Vostede está aquí

O TÍO COXO

      Quen foi este home? Canto hai de realidade e canto de mito?  En Navea todo o mundo oíu falar del pero case ninguén sabe ren. Porén, permanece no imaxinario colectivo e suscita, cando alguén saca o tema, interese e dúbidas. Animo a todas as persoas que poidan aportar algo sobre este persoeiro, o fagan,e, entre todos, reconstruír a súa historia. Este traballo contou coas aportación orais de Pedro Mondelo e Lola Fernández, as dúas persoas de maior idade do pobo, que por iso mesmo son as persoas que máis oíron falar do noso protagonista; tendo en conta, ademais, que foi bisavó da Lola. Dado que esta non o coñeceu e naceu no ano 1921, é fácil deducir que a súa vida transcorreu  na segunda metade do século XIX e, cecais, principios do XX. Viviu na  que que hoxe é a casa de Gregorio Núñez.

  Como se enriqueceu?  Conta  Pedro Mondelo o que segue: dalgún xeito caeu nas maos de certas persoas de Navea un "documento" que facía referencia a un tesouro escondido, debido á francesada(invasión de Galiza polas tropas napoleónicas). Este tesouro atopábase escondido preto da igrexa de San Roque na Pobra de Trives e non lonxe da estrada que vai cara San Fiz. Os "buscadores" convidaron ao "Tío Coxo"(polo que parece era un home moi pobre) a que os acompañase e os axudase nos labores de búsqueda. Levaron aixadas, legóns e outros trebellos para remexer na terra e atopalo. Distribuíron o terreo en parcelas e cada un ocupouse de remexer na súa. Nun determinado momento, o noso persoeiro petou cun obxecto metálico, que previsibelmente contiña algo no seu interior, aínda que el coidouse moito de que os compañeiros non se percatasen, pola contra, afirmou que na súa zona non había ren.  Deixou pasar algún tempo e voltou ao lugar para desenterrar o cofre co seu tesouro dentro. Deste xeito converteuse na persoa máis rica de toda a comarca.

    Empezou a facer investimentos, que naquel momento eran, fundamentalmente, terras. Así se tranaformou nun terratenente no país do minifundismo. As mellores terras(leiras e lameiros) de Navea, San Xoán de Río e tamén dalgún concello máis, pertenceron ao Tío Coxo. Arrendáballes as terras aos veciños e estes pagábanlle xeralmente cunha parte da colleita. Isto fixo que se xuntase con enormes cantidades de grao(centeo) polo que o tiña que almacenar en tullas(especie de silos para almacenar gran). Parece ser que tiña varias en diferentes pobos pero merece especial mención a do Seixo polas súas grandes dimensións. Estas tullas serviron de sustento a unha parte importante da poboación das terras de Caldelas e tamén da ribeira do Sil(Peites, Figueiredo, Montefurado...)

    Parece ser que tiña algúns "detalles" coa poboación da comarca, por exemplo prestándolles o diñerio para que os nosos labregos puidesen ir ás segas a Castela (xa llelo devolvían ao regreso). Tamén lles fiaba nos cargamentos de centeo e non lles cobraba ata que voltaban das segas con diñeiro.( Este fenómeno do cacique bo estaba moi presente na nosa cultura ao longo dos tempos)

        Reitero e animo a que as persoas que poidan aportar luz  sobre este persoeiro o fagan neste foro. Por exemplo: cal foi o seu  nome de pila?

                                         Saúdos

 

Artigos: 

Comentarios

Os diarios "El Correo De Galicia" e "La Correspondecia Gallega" informan, o catorce de outubro de 1903, que faleceu na súa casa de Navea o ex-alcalde de Trives: Domingo Núñez. Pola data, polo apelido e polo feito de ser alcalde de Trives todo parece indicar que se trata do "Tío Coxo".

O Tío Coxo

 

O Tio Coxo tamén foi o bisavó de Gregorio Núñez, según contaba o pai de Gregorio (Anibal), encontrou un tesouro de moedas nun pote moi grande que aínda estaba en casa en tempos de Anibal pero que foi vendido aos chatarreiros. 

Domingo Núñez seica tiña grande fortuna pero tivo moitos fillos que non a administraron ben.

 (6) TÍO COXO? - O COXO?

Interesante relato do “Tío Coxo”. Ben, concordo case que en todo o escrito ata agora, aínda que, matizarei algún apartado e farei algunha achega.

Real? Mito?... Eu trasládoo tal cal me chegou. Supoño que a maioría, dos que nacemos e vivimos anos na parroquia, escoitamos comentarios arredor do personaxe. No meu caso poido decir que moitas veces. Lembro as longas noites de inverno, cando aínda era ben neno, nas que arredor do lume e á “lus do candil”(Fole) se formaba un faladoiro diario ao que acudían persoas fixas. As andanzas deste home xurdían, decotío, mesturadas con contos e historias máis ou menos amañadas de: cazatas, zorra da morgaza, santa compaña, lobo da xente, escapados ....e un longo etcc. Logo, había que ir para o leito, e ….non había luz eléctrica. A escuridade botábase a un....

O alcume, “O Coxo” ou “Tío Coxo”, apuxéronllelo polo defecto físico que o facía coxear. O de “Tío Coxo” supoño que quedaría na contorna familiar, xa que, noutros ámbitos coñecíase como “O Coxo” simplemente.

Canto hai de mito? Pois, é o de sempre en situacións semellantes, moito. Case sempre que se tratan sucesos pasados, baseándose na tradición oral, ocorre o mesmo.

O nome de pila era “Domingo Núñez”, (non teño datos do segundo apelido) foi alcalde da Pobra, uns dez ou doce anos.

Era un home astuto e ousado, e demóstrao coa xestión do tesouro, aínda que hai outra fazaña, ao meu parecer, máis demostrativa do seu enxeño. Disque, na época da derradeira desamortización, (supoño que contando con información de privilexio) adiantouse ao decreto e negociou a merca dunhas terras directamente co bispado. Unha vez axustado o prezo, acordaron que se desplazaría até Astorga para facer entrega dos cartos e rematar a transación. E, de que xeito? Pois, coma na obra de Mark Twain (non sei se foi antes ou despois) “Príncipe e Mendigo”. O caso é que, colleu o seu criado vestiuno de amo e el vestiuse de criado, montaron nas cabalarías, e.... para Astorga. O troco tiña a súa lóxica, agocharse de posibeis atracos, xa que daquela os camiños eran longos e perigosos.

Foi “un” dos que fomentaron a necesidade de partillar as augas. Contrataron os técnicos axeitados para levar a bo termo o traballo (que non era pouco). Colaboraron case todos os veciños, coas cotas que lles correpondían en % á superficie das propiedades, aínda que, ao parecer houbo algún que non colaborou, e, xa que logo, os seus eidos non contaron con auga.

Unha vez rematada a partixa, o notario estendeu a escritura e as copias que correspondía facer segundo as normas notariais. Entre elas a dos ordenantes ou solicitantes (os veciños). Este documento quedou baixo o seu depósito,(supoño por que era unha persoa relevante na parroquia) aínda que, non en calidade de propietario, xa que, coma a totalidade do proxecto, fora costeado polos propietarios dos eidos. Cando algún veciño tiña dúbidas ou se armaba algunha lea, por mor do tempo de auga dun determinado eido, alí comparecían para aclaralas. Supoño que continuará na mesma casa .(hoxe dos irmáns Julia e Gregorio)

Coido que é un documento ao que se lle debería dar valor e protección. E... porque non depositado no arquivo que corresponda? Ben, claro está, sempre contando coa vontade dos depositar

A súa parte do tesouro foi o comezo da escalada, e o que lle permitiu operar de “prestamista” pedindo xuros....ao seu arbitrio. (compre ter en conta que, daquela, a banca non existía no rural, os cartos andaban escasos, así pois, os prestamistas tiñan “barra libre”). Obrigaba aos solicitantes a prestacións de garantías patrimoniais. Había debedores que non podían retornar os importes pactados, en prazo, e xa que logo, executaba as garantías que ían engrosar o seu patrimonio. (as situacións que se están dando hoxe, ao longo e amplo do territorio español, poida que sexan aínda peores).

Hai aquel dito, que acotío empregamos na nosa terra, “cada feirante fala da feira segundo lle foi nela”. Os veciños de Navea falaban, maioritariamente ben, obedecendo á súa dependencia. Tamén se atopaban preto, para calquera necesidade, do “valedor”. Pero, e......que pensarían e falarían, polo baixo, aqueles aos que lles foran usurpadas as súas propiedades? “Todo é (era) silencio”(Rivas).

Estraña a súa decisión de manter a residencia na parroquia, tendo en conta as obrigas como alcalde, e, contando ademáis con varias casas da súa propiedade na Pobra.

Saúde... e boa viaxe.

( Escrito redactado en datas anteriores á saída na Web de documentos que teñen relación co aquí exposto).

                       Parabéns pola exhaustiva e moi elaborada aportación de berdaquinta sobre o persoeiro " O tío Coxo" ou "O Coxo"(para min sempre foi Tío Coxo, cecais por ter certa relación familiar). Eu descoñecía totalmente o feito de adiantarse á Desamortización, iso demostra unha enorme "habilidade" pola súa parte.

                  En canto ao que formula navea sobre que pasou coa súa fortuna, algo se ten oído en canto a   como se despilfarrou. Por iso, se alguén ten datos críbeis, sería moi interesante coñecelos. 

                                           Saúdos e saúde

Grazas a Bernardino e ás persoas que antes aportaran datos sobre O Tío Coxo (ou O Coxo) imos coñecendo a biografía dun personaxe importante na historia de Navea.

Un feito que aparece reflectido na prensa galega da época, foi o asalto que sufriu na súa casa de Navea o 2 de xaneiro de 1987. Os asaltantes foron detidos rapidamente. A detención levárona a cabo forzas do exército, debido a que a garda civil estaba acuartelada en Ourense. Os xornais nos que vimos a noticia aproveitan para criticar ás autoridades por ter a toda á garda civil na capital e deixar aos pobos sen protección.

Varias persoas preguntáronme que foi da fortuna do Tío Coxo. Non teño idea de a onde foi parar. Se alguén ten información deste tema que se anime a publicalo.

Saúdos a todas e todos.

“O COXO “

(HERDEIROS DILAPIDADORES)    (10)

Boa tarde a tod@s:

Arredor dos grandes patrimonios, sobre todo cando foron adquiridos sen moitas dificultades, existe o “dito popular” de que non chegan á terceira xeración. Pois é certo, podemos pensar e mirar para a nosa contorna, e ben seguro atoparemos exemplos de casos que cadran coa sentenza recollida pola sabedoría popular.

Ben, pois na historia que nos ocupa así sucedeu e cumpriuse o adaxio. Os fillos do noso persoeiro, ao parecer, malgastaron unha parte importante do herdo mantendo un nivel de vida por riba das súas posibilidades. Outra parte perdérona polo camiño dunha má xestión patrimonial. E, xa logo, o resto é o que chegou a poder dos actuais descendentes.

Un dos fillos, Leonardo, marchou para Arxentina en compañía dunha “señorita”, e claro, os cartos acabáronse deseguida, incluído o capital conseguido coas hipotecas solicitadas con garantía das propiedades que lle quedaban.

Disque, un bo día, xa nunha economía moi precaria, un dos fillos moi bo mozo el, “laborou” para tiralos da miseria. E como? Pois xogando a ser outro “Coxo”. Daquela, unha adiñeirada dama arxentina solicitou a través da prensa “un mozo” para casar. (Non teño datos do que propuña na solicitude). O caso foi que o mozo “Gregorio”, así se chamaba, acudiu ó chamado xunto a moitos máis. É claro que tiña “os deuses” do seu lado, xa que foi o escollido pola moza millonaria. (Deste xeito retornaba a “deusa fortuna” para beneficiar a familia. E podemos dicir que o nivel acadado era superior ó do seu avó, xa que o económico viña da man dunha alta posición social).

Non sabemos de que xeito remataron as súas andanzas pola Arxentina. Si sabemos que mandou cartos para, previo levantamento das hipotecas, recuperar as propiedades. E, claro está, “quedar coma un señor”.(Posiblemente, levantar esas cargas, fose unha concesión aos desexos do pai para mellorar o seu nome).

(Este escrito vai coa intención de axudar a dar respostas ás preguntas feitas na web. Pero, penso que, debemos recuperar as preguntas iniciais: Mito? Realidade? Credibilidade? As miñas fontes, para min, teñen máxima credibilidade, aínda así sempre pode haber erros. Xa que logo, cada un debe ser quen para tirar as súas propias conclusións).

“Festa major de Sant Andreu”

Saúde e boa viaxe.