Despois dun prolongado silencio debido unhas veces ao desleixo, outras ao cansazo e, nalgúns casos, á falta de ideas, vou retomar a actividade para narrar algunhas historias, anécdotas ou acontecementos que forman parte do noso pobo e das nosas xentes.
Neste caso, omitirei o nome do protagonista principal, inda que deste xeito a historia "perda forza". Ben certo é que as historias contadas son tan inocuas que case é imposíbel que alguén se sinta ofendido. Valorarei en cada caso se dar os nomes reais ou non.
Ben , pois o certo é que alá polas anos 60 aínda había moita xente en Navea e o "bun" do fútbol era impresionante. Navea necesitaba un estadio coas dimensiós axeitadas e en consoanacia coa exquisita calidade futbolística dos naveáns(xenios futbolísticos com o Gabino, o Miguel, o Manolo e o Ernesto necesitaban onde expresarse). Despois dunha búsqueda infrutuosa, alguén tivo unha extraordinaria idea: lembrouse de que nun lugar bastante alonxado había unha zona chaira chamada "o Modanco" A respeito do nome, debo dicir que teño as miñas dúbidas se empregar o masculino ou o feminino, ou, cecais son lugares próximos, pero non o mesmo? E posíbel que alguén nos poida sacar de dúbidas. Para situar á xente que non teña nin idea de por onde andamos, direi que o lugar está ubicado máis arriba da Borrén no camiño que ía cara O Pegureiro e cara A Mallada, antes da cavarca.
O lugar reunía tódalas condicións para se converter no futruro Estadio Nacional de Navea. Un visionario animou e reclutou un nutrido grupo duns vinte mozos e mozas, moi traballadores eles, que botaron un par de días loitando con entusiasmo e ledicia contra as uces, as xestas, os toxos e os fentos. Montóns de feixes de estrado foron rozados, que o noso protagonista de encargaba de xuntar en gavelas moi ben feitiñas. Rematado este primeiro proceso quedaron en voltar provistos de aixadas, sachos, legóns..para deixar o chan sen pedras e apto para a práctica deportiva. Incluso se pensou en sementar herba facendo un desvío na auga da cavarca. Mais o certo foi que ese gran proxecto quedou niso xa que en xuño do 2018 aínda non se retomaron as obras.
Parece,xa que logo, que o promotor tiña un obxectivo máis pragmático có do campo de fútbol: reclutar operarios para facer unha grande rozada para logo ir traendo o estrado pouco a pouco.
Dise que durante os dez anos seguintes estivo apañando estrado sen que a fouce sufrise desgaste algún.
Saúdos e saúde
Comentarios recentes