Vostede está aquí

Placa estrada (actualizada!)

Placa estrada
Placa estrada
Placa estrada
Placa estrada
Placa estrada
Placa estrada

Intervención de Luis Fernández

Intervención de Camilo de Casenando

Intervención de Xosé Lois Nogueira

 

 

Comentarios

     O sábado, 17 de agosto de 2019, quedará marcado na nosa historia recente. Na citada data levamos a cabo o descubrimento da placa que homenaxea, facendo xustiza, aos que eu denomino heroes da estrada. Efectivamente, vai para uns 60 anos que eles iniciaron esta magna obra e, aínda que con retraso, chegoulles a hora do merecido recoñecemento.

     Eran preto das 12 do mediodía, ía bastante calor, pero alá marchamos, paseniñamente, percorrendo os dous km que nos separan do punto de inicio da estrada, na Ponte. Iamos alegres xa que tiñamos a idea de que debiamos aprobar, en agosto, unha asignatura pendente e tamén reparar unha débeda. Xuntámonos unhas corenta persoas, dende unha señora maior en cadeira de rodas ata unha meniña de berce con oito meses. Tamén persoas do barrio deshabitado da Ponte. Iniciamos o acto coa idea de ser moi breves, con intervencións mínimas, e que fose na mente de cada un onde se mergullasen e remexesen as ideas, imaxes, sentimentos...

     Comezou falando o Luís (da Laura e do Pepe) que explicou como se iniciou e xestou todo o proceso. Naceu nunha reunión de confraternidade en Barcelona; foi evoluíndo, a páxina de internet, NAVEA ESTÁ NO MUNDO, serviu de altofalante para a aportación de ideas, ata que se consensuou o texto definitivo. Tamén salientou Luís a importancia que tal vía tivo para o pobo (nós tivemos estrada antes que outras aldeas co contorno, onde era moito máis doado facela).

    A continuación tomou a palabra o Camilo (da Ramona e do Gabino). Recalcou a importancia que obra tivo para Navea (por exemplo, os camións que nos fornecían de mercadorías  podían achegarse moito máis e xa non había que apañar os sacos de fariña, de azucre ou os bidóns de aceite dende a Ponte, en burros ou ao lombo. Tamén os nosos produtos: cereixas, claudias...podían saír con máis facilidade para chegar ás prazas de A Coruña, Ponferrada...). Tamén resaltou Camilo o que significou esta obra en canto que foi un fito de traballo colectivo, solidario e cooperativo, co obxectivo de que redundase en beneficio de toda unha comunidade. Así mesmo, reiterou algo que mesmo queda escrito na placa: as escasas, case nulas, axudas das administracións; isto aínda lle dá máis valor.

         Finalmente tomou a palabra o Xosé Lois (da Lola e do Daniel) quen quixo agradecer, en primeiro lugar, o traballo desenvolvido polas persoas que levaron o peso da organización do proxecto e tamén ás persoas que o día anterior procederon á ancoraxe da placa sobre a dura rocha. Logo, salientou, unha vez máis, a grandeza da obra con termos como "proeza", "obra faraónica", "fazaña", polo que toda homenaxe resulta insuficiente. Rematou cun desexo: que este acto e esta placa sirvan para que nunca   caian no esquecemento estas persoas.

      Para rematar, catro persoas que participaron directamente nas obras: Domingo, Alfonso, Bautista e Paulino fixeron o DESCUBRIMENTO OFICIAL. Un sentido e prolongado aplauso puxo punto final.

     Como epílogo, tomamos uns petiscos enriba dos peitorís da ponte, algo que nos soubo a gloria xa que eran preto da unha do mediodía.  Logo fixemos o camiño de volta coa ledicia do deber cumprido.  GRAZAS  "HEROES" E GRAZAS NAVEA!

Saúdos e saúde.