Boa tarde: (44)
(Hoxe, segundo día de confinamento por mor do “Coronavirus”, póñome a revisar o fondo de artigos gardados sen saír á luz; paro nun que, en principio, non ten ren a ver co noso lugar, aínda así coido que merece a pena sacalo e deixálo voar, por se alguén quer dispor).
“LA HISTÒRIA DE L'ANSELM / A HISTORIA DO ANSELMO”
Gosto de compartir “traballo solidario” cun veciño de Sant Andreu, nomeado Anselm; conta con noventa anos, ás costas, cheos de vitalidade.
Di que chegou a Sant Andreu, coas primeiras ondas da emigración, dende o seu “país Valencià”. Ten unha visión moi crítica co concepto de “crisi” que se ten na actualidade.
Visítoo na súa “tenda” de recollida e venda de libros, de segunda man, para obxetivos solidarios, en Senegal e Nicaragua, no que nalgún apartado tamén colaboro; é toda unha fazaña de formiga, xa que as transacións, son de un euro por exemplar; ben, di que tamén hai colaboradores que deixan algún euro máis da conta; euro a euro, o pasado exercicio xuntaron algo máis de 9000, cantidade moi importante, que axuda a levar a porto os proxectos encetados.
É unha ledicia escoitar este home no seu “sonoro català/valencià”; o local/parada, está situado na zona que da paso ás paradas de comestíbeis no mercado de Sant Andreu (na actualidade nunha carpa provisional, por remodelación do antigo edificio).
Sempre, moi amábel, atopa algo que lles decir a tódalas persoas que pasan por diante, para facer as súas mercas nas paradas que están máis dentro separadas por unha porta de vidro.
Chega unha mociña, con rasgos sudamericanos, e para a ollar e follejar libros; actúa con moita precaución, supoño que, para non desordenar aquela orde rigurosa, que demostra a personalidade do vendedor; o Anselmo, que se decata da situación, deseguida lle da azos para mirar e remirar e dille que pase detrás do mostrador que atopará máis; tamén lle pregunta se busca algunha obra en concreto...
Todo un profesional da venda, aínda que nunca antes tivera relación comercial co público, (está a falar comigo pero non deixa a súa obrigación) vaime relatando o que, ao seu entender, estamos facendo mal cos nosos fillos e netos.
Di que el chegou a Sant Andreu, sendo un meniño, acompañado polos pais e un irmán un chisco maior; a súa residencia era “un cuarto” dunha vivenda alugada por unha señora coñecida de seus pais; contaba o piso con seis dependencias: tres cuartos de dormir, un para comedor, outro para cociña moi reducida e outro, para lavabo, aínda máis pequeno; ou sexa que eran “realugados”, xeito habitual naqueles tempos e, quen o ía dicir! Agora tamén andamos coas mesmas formas de vida.
A súa coñecida, e “boa mestresa”, pagáballe ao propietario un aluguer de trescentas pesetas, logo cobráballes: á familia do Anselm trescentas e á familia que residía no outro cuarto outras trescentas; ou sexa, que tiña un negocio moi redondo, pois, con só dous cuartos realugados, xa tiña dabondo para levar unha vida cómoda.
Traballaron os catro moi duro e moitas horas diarias, varios anos, para poder acadar un traspaso dunha vivenda semellante ao piso no que residían; tiveron que pagar corenta mil pesetas (unha verdadeira millonada).
Continua e di: oes falar á xente que pasa de continuo por diante de min, todo son queixas; e logo podes ver que todos: vellos, mozos, mociños, nenos, todos co seu móbil, con roupa ben boa, os raparigos con todo tipo de aparellos para desplazarse: bicicletas, patinetes de todo tipo... e, para rematar, todos falando do fin de semana, vacacións...
Ben, corrixe, todos todos non, pero case todos.
A ver Anselm, vostede coñece a morea de familias ás que a parróquia de Sant Paciá axuda cada día; non para de medrar o número de necesitados; a súa tarefa, aquí nesta paradeta, tamén axuda a encher o lote que se lles entrega; xa que logo, entende o que me acaba de relatar? Eu penso que non cadra...
Deixo, polo de hoxe, ao meu amigo a seguir atendendo a súa paradeta, pero antes de despedirnos confésame: isto, agora, é a miña vida; seguirei aquí, aínda que haxa de vir a rastro...
(Eu diría que algo cadra connosco. Coa historia de nós. Ou non?)
Saúde e boa viaxe. ( Ben, as viaxes de momento mellor deixalas)
Comentarios recentes