, poida que sexa un chisco esaxerado...)
Saúde e boa viaxe.
Comentarios
"SOS"?
Poida que o "SOS" sexa esaxerado, mais ten razón brdaquinta canda lanza un laio pola pouca actividade, non últimos tempos, do noso xornal. Ben é certo que non é doado manter unha páxina deste estilo, cunha renovación e actualización continua de contidos; unhas veces por falta de tempo, outras por preguiza ou desleixo, outras por cansazo físico ou síquico e, tamén, ás veces, por falla de ideas interesantes.
De tódolos xeitos, mentres o fundador, Manolo, non decida outra cousa, seguiremos botándolle unha ollada a facendo algunhas modestas aportacións, co único obxectivo de suscitar a curiosidade e, de ser posíbel, a participación coral.
Saúdos e saúde.
SOS? (Non, só unha alerta).
SOS?
(Non, só unha alerta) 42
Boa tarde :
(Este artigo fora redactado antes do meu esaxerado “SOS” pola páxina “Navea está no mundo”(4/6/18)
É unha alerta, coido que, máis coherente. Non sabería dicirvos o porqué non saiu publicado naquel intre e agora si. Ben, supoño que son teimas de vello... )
Despois dun tempo calado (obrigado por razóns persoais), vou facer unha reflexión aberta a tódolos que, dun xeito ou doutro, mantedes certa fidelidade co proxecto/realidade “Navea está no mundo”.
Hai uns días, durante a xuntanza no tanatorio de Santa Coloma con motivo do pasamento do noso veciño, amigo e parente, Gabino (q.e.e) (ánimo para toda a familia do Campo), tiven a oportunidade de falar un ratiño co Luis (o home da Nieves). Escoitando a súas explicacións arredor da preparación das xuntanzas, que ano tras ano se veñen celebrando na parroquia, decateime da ilusión que lle pon ó negocio(1), ademáis de horas de lecer, traballo... Teño entendido, por comentarios de veciños e familiares asistentes, que o éxito desas xuntanzas é manifesto e, xa que logo, dalles renovados azos a tódolos que participan na preparación para seguiren co proxecto.
Ben, pois velaí o porqué para facervos chegar este comentario que, certo é, tiña pensado xa en moitas ocasións pero sempre o deixaba para logo. Pois ese logo xa chegou.
Algo así, coma coa preparación e realización desas “xuntanzas” dos veráns, tiveron que facer os veciños que idearon, realizaron e levaron a bo porto a posta en marcha de “Navea está no mundo”. Os creadores, seguro que deixaron no negocio(1): horas de lecer, implicación de colaboradores (amigos ou non), habería que poñer cartos... (nada se fai sen eles), e como non “moita ilusión”. Pois coido que, para sermos coherentes, o mesmo que acollemos as xuntanzas dos veráns, debemos avaliar tamén como moi positivo e participativo este proxecto, e darlle máis voo. Non vos parece que este agasallo, do que todos tiramos ou podemos tirar beneficios, debería contar cunha acollida axeitada ao grande esforzo feito e ao beneficio que xera? (2)
Certo é que estou a mesturar dúas opcións que non teñen moito en común (aparte do traballo), xa que, entre sentar nunha mesa na que nos poñen diante “uns manxares” sen a necesidade de mercalos nen traballalos, ou ter que pelexar e traballar co “relato”que un leva dentro para poder ceibalo, a decisión poida que sexa moi doada e, case que sen decatarnos, xa comezamos a dar boa conta do plato de bo polbo, empanada ou calquera desas especialidades que temos na terra.
Na primeira colaboración que eu acheguei a web, aló van xa tres anos (mércores 25/3/15), facía un comentario arredor das persoas que figuraban nunha imaxe antiga tomada en Bos Aires. Tamén, aproveitaba para darlle a venbinda a web. Logo, o tema víñame a rego, convertía o proxecto nun “fermoso tren” (daí veñen as despedidas de “boa viaxe”) e estimaba que, olladas as entradas que xa levaba o “tren” en tan poucos días, aquelo botaría lume deseguida, ademais, tendo en conta a morea de naveás/áns que nos movemos polo mundo adiante, o imaxinario convoio non pararía derriba para abaixo por tódolos recantos do planeta e acadaría pronto un notábel éxito. Ben, pois agora que sería o intre de dicir se considero exitoso o proxecto ou non, chego á conclusión que non o sei, e que tampouco son eu quen para dicilo. Gostaría poder dicir que si. E xa que non poder ser así, digo, que: poder ter ao meu dispor, unha ferramenta que me permite botar a voar “pesados discursos”, que logo alguén alá onde sexa os poida ler, e ademais que poida haber algún deses posíbeis lectores que hata lle agraden... e non os considere “pesados”, pois claro que é todo un éxito, alomenos para min.(3)
Ben amigos, este longo comentario vai por suposto con ánimo “construtivo” e co desexo de animarvos a subir ao “tren” para que de verdade sexa un éxito. Estou seguro que hai moito que contar das vivencias naveás, si, esas que todos levamos connosco no fardel da memoria.
Prégovos a vosa dispensa por esta miña teima de enrrollarme mexturando asuntos e datas.
Só me queda rematar con: ánimos para Manolo e Xoselois para que se manteñan á fronte administrando esta fermosa “realidade”.
Saúde e boa viaxe.
(1) Deixo ir o termo “negocio” como sinónimo de: “tarefa, obra, asunto”. Non como “negocio, comercio lucrativo”.
(2) Estoume a referir a beneficios “culturais e comunicativos”.
(3) Cando foi redactado este artigo aínda non encetara Xoselois a súa espléndida e avaliada serie: “A lingua de Navea”. Cada nova achega é unha lección coa que nos agasalla e, ao tempo, demóstranos a súa mestría e grande coñecemento da nosa fala. Temos moita sorte, os que visitamos a páxina, de poder gozar dunha redacción agradábel que permite unha doada e comprensíbel lectura. Posiblemente moitas das palabras que nos amosa témolas na memoria, pero están aí coma dormidas... e esta lectura fainas espertar dese sono acomodaticio para poñelas en movimento. Agora si, coido, que podemos dicir alto e claro que é un “éxito rotundo”.
Grazas a Xoselois pola constancia en darnos bos motivos para seguir visitando a páxina.
Grazas tamén a Gabino (fillo de Gabino e Áurea) polo seu empuxonciño para que vise a luz este artigo.
Saúde e boa viaxe.