“A SANTA COMPAÑA NAVEÁ” (55)
Bo día.
(Hoxe, día de “Aninovo”, vou deixar ceiba esta historia/lenda para que, os que non a teñades no voso fardel da memoria, poidades decidir se vos merece a pena recollela, e así axudar a evitar a posibilidade de perdela).
Disque o tempo pasa voando, tamén que a percepción que un ten del depende da idade: cando un é novo, o tempo vai paseniño, paseniño..., cando xa un vai collendo anos, estes van collendo outra velocidade, e logo, non digamos cando un xa tomou conciencia de que é vello, entón os anos voan.
Ven isto a conto xa que o que vos vou relatar, a min paréceme que pasou onte, pero non, xa van aló moitos anos, poida que 80 ou 90 anos.
Eu escoiteille este relato a un familiar, que contaba con ben anos as costas, máis tarde escoiteino doutros relatores, máis ou menos igual. Coido que era coñecido pola gran maioría da veciñanza naveá; viña a ser así:
Resulta que, como digo arriba, nun tempo xa moi lonxano vivía na parroquia, una parexa de casados con ben anos enriba, pero aínda con azos para seguir o camiño. Pero nestas, a pobre da muller colleu unha grave enfirmidade e, aínda que viñeron médicos a visitala non puideron curala, ós poucos días faleceu.
Quedou o homiño só, pois os fillos andaban pola diáspora coma moita xente moza e non tan moza da parroquia. Soportaba a súa soidade con moita dor pero o correr dos días, aínda que lentos tamén pasan nestas circunstancias, fórono levando e afacendo á nova situación.
Tal foi así que, de non saír a fóra da casa, pasou a ir botando pé fóra e tratando de retomar as relación habituais cos vecinos da súa contorna que deixara de lado; tamén o noso amigo comezou a saír á noite facer as súas necesidades fóra, a carón da casa, coma sempre fixera antes do pasamento da súa dona; nun dos primeiros días, aló arredor da medianoite, a lúa brillaba e alumeaba todo o patio e contorna da casa, sentíase seguro alí dentro, pero un certo formigueo nas pernas, si que o sentía. Non fixo caso e, coma un gran home, foi ao recanto onde tiña unha especie de cagatorio. Alí se colocou na posición adecuada, estaba o homiño atarefado naquela incómoda posición, cando comeza a ver máis luz, unha luz diferente da da lúa, ao tempo que tamén oía como ruido de pasos de persoas. De socate comeza a oír : cheiro carne humana!, cheiro carne humana! Diferentes voces, unhas veces unha soa, e otras moitas xuntas. Logo oe unha soa voz que lle soou coñecida, ordenando: pasade e calade! Pasade e calade! Si, si, sen dúbida era a súa dona, que saíu na súa defensa, para que os demais procesionarios o deixasen tranquilo.
O noso amigo, pensou moito no que lle sucedera aquela noite, e decidiu que ía seguir saíndo para corroborar se era certo ou se só fora un soño de vello.
Nos día seguintes, o home, con certo medo pero ao tempo con valor para poder escoitar a voz da súa dona, seguiu saíndo para facer as necesidades habituais... pero ao parecer a Santa Compaña naveá decidira coller outros vieiros e o noso protagonista quedou sen poder oir de novo a voz da súa dona que tanto botaba de menos.
Agora si podía crer na Santa Compaña, ao tempo que lembraba as veces que fixera mofa doutros veciños que contaban casos semellantes.
Saúde e boa viaxe!
Comentarios recentes