Vostede está aquí

NAVEA: PASADO, PRESENTE E FUTURO?

            Bo día.

                                                                   Como temos unha nova sección para debater e confrontar, vou propor e iniciar un tema de discusión que, se os usuarios, actuais e vindeiros, o consideran de interese, sirva para a análise e a proposta de ideas. O tema, como non podía ser doutro xeito, refírese a Navea e o título, como xa observastes é Navea: pasado, presente e futuro?

       Está claro que pasado tivo e presente ten, mais, ten futuro?. Formularei, para ir escomenzando, algunhas cuestións:

-Por que se produciu o terríbel declive demográfico de Navea?

-Será Navea un pobo abandonado, coma outras moitas aldeas galegas?

-Que cambios se deberían producir para o rexurdimento do pobo?

...

     Para inicar a discusión e suscitar o debate plantexarei unha primeira reflexión:

-Coido que a causa fundamental do esmorecemento é de tipo económico. A economía de Navea basada na produción a pequena escala dun gran número de produtos non dá moita rendabilidade.

- O sistema de reparto de terras, que significaba que unha familia puidese ter 100 eidos e algúns deles de 5  metros cadrados.

- Tamén sinalarei que a partir dos anos 60-70 houbo unha inercia que propiciou un éxodo do campo ás cidades. Parecía que o traballo na terra non tiña valor, mentres que calquera traballo na cidade era mellor.

                Nada máis por hoxe. Espero que o tema sexa do voso interese e anímovos a formular ás vosas ideas no foro.               Saúdos e saúde.   

                                        

 

               

Querido Xoselois,

Desculpas por non responder ás preguntas que presentas no foro.

Este mes teño moito traballo e pouco tempo libre. Por outro lado, non sei escribir en galego e dáme una certa vergonza  facer faltas de ortografía e de sintaxe. Pero, finalmente, teño un momento libre e vou a comentar ás túas preguntas, pedindo desculpas por o uso, penoso, do galego.

O descenso demográfico que houbo en Navea na década dos  60 é moi semellante ao que ocorreu noutros pobos de Galiza e de España. O minifundismo solo garantiza a supervivencia e a xente de Navea viu na emigración unha posibilidade de mellora. Buscaban mellores oportunidades en cidades industriais españolas e europeas. Ás industrias destas cidades encontrarón nas rexións agrícolas a man de obra barata que precisaban. Seguro que uns  animaron a outros, uns levaron a outros (a inercia da que falas). En todo caso, había que ser moi valente para deixar casa e familia e emprender longas viaxes, cando a maioría da xente non saíra nunca da súa aldea.

Non sei se Navea será axiña unha aldea abandonada. Mentres estedes Manolo e tu, parece difícil!!! Coidades terras e casas, ... mantendes viva Navea (agora no mundo virtual). A xente de Navea sempre quixo seu pobo (incluso eu, que teño  fama  de desarraigada e de  pouco de amor ao mundo rural). Moitos dos que emigraron  volveron cada verán, mesmo cando os pais ou irmáns xa morreran. E cando a saúde xa non lles permite ir (por exemplo, o meu pai) teñen morriña.

Pero os pobos que non teñen pequen@s teñen pouco futuro. Navea non os ten.  Tampouco ten unha produción clara. Ás pequenas propiedades agrícolas non teñen futuro nunha economía globalizada, a non ser que se especialicen en algo que interese ao mercado. 

¿Cómo imaxino Navea nos próximos anos? Como un lugar de descanso para os xubilados. A veces penso que  cando a nosa xeneración se xubile quizais pase máis tempo en Navea.  Levamos dentro a súa paisaxe e moitas lembranzas. Algunhas das características da nosa personalidade só se poden  entender se temos en conta onde nacemos.

A Elvira desarraigada, mais barcelonesa que galega, non quere que Navea sexa unha aldea abandonada. Sentiría un profundo dolor.

Bicos para todos

  En primeiro lugar, moito obrigado polo teu comentario eloxioso cara a nós. Como dis, un graíño de area si estamos aportando para que isto "aguante" algún tempo máis. Mais tamén é certo que  os anos van pasando e non se ve o relevo por ningures.

           Quero tamén comentar que nin ti nin ninguén debe preocuparse polo tema do galego( non é que eu non valore o feito de empregar  a lingua coa mellor corrección posíbel, pero as circunstancias son as que son- practicamente ningún dos usuarios fomos alfabetizados na nosa lingua). No teu caso, melloras o do 80% dos parlamentarios galegos e superarías  un exame de selectivo sen problema. Así que: TRANQUILIDADE E A EMPREGAR O GALEGO!

         A respeito das cuestións que plantexo e, en concreto, sobre as causas que provocaron a situación actual, coido que a túa diagnose é moi acertada e coincide, en xeral, coa  miña tese de que as causas económicas foron fundamentais. De cara ao futuro plantexas un porvir bastante optimista; mais por poñer un chisco de realismo dicir que  dende cando eu era neno lle oín a bastantes persoas que unha vez xubiladas voltarían ao pobo. Aínda, que eu saiba, non o fixo ninguén(que quede claro que isto non é un reproche pola miña parte, sinxelamente  son as circunstancias persoais).

        Quixera convidar novamente aos usuarios a entrar no foro para realizar comentarios(sobre todo, do futuro). Probabelmente no solucionaremos nada pero é enriquecedor.

                         Unha aperta e ate a pròxima.

 

NAVEA : PASADO, PRESENTE E FUTURO? (7)

--------------------------------------------------------

 

NAVEA – PASADO. ./..

 

Boa tarde:

 

Tema interesante. Concordo coas análises de colaboradores anteriores, aínda así, anaderei outras circunstancias, do que para min foi unha desfeita demográfica, cunha forte compoñente “política e a mantenta”, lebada a cabo en toda Galiza e (como ben di Elvira) semellante á que tivo lugar na maior parte do territorio estatal, agás claro está, naqueles territorios aos que iamos parar con brazos fortes e desexos de progreso. (Aquí vemme á mémoria a obra de Francesc Candel, “Els Altres Cataláns”, que retrata unha boa parte da historia da emigración a Catalunya. Recomendo a lectura deste libro aos que teñan interés no fenómeno). Tamén no noso país tivemos voces, xa en tempos lonxanos, que nos puxeron o problema diante dos ollos. ( Lembrades aquilo de: “Este vaise e aquel vaise, e todos,.....”).Rosalía e algún máis puxeron no seu día o dedo na cerna do problema.

Os que, por uns motivos ou por outros decidimos coller o tren, tivemos oportunidades de mellora, e coido, sinceramente, que debemos estarlles agradecidos ás comunidades que nos acolleron. Pero, canto aportamos nós ao “PIB” deses mesmos territorios? Ai!....se eses brazos mozos houberan tido esas oportunidades na Galiza, outro galo nos cantara. (Lembro unhas declaracións do Fraga, gabándose das políticas levadas a termo no rural galego. Viña a dicir que eles puxeran Galiza a altura dos países máis desenvolvidos, xa que a migración do campo ás cidades, propiciara unha ratio rural/urbá ideal). Si, era unha afirmación certa pero tamén perversa, pois ao mesmo tempo agochaba que a poboación que se mantiña no rural estaba composta, na maioría, por persoas moi bellas e, xa que logo, non estaba asegurada a necesaria renovación xeracional, para a subsistencia normal do agro galego. O remate estaba programado e cantado.

Había que “domar” aos territorios díscolos. E que mellor doma que encher de cartos ás “elites” autóctonas, e de man de obra barata ao dispor dos empresarios para así atraer máis inversores e industrializar, máis aínda, as xa daquela economías avanzada? Ao mesmo tempo xerábase unha “mestizaxe” que iba frear a deriba “perpetua” de autogoberno e independencia.(Vendo a situación actual en Catalunya, está claro que non quedou todo atado ).

Para alá foron canalizados todos os aforros do resto do estado, as remesas dos emigrantes na Europa e tamén o capital inversor foráneo. Ben, todos todos.... non, un bo % foi para os petos dos que manexaban a maquinaria,”poderiamos dicir que para engraxala”. E logo!, como tiña que ser. Os tempos son outros, máis, os feitos son cuspidiños.

E como serían as vilas e aldeas da nosa Galiza se as inversións foran repartidas dun xeito máis equitativo? Pois, eu penso que se houberan creado industrias con postos de traballo e, xa que logo, poboación fixada no seu territorio. Posiblemente non habería para todos, pero unha boa parte houbera quedado na súa aldea, e a situación sería ben diferente. Os eidos, pequenos ou grandes, non se ouberan abandonado, xa que a súa producción, aínda que costosa, sería un bo complemento para a economía familiar. Habería nenos/as, novos/bellos, ou sexa, o que ven sendo unha sociedade normal. Como tiña que ser. Pero, claro, isto é pura ficción.. Voluntaria ou a forza a “doma e castración” da Galiza ven de lonxe. Ou non?

Ben, aquí deixo o tema por hoxe. Continuará outro día, con propostas de futuro.

 

Saúde e boa viaxe.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 NAVEA : PASADO, PRESENTE E FUTURO?

(8) NAVEA,” FUTURO”. ../..

 

Boa tarde a tod@s.

(Hoxe continúo co anunciado na colaboración anterior).

Ben, alá imos a “imaxinar unha situación utópica”,(aínda que deixaría de selo se se demostra que pode ser viábel), e, xa que logo, podermos gozar dese “rexurdimento” do que nos fala Xoselois.

Como queda exposto nos anteriores escritos (concordo con eles) un dos principais chanzos a salvar, no negocio que nos ocupa, é a “raquítica superficie das parcelas”. Eu engadiría, como problema tan importante ou máis, a falta de “camiños axeitados”.Tamén quedou amosada a “morea de cultivos” que só se corresponde con situacións de subsistencia de épocas superadas. Pois, xa que temos os problemas detectados, imos ver de darlles a solución axeitada:

Compre solicitar á Xunta a creación dunha “concentración parcelaria”.

Dos estudos e proxectos técnicos imos ver que:

1) As parcelas serán máis grandes.

2) Imos gozar duns camiños que permitirán o acceso ás novas parcelas, con tractores, etc..

3) Os novos camiños non “prexudicarán a ninguén”, xa que contarán no proxecto cun % dos terreos.

4) Estas conclusións demostrarán a “seguridade “dunha maior rendabilidade no produto final.

Unha vez convencidos das vantaxes do proxecto e acadada a súa aprobación, compre facer:

1) Solicitar un estudo dos terreos e cultivos axeitados a cada zona. Hortalizas, fruteiras, videiras e tamén especies arbóreas. (Poida que este apartado xa entre nos estudos de viabilidade).

2) Promover a creación dunha “cooperativa”.

3) Intentar, coa axuda dos tecnicos, acadarmos un ”consenso” de prioridade nas especies a cultivar, para así tirar máis rendabilidade.

Imaxinades o “Val do Navea” coas parcelas cheas, por exemplo, de cerdeiras? (As cereixas véndense moi ben, e a bo prezo). Viría a ser un Jerte en pequeno.

Tamén podería dedicarse todo ao cultivo das videiras, tornando ás orixes non moi afastadas. (Temos unha situación privilexiada, e supoño que non sería dificil poder formar parte da denominación “Ribeira Sacra”).

Ou de árbores nobles? Poida que fose a mellor idea, e a máis doada de levar a termo. (España é o país de Europa que máis madeira noble importa). Non vos parece que as nogueiras medran axiña case que en todo o noso territorio? Bueno, tamén as cerdeiras bravas, os castiñeiros...... E, xa logo, as zonas pobres e abruptas podémolas encher de piñeiros.

Para tirar adiante este proxecto, ademáis de consensos, habería que agardar anos, poñer cartos, e, termos a administración connosco. (Arredor das “parcelarias” lembro unha situación que se deu nunha comarca preto da nosa.: unha vez aprobada a solicitude, cos estudos de viabilidade rematados e o presuposto aprobado pola Xunta, veu o alcalde/cacique de sempre e logrou parar o proxecto. Así dorme dende o ano 1988. Dicían veciños dos lugares afectados que o tal alcalde non vía con bos ollos aquilo da concentración, xa que cría que ao final sairía perdendo poder e cartos). Así nos vai.....

Ben, isto é o que eu penso, e xa que de momento aínda nos deixan pensar, pois un dalle ao maxín..... Supoño que haberá tantos posíbeis proxectos como naveás/áns quedamos, en Navea e polo mundo adiante.

 

Saúde e boa viaxe.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

                          Quero felicitar a brdaquinta polo traballo lúcido, brillante e moi elaborado, como nel é costume,  a respeito do posíbel futuro do noso pobo.

       Vou,sinxelamente, introducir un par de consideracións.

     - Hai dous aspectos básicos nos que, coido, todos estamos de acordo. O primeiro é o reagrupamento dos eidos( o nome de concentración parcelaria crea algunhas reticencias no noso país). O segundo é a construción de pistas para poder acceder con maquinaria a calquera lugar. Estas serían dúas condicións innegociábeis.

   - Non vexo, ou cando menos a min non me gustaría que Navea se adicase á explotación forestal, inda que fose con especies nobres. Penso que sería  desaproveitar as condicións  que a natureza non brindou. Cecais de Santamariña ata o Seixo se puidese levar a cabo tal función.

   -Para min, Navea debería ser un especie de verxel que abranguería dende  a cavarca dos Rousos ata o Regueiro con diferentes cultivos, sobre todo hortalizas e árbores froiteiras, facendo fincapé en produtos tan acreditados como a cereixa e a pavía.  Sen esquecer o viño ao que se adicaría todo o territorio que vai dende Coído ata a Mallada(tamén a parte norte de Casenando).

             Soñar é barato, sobre todo esperto; así que, por que non?

                                   Saúdos a toda a comunidade.

NAVEA, “FUTURO” . (18)

Boa tarde a tod@s:

Aínda que con atraso, quero agradecerlle a Xoxelois as gabanzas, poida que non merecidas, aínda así non menos agradecidas.

Xa van aló uns meses dende a última aportación sobre o tema, disculpádeme a miña teima, pero vou volver ao negocio.

Concordo co que di Xoselois arredor do privilexiada que é a terra da nosa parroquia. Posiblemente teña toda a razón para que, á hora de escoller os cultivos, teñan prioridade as hortalizas e froiteiras. Eu mesmo incluíaa, no meu escrito, como unha das posibilidades a ter en conta. Pero eu vexo un problema, para min, importante: “temos unha superficie, aproveitábel, reducida”. A menos superficie ao noso dispor, menos capacidade de produción e menos rendibilidade, xa que logo, imos ter que precisar que procuramos: termos unhas terras coidadas simplemente? acadarmos a rendibilidade adecuada para que as familias que as traballen poidan gozar a vida coa dignidade que lles corresponde? As miñas experiencias e coñecementos do agro, podemos dicir que, son máis ben escasas. Vós tedes máis ca eu. Só o convivir no medio rural xa xera un “fardel”que, día a día, se vai enchendo desa sabedoría coa que a terra agasalla a quen a coida. Diso, nós, os que vivimos afastados, carecemos, xa que logo, podedes opinar con máis autoridade.

O termo, ou definición, do nome a empregar para xuntar as parcelas é o de menos, sempre que se manteña a filosofía: “aumentar a superficie e abrir camiños de acceso axeitados sen prexudicar a ninguén”, senón non pode chegar ese “rexurdimento”. E, unha vez acadada a modificación das propiedades, ao meu parecer, non debemos esquecer a posibilidade de promover a creación dunha “cooperativa”, xa que vai ser a ferramenta que permita podermos ofertar unha produción, dabondo importante, que redundará nun mellor prezo final. Ben, certo que antes de todo, cómpre contar cun estudo de viabilidade económica que será o “facho” que nos alumeará para que as decisións a tomar teñan certa garantía de éxito. Os tempos nos que a “supervivéncia” xa era unha festa hoxe non van a ningures. O día a día non se mantén fóra duns beneficios que permitan unha economía suficiente para gozar a vida, podemos decirlle normal, que abrangue e arrastre polas obrigas e cargas que nos botamos ao lombo, a miúdo, totalmente innecesarias. Os enfoques “románticos” xurden en ocasións semellantes con moita frecuencia, xa que é humano e coherente amar o pasado, aínda que non melloran a economía, case nunca.

(O proxecto de crear unha cooperativa non é un tema novo na parroquia aínda que para moitos poida selo. Hai xa ben anos, aló pola década dos sesenta, houbo un intento, non sabería dicir ata onde chegaron as xestións.O tema veu promovido polo técnico da, daquela recén aberta, “Oficina de Extensión Agraria” na Pobra. Era un mozo, supoño que titulado recente, con ganas de traballar. A pesares das súas explicacións e bos xeitos, moi poucos veciños se engancharon ó carro. O home cansou de explicar os vindeiros e seguros beneficios e, vendo a cativa aceptación, deixou o asunto. Máis adiante logrou que viñesen ó lugar uns monitores, da mesma “Extensión Agraria”, para dar clases de diferentes materias sobre o agro. Case todos, os que asistimos á presentación do curso, saímos da xuntanza coa certeza de que era de interese. Confirmouse esa impresión coa asistencia “masiva”, enchendo cada tarde a escola das rapazas. Trataron materias de: enxerta, poda, fumigacións, un chisco de cultura xeral e remataron falando das cooperativas. Cómpre ter en conta que estou a tratar da época posiblemente máis alta de produción e venta de froita na parroquia e, xa que logo, un asunto que interesaba moito a todos.

Houbo sesións prácticas de: poda e enxerta en varias parcelas, tamén se fumigaron (con insecticidas facilitados polas firmas do sector) todas as árbores froiteiras, incluídas as de propietarios que non asistían ao curso.

Non lembro a durada, poida que andivese polos dous meses. Aqueles mozos, eran moi novos aínda, quedaron moi satisfeitos da resposta e interese dos asistentes.

Naquel mesmo ano, tamén conseguiu montar unha “Feira de maquinaria e productos agrícolas” polas festas do Cristo. Non lembro que continuidade tivo aquel evento, xa que foi naquel tempo que deixei Navea.

É claro que xa non podemos saber como houbera ido, o “crecemento/decrecemento” do lugar, de haber levado a termo o proxecto. Posiblemente as circuntancias actuais serían outras ben diferentes).

Ben, só son cavilacións, como di Xoselois, saen tan baratas..... Poida que tamén un chisco pesadas, non si ? Disculpade, pois.

(ao fin temos boas novas en BCN, "AUGA".  Xa era hora)

Saúde e boa viaxe.