“OBRAS DE ARTE NAVEÁS” (54)
Boa tarde:
O territorio Naveán todo el é “arte” (disculpade esta miña afirmación tan categórica, sen contar con bases científicas para tal, pero eu agora, despois de moitos anos, véxoo así. O territorio naveá é moi variado (é certo que para cultivar é moi duro, pero agora non estamos a calificar este apartado), e iso dalle aínda máis beleza.
E de beleza temos a esgalla:
As cortiñas, con terras fértiles que nos permitiron a subsistencia por moitos séculos da nosa historia.
O noso río Navea, creador dese fermoso canón do que eu salientaría a zona de Rome, unha berdadeira maravilla.
As ferbenzas, que podemos atopar e admirar no río das Cabanas. Desde O Batán ata O Navea, é unha continua ferbenza.
Os paredóns, ao longo e amplo de case todo o territorio, para manteren o terreo a cuberto da erosión e podelo cultivar (cantos séculos de historia nesas verdadeiras obras de arte; (coido que habería tema de estudo para o traballo de fin de grao dos profesionais que se dedican, e algún podería obter o doctorando con boa nota).
As penas/penelas, que nos amosan fermosas “esculturas” naturais: nos Vales, na Lucenza, nas Penas da Cancela, no Redondo, no Lombo do Gato, na Pena da Santa, no Boleiro, coas casas da Ponte de chapeu, e moitas máis.
As minas do ouro, O burato, O Pigureiro, Os Folgueiros…
Miradoiros naturais, para poder gozar de tanta beleza: o alto do Grail, Ribón, Airela, Anduriñeira…
A natureza mostrouse moi pródiga co noso lugar. Logo, os nosos debanceiros souberon engadirlle elementos naturais para manteren protexida toda esa riqueza; tivemos que chegar estas últimas xeracións, pobres de nós, para estragalo case todo. Non soubemos recoñecer e avaliar a marabilla que nos legaron e que se nos foi, sen remedio. Só quedan pequenos “fachos” de resistencia meduliana, que merecen todo o noso recoñecemto, para coidar tanta beleza e así adiar a desfeita, ao tempo que seguen a xerar outras obras de arte.
Os diferentes graos de confinamento tiveron algunhas cousas boas, como contar con máis tempo ao noso dispor para saborear e gozar desas outras obras de arte que, ás veces, non atopamos o intre adecuado. Hoxe, domingo, eu atopei ese intre e tiven a boa idea de acompañar o xantar: un costelar de porco, da parte do lombo, cociñada ao forno, cun viño branco “godello” anada do 2018, dunha adega naveá.
Os entendidos e críticos do viño fan servir grandes tópicos, que repiten case sempre, para gabar os viños que consideran ou lles fan considerar aqueles que lles pagan.
Neste caso, a miña opinión é a dun simple consumidor, que gosta do viño en pequenas cantidades, e xa que logo, poida que non sexa a máis acreditada. Só direi que este viño, dunha cor dourada (lémbrame a palla do centeo a punto de sega no Seixo) ten un sabor moi, moi agradábel, e que é aconsellábel conterse para non ir máis aló do preciso.
Dínnos, eses que nos queren impor a súa “sabedoría”, que coa carne “marida” (vaia co termo) mellor o viño tinto; ben, pois eu coido que non ten porqué ser así, por exemplo: en Catalunya, é tradición acompañar o polo a” l'ast” (polo asado) con cava (viño branco é), pois a outra variade, o rosado, non ten moito saque; lembro que na casa da Quinta, en tempos xa lonxanos (eu daquela non probaba o viño) polo nadal, sempre sacaban o branco (claro é que tamén se pode pensar que o motivo era a pouca cosecha que había de branco, e xa que logo, se valoraba máis), fose para acompañar lombo da matanza propia (sempre se facía por aquelas datas), perdices, coellos ou calquera outra carne.
Ben, certo é que cada un temos as nosas teimas e tamén todo o dereito a telas e, xa que logo, non precisamos de “gurús” que nos marquen o camiño para beber o que a eles lles peta.
Poidera ser que noutro intre non dixese nada desta gozada, pero como estamos nunha situación na que o tempo ao noso dispor é case que total, pois coido que é xusto comentar o que un sinte para agradecerlle ao adegueiro a súa sabedoría e bon facer co viño, a mesma que nos mostra noutras tarefas coas que nos adoita agasallar.
Coidádevos do bechiño; eu diría que un groliño de bo viño, de cando en vez, tamén nos vai axudar para mantérmonos a salvo dese raposeiro inimigo.
(31/05/2020)
Saúde e boa viaxe.
Comentarios recentes