"O GALARITO" (66)
Boa tarde.
(Para comezar este novo ano, logo duns meses calado, vouvos relatar unha historia de rapaces, xa que iso eramos daquela).
Houbo unha época, van aló moitos anos, na que algúns veciños da nosa parroquia contaban cun aparello/trampa para pescar no río. Tratábase dun utensilio sinxelo, ao que alguén se lle ocorreu denominalo cun nome, coido, ben sonoro: “galarito”. Compúñase dunha armazón de arame de ferro cuberto por unha rede de fío. Tiña forma de cono con dous ou tres niveis, separados, nos que se lle puña o cebo, e só unha entrada pola base. O peixe podía ollar a carnada desde calquera ángulo e tíñao moi doado para entrar pero non para saír.
Meu irmán Luis, mercara un cando andivera traballando unha tempada polos Coballos. Coido que llelo trouxera de Quiroga un compañeiro. Traía peixe tódolos días.
Máis tarde, xa cando meu irmán se trasladara a Catalunya, vendo como un do grupo, de festas e fatigas, que tamén contaba cun deses aparellos e cada día nos daba regomela co peixe que traía, algúns da cuadrilla pensamos que habiamos de mercar o preciado aparello.
Daquela, os da miña casa decidiron que era o intre para arranxar unhas aixadas, pois acordamos co amigo e veciño Alfonso, iren a San Clodio (ao parecer, daquela, non había ferreiros máis a man). Ben, pois cada un meteu as súas ferramentas dentro dun saco e marchamos camiño de Montefurado coller o “Jaimito” (nome coloquial co que se coñecía o tren que viña desde Ponferrada).
Pasámolo día no lugar. Tivemos tempo dabondo para deixar as aixadas no ferreiro, mercar o “galarito”, xantar nun restaurante/café (moi, moi grande para unha vila tan pequena), visitar tódalas rúas do lugar, tamén unha propiedade enorme que sobresaía de entre tódalas da vila (dicían que era dun adiñeirado chamado Batanero). Dentro da finca destacaba unha construción central (supoño que era a vivenda dos propietarios), e logo un grande patio arrodeado doutras construcións: alpendres para servicios, cortes, galiñeiro, palleira, leñeiro… Xa logo, fóra do patio, un enorme xardín cunha piscina, que nos chamou moito a atención. Eu diría que aquela propiedade contaba con máis superficie có resto de toda a vila. Non tiña, alomenos daquela, vixiante nin cerramento para evitar intrusos (supoño que na actualidade non será así). (1)
O desexado galarito permitiume pescar moito e, mentres durou a experiencia, foi moi produtivo. Uns días que, un fato de rapaces do noso lugar, andabamos na planta de piñeiros por riba da central da Ponte, cada día, ao rematar o traballo, era o intre de retirar a pesca dos galaritos que deixaramos o día anterior. Sempre tiñan algo: barbos, sardas, troitas.. .
Pero non durou moito a ledicia, xa que moi pronto, posibelmente polo meu curto coñecemento no manexo do aparello, sucedeu o que, segundo os que tiñan xa longa experiencia, era normal. Ben, pois a festa rematou un día cando fun retiralo, víase cheo de peixe, sen pensalo moito tirei da corda con tan má sorte que a rede do aparello enganchouse nunha pedra , e non souben sácalo. Acudiu un dos compañeiros, máis experimentado, pero non houbo sorte, rompeu a rede e os prisioneiros aproveitaron o furado para liscar do cárcere.
A fustración ao ver aquela carga de peixe como desaparecía diante dos nosos ollos, sen lle poder valer, axudoume a comprender que aquilo non era para min, e decidín non mercar máis galaritos.
(Que este ano sexa mellor para todos. Para que se poida cumprir o desexo, coido que é bo continuar mantendo precaucións para que o becho, que aínda anda solto na procura de humáns incautos, non acade o seu obxectivo).
Saúde e boa viaxe
(1) Prégovos me disculpedes polo meu curto coñecemento dos lugares con historia que temos moi preto da nosa parroquia. Xa cando tiña escrito este relato pensei que sería lóxico intentar recoller información da casa do tal Batanero. Á vista do que sae nas referencias en internet vexo claro que as miñas lembranzas non son del todo exactas, aínda que si coinciden nalgunhas cousas.
Comentarios recentes