Vostede está aquí

A fonte da Quinta

“A FONTE DA QUINTA” (67)

Eu amo tudo o que foi.

Tudo o que já nâo é. (Versos do gran F.Pessoa).

Ben, pois non, a fonte da Quinta xa non é o que foi, aínda así, quero lembrar o que si foi, para así, poder gozala de novo.

Fiadeiro diurno?

(Poida que sexa un chisco atrevido o calificativo pero, aínda así, eu diría que algo había).

Temos a tocar o tempo de verán e, xa que logo, a calor chegará, coma sempre ou aínda máis, á nosa parroquia. O val profundo e fermoso, no que está ubicada, permítelle gozar dun microclima moi especial: temperado nos meses fríos, pero moita calor nos meses de verán. Para suavizalo un chisco e descansar un anaquiño, logo de xantar, había o costume de ir á fonte da Quinta. Eu diría que a maioría dos que fomos e os que aínda son, residentes na zona de influencia da fonte, lembramos e mantemos na memoria un aquel de “refuxio social” que tiña, ao parecer, dende tempos inmemoriais; viña a ser o “cuarto de estar” onde tiña cabida todo aquel que o desexaba para refolegar un chisco da calor e do cansazo. Nas horas que seguían ao xantar, mentres duraba o verán, o lugar era un fervedeiro de xente. As mulleres da Quinta, do Campo, do Souto, das Penas… aproveitaban esas horas para ir lavar; os homes tamén se achegaban ao lugar, tirando a tolemia que entra logo dunha pequena sesta, para participaren do calificado “fiadeiro”; mozos e mozas, nenos e nenas, todos e cada un ao seu traballo, ou, divertimento.

Arredor das pías, pendurados da alta parede que tiña conta do terreo do eido da Luisa (q.e.e), había uns louxóns para deixar as cántaras, os cestos coa roupa, ou calquera cousa das lavandeiras, pois tamén eran aproveitados como sentadoiros polos “fiandeiros”.

As conversas abranguían, coma en calquera xuntanza, todos os temas pero sobresaían as  transmisións de “novas” e “dixomedíxomes”,nos días soltos, xa que, nos domingos e festivos tiñan o seu oco no adro da igrexa e no Xogo da Bola. Tamén, no vule vule, había mensaxes que algúns mozos lles deixaban ir ás mociñas casadeiras que estaban a facer a súa faena. Alguén que viviu e gozou daquelas experiencias deixoume ir, hai xa algúns anos, que o deus “Cupido” fixera, dende sempre, unha tarefa moi interesante, mentres as aspirantes ó casorio facían o traballo que lles ordenaran súas nais.

Todos gozabamos do fresco ao aveiro da sombra que achegaban as moitas e diversas árbores que arrodeaban o lugar: negrillos, figueiras, concheiras, cerdeiras…, tamén, e sobre todo, a fresca auga que, cantareira, manaba polas calexas de ámbalas dúas fontes (hoxe da pena velas).

Os cativos iamos máis alá e aproveitabamos a laga para refrescarnos, aínda que o chan estaba cheo de lodos e o baño non era aló moi limpo. Comezabamos coa procura de coller unha mazá das moitas que caían dunha mazaira que existía no “Cortiñeiro”(propiedade do Sr. Anibal), baixaban roullando ata caír á poza, agreaban pero, ao tempo, tamén eran moi saborosas (coido que se perdeu aquela variedade). Logo, os máis atrevidos ían pasexándose pola laga sen lles facer caso ás mulleres lavandeiras que os chamaban á orde. Cando saían era de ver a roupa mollada e chea de lodos.

A xuntanza duraba ata que a calor comezaba a minguar e, uns tras outros, sen moita présa, ían marchando: primeiro os homes, as mulleres quedaban ata rematar a lava, logo os raparigos (se antes non viñera algún familiar lembrarlles aquilo que habían de facer e non fixeran) tamén ían marchando, aínda que, a regañadentes.

Estou a referirme a tempos nos que aínda non existía a estrada e, xa que logo, a fonte era un conxunto armonioso coa natureza dos arredores. Pasaba antes da reforma que se fixo aló no ano 1961 (coido que é a data que figura gravada no muro por riba dos dous canos; o gravador foi D. Dositeo, daquela, mestre na parroquia).

Agora, aínda que poida que sexa máis práctica, fáltalle un aquel de encanto romántico acompañado polos rechouchios dos paxaros, da auga e tamén polas gargalladas e xogos das veciñas/ños que alí acudían.

Saúde e boa viaxe.

Colaboracións: